DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 01 de marzo de 2007 Páx. 3.051

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 8 de febreiro de 2007 de autorización ás oficinas de farmacia para levar o libro receitario oficial por medios informáticos.

O artigo 12.4º do Real decreto 1910/1984, do 26 de setembro, de receita médica, e o Real decreto 2829/1977, do 6 de outubro, polo que se regulan as substancias e preparados medicinais psicotrópicos, así como a súa fiscalización e inspección da súa fabricación, distribución, prescrición e dispensación, se relacionan unha serie de produtos farmacéuticos que deberán ser anotados polo farmacéutico no libro receitario oficial trala súa dispensación.

A maneira de formalizar o libro receitario oficial seguida ata o momento atópase en clara contradición coas posibilidades que actualmente ofrecen as novas tecnoloxías, máxime se se ten en conta que moitas

das oficinas de farmacia contan xa con aplicativos que facilitan listaxes equivalentes ao citado libro.

Por outra banda, o uso de medios informáticos como ferramenta de traballo na farmacia comunitaria supón unha gran mellora na xestión e información dos medicamentos, e debe ser fomentada a súa introdución por parte da Administración sanitaria.

Co obxecto de facilitar a formalización do libro receitario oficial acorde cos avances tecnolóxicos actuais, e de conformidade co disposto no artigo 33.1º do Estatuto de Autonomía de Galicia, polo que se lle atribúe á comunidade autónoma competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de sanidade interior, e en virtude das facultades que se confiren nos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os farmacéuticos responsables das oficinas de farmacia poderán levar o libro receitario oficial por medios informáticos, de acordo co disposto nesta orde.

Entenderase por farmacéutico responsable o farmacéutico propietario, substituto ou rexente, segundo o seu caso.

Artigo 2º

1. As follas informáticas destinadas a libro receitario oficial deberán ser homoxéneas e de formato igual a DIN-A4. Estarán numeradas, do 1 ao 200, no centro da marxe inferior.

2. Na marxe superior dereita de cada folla figurará o código de oficina de farmacia outorgado por Sanidade.

3. No centro da marxe superior de cada folla levarán impresa a lenda Libro receitario oficial.

Artigo 3º

Estas follas informáticas presentaranse, antes de iniciar as correspondentes anotacións, ante a Sección de Ordenación Farmacéutica das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade acompañadas do modelo de solicitude de dilixencia e informe recollido no anexo I, así como modelo de follas de incidencias segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, co fin de proceder ao selado das follas do anexo II, así como á dilixencia e sinatura do informe do anexo I.

Artigo 4º

A documentación formada polas 200 follas seladas, anexo I e anexo II, formalizados de acordo co disposto no artigo anterior, conservarase de maneira conxunta e constituirán o libro receitario oficial.

Artigo 5º

As follas informáticas deberán consignar os seguintes datos:

a) Data de prescrición (día, mes, ano).

b) Número de rexistro de receita, formado polo número consecutivo que lle corresponda. A numeración iniciarase co primeiro asento informatizado e co primeiro de cada ano.

c) A prescrición facultativa transcrita conforme o disposto no artigo 6.

d) Número de envases.

e) Nome e apelidos do médico que prescribe, e código numérico persoal, ou número de colexiado, segundo corresponda.

f) Código de identificación persoal do paciente, ou o seu DNI.

g) Observacións.

Artigo 6º

Os datos obrigatorios de identificación de dispensación que se deberán consignar no campo de prescrición serán os que se especifican a seguir:

a) Para fórmulas maxistrais: deberase transcribir literalmente toda a prescrición facultativa tal como se atopa constatada na receita, así como o número de rexistro de elaboración.

b) Para as presentacións de medicamentos: consignarase o nome comercial e os datos que permitan a súa inequívoca identificación.

c) Para os preparados oficinais: consignarase a denominación que aparece no formulario de referencia, anotando o nome ou os datos mínimos para a súa identificación.

Artigo 7º

1. O farmacéutico responsable, que para efectos do previsto nesta orde será o farmacéutico titular, ou de ser o caso, o substituto ou rexente, asinará a folla destinada ao rexistro de receitas todos os días despois da última receita copiada, non podendo existir descontinuidade na numeración dos asentos, nin asinar follas que non estean formalizadas.

2. As incidencias que se produzan na formalización das follas informáticas destinadas ao libro receitario quedarán reflectidas no anexo II, debe anotar o farmacéutico responsable en cada ocasión, a data e a súa rúbrica.

3. O farmacéutico responsable conservará as follas informáticas un mínimo de dous anos.

Disposición adicional única

Nos casos en que se siga a utilizar o actual libro receitario oficial, este deberá seguir sendo dilixenciado e selado pola Sección de Ordenación Farmacéutica das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2007.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES