DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 01 de marzo de 2007 Páx. 3.036

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de febreiro de 2007 pola que se regulan as probas de acceso á universidade para os alumnos e as alumnas que cursaron as ensinanzas de bacharelato establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á comunidade autónoma competencia en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a de Santiago de Compostela, a da Coruña e a de Vigo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), define as características básicas do bacharelato, os seus obxectivos xerais, a súa organización en materias comúns, materias propias de modalidade e materias optativas.

Pola súa parte, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na súa disposición derradeira quinta, dispón que se manterá vixente o actual sistema de acceso aos estudos universitarios, mentres non sexa derrogada a Lei 30/1974, do 24 de xullo, sobre probas de aptitude para o acceso á universidade.

O Real decreto 1178/1992, do 2 de outubro (Boletín Oficial del Estado do 21), establece as ensinanzas mínimas do bacharelato.

O Real decreto 3474/2000, do 29 de decembro (BOE do 16 de xaneiro de 2001) modifica o Real decreto 1700/1991, do 29 de novembro, polo que se establece a estrutura do bacharelato, e o Real decreto 1178/1992, do 2 de outubro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas do bacharelato.

De acordo coa distribución de competencias que deriva da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia e conforme o establecido no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, de educación, correspóndelles ás administracións educativas establecer o currículo dos distintos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo.

Tendo en conta o disposto no artigo 5 do Real decreto 1178/1992, a Comunidade Autónoma de

Galicia estableceu polo Decreto 275/1994, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 31 de agosto) o currículo do bacharelato para esta comunidade autónoma, modificado polo Decreto 231/2002, do 6 de xuño (DOG do 15 de xullo), e a súa estrutura pola Orde do 4 de xullo de 2002 pola que se regula a organización académica do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de xullo).

O artigo 11 c) parágrafo 2º do Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro (BOE do 22 de xaneiro), polo que se regulan os procedementos para o ingreso nos centros universitarios, desenvolve o disposto no artigo 1 do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro), modificado polo Real decreto 990/2000, do 2 de xuño (BOE do 3 de xuño), modificado, a súa vez, polo Real decreto 1025/2002, do 4 de outubro (BOE do 22 de outubro), dispoñendo que os estudantes que teñan superado o segundo curso do bacharelato regulado na Lei orgánica 1/1990 (LOXSE) non poderán ser admitidos nos estudos universitarios sen a previa superación da correspondente proba de acceso.

Os exercicios da proba de acceso á universidade estrutúranse tendo en conta o carácter do bacharelato reflectido tanto nos seus obxectivos, comúns a todas as modalidades, como nas materias comúns e propias de modalidade que os alumnos e alumnas teñen que cursar e realizaranse en consonancia cos deseños curriculares base desta comunidade autónoma.

Como consecuencia da entrada en vigor da citada Orde do 4 de xullo de 2002, os currículos e estrutura do bacharelato sobre os que versarán as probas de acceso á universidade na nosa comunidade autónoma a partir do ano académico 2003-2004 foron determinados pola Orde do 19 de maio de 2003 (DOG do 28 de maio).

En virtude do exposto, por proposta conxunta da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitaria de Galicia, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e facendo uso da autorización expresada na disposición derradeira segunda do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro),

DISPOÑO:

Artigo 1º

A proba de acceso á universidade para os alumnos e alumnas co título de bacharelato, establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, valorará con carácter obxectivo, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica do alumnado, os coñecementos adquiridos nas ensinanzas desta etapa así como a capacidade para seguir con éxito os estudos universitarios.

Artigo 2º

A proba de acceso á universidade, que se realizará en chamamento único por convocatoria, calquera que

sexa a modalidade cursada, versará sobre as materias do segundo curso do bacharelato, de acordo coa distribución establecida pola Orde do 4 de xullo de 2002 (DOG do 29 de xullo), tendo en conta o que se determina na Orde do 19 de maio de 2003 (DOG do 28 de maio).

Artigo 3º

1. Poderá participar na proba de acceso á universidade o alumnado que estea en posesión do título de bacharelato, establecido na Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, así como os alumnos e alumnas que teñan superado o curso de orientación universitaria.

2. Anualmente celebraranse dúas convocatorias: ordinaria e extraordinaria. Cada alumno e alumna disporá dun número máximo de catro convocatorias para a superación da proba e considerarase superada cando o sexa por algunha das vías previstas no artigo 4º.1 desta orde. Non se considerará consumida convocatoria cando o alumno e alumna non se presentase a ningún dos exercicios.

Artigo 4º

1. Os alumnos e as alumnas, para realizaren a proba de acceso á universidade, poderán escoller, tendo en conta as materias cursadas, algunha das seguintes vías ás que están vinculadas as materias que se sinalan no artigo 5º, número 3:

-Vía científico-tecnolóxica.

-Vía ciencias da saúde.

-Vía humanidades.

-Vía ciencias sociais.

-Vía artes.

2. A vinculación entre estas vías e os estudos universitarios establécese no anexo á presente orde.

Artigo 5º

1. As probas de acceso á universidade constarán de dúas partes.

2. A primeira parte, de carácter xeral, versará sobre as materias comúns do segundo curso do bacharelato, apreciará a formación xeral do alumnado e estará concibida para avaliar destrezas académicas básicas, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe e as capacidades para analizar, relacionar e sintetizar, expresar ideas e, así mesmo, o coñecemento dunha lingua estranxeira. Esta parte constará de catro exercicios dunha hora e media de duración.

a) Composición dun texto sobre un tema ou cuestión de carácter histórico ou filosófico a partir de diversas fontes documentais incluídas na proposta de exame. A composición deberá integrar os coñecementos do alumno e alumna e a información facilitada. Na devandita proposta ofertaráselle ao alumnado dúas probas de entre as que elixirá unha.

b) Análise dun texto en idioma estranxeiro, da linguaxe común, non especializada. A partir do texto proposto o estudante realizará un comentario persoal

e responderá a cuestións relacionadas co texto, que serán formuladas e respondidas por escrito no mesmo idioma, sen axuda de dicionario nin de ningún outro material didáctico. Na devandita proposta ofertaráselle ao alumnado dúas probas de entre as que elixirá unha.

c) Análise e comprensión dun texto de lingua castelá e literatura. A proposta, que consistirá en dúas probas das cales o alumno e a alumna elixirá unha, constará de tres partes, en que se medirá: a capacidade de análise e síntese do contido do texto mediante a elaboración dun resumo e/ou esquema deste; o comentario crítico sobre o contido do texto e as respostas a un cuestionario de lingua castelá e literatura relacionadas co texto.

d) Análise e comprensión dun texto de lingua galega e literatura. A proposta, que consistirá en dúas probas das cales o alumno e a alumna elixirá unha, constará de tres partes, nas que se medirá: a capacidade de análise e síntese do contido do texto mediante a elaboración dun resumo e/ou esquema deste; o comentario crítico sobre o contido do texto e as respostas a un cuestionario de lingua galega e literatura relacionadas co texto. Os alumnos e as alumnas que teñan exención en lingua galega nalgún dos dous cursos do bacharelato non terán que facer este exercicio.

3. A segunda parte da proba, de carácter específico, versará sobre tres materias propias de modalidade do segundo curso. Entre elas, necesariamente incluiranse as dúas materias vinculadas a cada vía de acceso; a terceira elixiraa libremente o estudante entre as materias propias de modalidade cursadas. Esta parte apreciará a formación especializada do alumno e da alumna e estará concibida para avaliar destrezas básicas da especialidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe específica e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.

4. Respecto a estas materias, o alumnado necesariamente deberá examinarse das seguintes disciplinas vinculadas ás vías de acceso que se sinalan:

-Vía científico-tecnolóxica: matemáticas e física.

-Vía ciencias da saúde: bioloxía e química.

-Vía humanidades: latín e historia da arte.

-Vía ciencias sociais: matemáticas aplicadas ás ciencias sociais e xeografía.

-Vía artes: debuxo artístico e historia da arte.

En cada unha destas materias ofreceránselle ao alumnado dúas opcións de entre as que elixirá unha ou un único exame con diversas posibilidades de resposta. Estes exames poderán incluír comentarios, cuestións ou repertorios de problemas ou preguntas.

A duración dos exercicios destas materias será de hora e media para cada un deles.

Artigo 6º

Os estudantes poderán presentarse por unha ou dúas das vías de acceso previstas. Neste último caso deberán examinarse das catro materias vinculadas ás vías de acceso elixidas. O alumnado que se pre

sente ás probas polas vías de humanidades e artes unicamente deberá examinarse das tres materias vinculadas ás vías de acceso citadas.

Artigo 7º

A cualificación de cada un dos exercicios que compoñen a proba de acceso realizarase da maneira seguinte:

1. Cada exercicio cualificarase entre cero e dez puntos.

2. A cualificación da primeira parte da proba será a media aritmética dos catro exercicios.

3. A cualificación da segunda parte da proba obterase sumando o 40 por 100 das cualificacións obtidas en cada unha das materias vinculadas á vía e o 20 por 100 da materia de libre elección.

4. A cualificación global da proba será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas partes.

5.Cando se acceda por dúas vías, a cualificación do primeiro exercicio farase conforme se determina no punto segundo. Para o segundo exercicio haberá dúas cualificacións, unha para cada unha das vías, calculadas do seguinte modo: sumarase o 40 por 100 das cualificacións de cada unha das materias vinculadas á vía, e o 20 por 100 da cualificación máis alta das obtidas nas materias correspondentes á outra vía.

Para ser declarado apto por unha vía de acceso deberase obter, polomenos, catro puntos na cualificación global desa vía.

Artigo 8º

A cualificación definitiva para o acceso á universidade calcularase ponderando un 40 por 100 a cualificación global da proba e un 60 por 100 a nota media do expediente académico do alumno e da alumna no bacharelato, obtida tal e como se indica nos artigos 9º.4 e 9º.5 desta orde. Para considerar superada a proba de acceso á universidade por unha vía, deberase acadar unha puntuación de cinco ou superior na cualificación definitiva.

Artigo 9º

1. Os alumnos e as alumnas realizarán a inscrición e a proba de acceso nos lugares que determine a comisión organizadora designada para os efectos.

No prazo sinalado pola comisión organizadora das probas, o alumno e a alumna comunicará, mediante escrito dirixido ao director ou directora do centro, e segundo o modelo facilitado pola comisión organizadora, a vía ou vías de acceso polas cales concorre á proba de acceso, a terceira materia elixida libremente polo estudante entre as materias propias de modalidade cursadas, o idioma estranxeiro do que terá que examinarse na primeira parte da proba e, finalmente, sinalar se ten dereito de exención do exercicio de análise e comprensión dun texto de lingua galega e literatura, de acordo co disposto no artigo 5º.2 d) desta orde.

2. Os alumnos e as alumnas que desexen concorrer ás probas de acceso formalizarán a súa inscrición e aboarán as taxas correspondentes de acordo co

disposto no Decreto 117/2006, do 13 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2006-2007 (DOG, nº 144 do xoves, 27 de xullo). Estes trámites realizaranse no centro segundo os prazos establecidos no número 3 deste artigo. A comisión organizadora facilitará os modelos de solicitude e as entidades bancarias en que os alumnos e as alumnas deberán realizar o ingreso.

3. Os centros de ensino secundario e as escolas de artes aplicadas e oficios artísticos remitiranlle á comisión organizadora, no prazo e segundo o procedemento que esta estableza, a información relativa aos alumnos e ás alumnas matriculados na convocatoria correspondente da proba de acceso.

A dita información incluirá, polo menos, os datos básicos e persoais do alumno e da alumna; nota media do seu expediente de bacharelato; lingua estranxeira sobre a que versará a parte do primeiro exercicio regulada no artigo 5º.2 b); elección da materia-filosofía ou historia-sobre a que versará a composición do texto correspondente ao primeiro exercicio, se é o caso, conforme o regulado no artigo 5º.2 a) desta orde; a vía ou vías de acceso polas que concorre e, finalmente a materia propia de modalidade elixida libremente ata completar as materias das cales se debe examinar.

4. Para a obtención da nota media do expediente académico do alumno e da alumna a que fai referencia o artigo 8º desta orde, computaranse as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas dos dous cursos da modalidade de bacharelato cursada e consignarase un só decimal.

5. A nota media a que se fai referencia no punto anterior non incluirá a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión, de conformidade co disposto no artigo 16.3º do Real decreto 1700/1991, do 29 de novembro (Boletín Oficial del Estado do 2 de decembro), polo que se establece a estrutura do bacharelato.

6. A elección de materias ou da vía de acceso realizadas para a convocatoria de xuño poderá modificarse nas sucesivas convocatorias a que o alumno ou alumna teña dereito. Para iso, o interesado deberá notificarlle a súa decisión por escrito ao director ou directora do centro con anterioridade ao prazo que estableza a comisión organizadora para que poida ser incluído na relación que se lle remite á universidade.

Artigo 10º

1. A organización das probas de acceso á universidade é competencia da comisión organizadora.

2. Será competencia desta comisión para a organización das probas de acceso, adoptar, entre outros, os acordos procedentes sobre:

a) Definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame.

b) Establecemento dos criterios xerais de avaliación das probas.

c) Adopción de medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exames, así como o anonimato dos exercicios realizados polos alumnos e as alumnas.

d) Adopción das medidas necesarias para garantir que os alumnos e as alumnas poidan utilizar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma para a realización dos exercicios.

e) Coordinación cos centros onde se imparta bacharelato.

f) Designación e constitución dos tribunais

g) Resolución de reclamacións.

Para adoptar os acordos procedentes nas alíneas a) e b) deste punto, a comisión organizadora contará para cada materia co asesoramento do correspondente grupo de traballo.

3. A comisión organizadora informará os centros de bacharelato sobre a estrutura e a organización das probas, e facilitaralles modelos de exame das distintas materias en que se dará unha orientación sobre a puntuación máxima que se outorgará a cada parte, e os criterios xerais de corrección.

4. Despois da convocatoria de setembro, a comisión organizadora elaborará un informe en que, entre outros aspectos, se recollerán e avaliarán os resultados obtidos nas probas polos alumnos e alumnas dos diferentes centros en relación coas cualificacións dos seus expedientes académicos, así como cantos datos, consideracións e propostas consideren convenientes para a adopción de medidas que contribúan á máxima garantía de obxectividade das probas. Este informe seralle remitido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 11º

1. As probas deberán, en todos os casos, axustarse aos currículos e estrutura do bacharelato que se determinan no Decreto 231/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 4 de xullo de 2002 pola que se regula a organización académica do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A comisión organizadora encargará a elaboración das probas aos directores e directoras dos grupos de traballo, que poderán contar coa colaboración dos restantes membros do grupo, especialistas da universidade, dos servizos de inspección educativa, dos centros de ensino secundario e das escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, coñecedores do currículo do bacharelato, sendo de aplicación o disposto no título II, capítulo III, artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), referente á abstención e recusación.

3. As probas, elaboradas segundo os criterios que a comisión organizadora estableza, deberán incluír necesariamente os criterios xerais de corrección delas, especificando tanto o valor asignado a cada

unha das partes como aqueloutras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva. Así mesmo, a comisión organizadora encargará aos directores e directoras dos grupos de traballo a elaboración dos criterios específicos de corrección que servirán de base para a avaliación dos exercicios e para a resolución das reclamacións das probas que solicite o alumnado.

Artigo 12º

1. A comisión organizadora constituirá o tribunal único e as comisións delegadas e de avaliación das probas de acceso á universidade de acordo cos criterios seguintes:

a) O presidente do tribunal e os das diferentes comisións delegadas serán nomeados polo presidente da comisión organizadora entre profesores e profesoras dos corpos as que se refire o artigo 33.1º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria.

b) O secretario do tribunal e os das diferentes comisións delegadas serán designados pola comisión organizadora.

c) Cada comisión delegada está integrada, ademais, exclusivamente por profesores especialistas das distintas materias que compoñen as probas.

Os membros das comisións de avaliación serán profesores e profesoras especialistas designados en igual número entre profesores e profesoras de universidade dos corpos mencionados no punto anterior e profesores e profesoras de ensino secundario que estean a impartir a materia obxecto de exame, incluíndo tamén os profesores e profesoras de escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, e corrixirán un número de exercicios non superior a douscentos.

2. Unha vez designados pola comisión organizadora o presidente e mais o secretario das distintas comisións delegadas e de avaliación, designaranse os vogais entre aqueles profesores que lle solicitasen ao presidente da comisión organizadora formar parte delas.

3. Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso, os profesores e profesoras que formen parte das comisións delegadas e de avaliación non poderán examinar ou avaliar os alumnos do seu centro de procedencia, tendo en conta o disposto no título II, capítulo III, artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Un vogal designado por cada centro incorporarase á comisión delegada correspondente.

4. A comisión organizadora velará polo mantemento do anonimato do alumno e da alumna durante o proceso de realización e de corrección dos exercicios das probas de acceso.

5. Os criterios xerais de corrección as que se alude no artigo 11º.3 desta orde deberán ser coñecidos polos membros das comisións delegadas e polos alumnos e alumnas no momento da realización das probas. Os criterios específicos de corrección faranse públicos, unha vez realizadas estas, nos centros onde os alumnos e as alumnas finalizasen os seus estudos de bacharelato.

6. Unha vez corrixidos os exercicios, a comisión organizadora porá á disposición dos vogais designados polos centros os exames corrixidos para a súa revisión.

Artigo 13º

1. Os alumnos e as alumnas poderán presentar, no prazo de tres días hábiles contados a partir da data de publicación das cualificacións, as solicitudes de dobre corrección ou de reclamación nas materias en que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais e específicos de corrección a que se fai referencia no artigo 11º.3 desta orde. No devandito prazo, os alumnos e as alumnas non poderán presentar simultaneamente solicitude de dobre corrección e de reclamación sobre unha mesma materia.

2. Procedemento das solicitudes de dobre correción:

2.1. O prazo de presentación desta solicitude de dobre correción, perante o presidente do tribunal único, será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións. Os exercicios sobre os que se solicitase esta segunda corrección serán avaliados por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

A cualificación resultará da media aritmética de ambas as correccións, agás nos casos de erros de suma, en que a cualificación será a que resulte correcta e non a media aritmética. No suposto de que existise unha diferenza de tres ou máis puntos entre ambas as cualificacións, un tribunal distinto efectuará unha terceira corrección, outorgando a cualificación que resolverá a revisión solicitada. Este procedemento efectuarase no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo establecido anteriormente.

2.2. No prazo de tres días hábiles contados a partir da data de publicación da resolución do tribunal a que se refire o punto anterior, os alumnos e as alumnas poderán presentar, ante a comisión organizadora, solicitude de reclamación en materias en que previamente teñan solicitado a dobre corrección. A cualificación será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da dobre corrección, agás nos casos de erros de suma, en que a cualificación será a que resulte correcta.

3. Procedemento das solicitudes de reclamación:

O prazo de presentación desta solicitude de reclamación, perante a comisión organizadora, será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións. Os exercicios sobre os que se solicitase esta reclamación serán revisados por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

A cualificación será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da primeira corrección, agás nos casos de erros de suma, en que a cualificación será a que resulte correcta.

4. As solicitudes de dobre corrección e de reclamación deberán presentarse nos lugares de entrega e recollida de documentación (LERD), empregando os impresos específicos contidos nos sobres de matrícula.

5. Contra a resolución adoptada pola comisión organizadora, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante a propia comisión. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición.

Artigo 14º

1. Os alumnos e as alumnas de música e danza que estean en posesión do título de bacharelato, obtido ao abeiro do artigo 41.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e desexen acceder a estudos universitarios, farano por unha ou dúas das vías previstas no artigo 4º.1 desta orde, elixidas libremente no momento da inscrición. Realizarán completa a primeira parte da proba; da segunda parte da proba examinaranse unicamente das materias cursadas no bacharelato e vinculadas á vía ou vías elixidas.

2. A cualificación da primeira parte da proba será a media aritmética dos catro exercicios. A cualificación da segunda parte da proba de acceso para os alumnos e as alumnas de música ou danza será a media aritmética das materias vinculadas á vía. De acceder por dúas vías, haberá dúas cualificacións, unha para cada unha das vías. Para o cálculo da cualificación global e definitiva rexerá o disposto respectivamente no artigo 7º.4 e no artigo 8º desta orde.

Artigo 15º

Para aqueles alumnos e alumnas que no momento da súa inscrición xustifiquen debidamente algunha discapacidade que lles impida realizar a proba de acceso cos medios ordinarios, a comisión tomará as medidas oportunas para que poidan facela nas condicións máis favorables.

Disposición adicional

Única.

1. Para o control do número de convocatorias a que se fai referencia no artigo 3º.2, desta orde terase en conta o disposto no Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro). Unha vez superada a proba de acceso á universidade, os alumnos e alumnas poderán presentarse de novo en sucesivas convocatorias, ordinarias e extraordinarias, coa finalidade de mellorar a nota. A cualificación global obtida nas convocatorias para mellorar a nota será tida en conta unicamente se é superior á outorgada anteriormente. No caso de que o alumno ou alumna teña superada a proba de acceso á universidade por dúas vías de acceso, cando se faga uso desta posibilidade, a proba realizarase por só unha das distintas vías de acceso previstas. No caso de que o alumno ou alumna se presentase á proba de acceso á universidade por dúas vías, tendo superada a proba

por só unha delas, poderá presentarse de novo polas dúas vías, coa finalidade de superar a proba pola vía de acceso suspensa e para mellorar a súa nota pola vía de acceso aprobada. A posibilidade de repetición das probas non será obstáculo para que o estudante poida formalizar a súa matrícula na universidade no ano académico en curso en que realice as devanditas probas.

2. O alumnado que teña superado o curso de orientación universitaria deberá presentarse á proba de acceso á universidade de acordo coa normativa establecida nesta orde, elixindo libremente unha ou dúas das vías de acceso previstas no seu artigo 5º.4.

Disposición transitoria

Única.

1. Para esta convocatoria, as funcións da comisión organizadora a que se fai referencia no artigo 5 do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro), serán desempeñadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), coincidindo a presidencia da comisión organizadora e os seus membros coa presidencia e membros da CIUG.

2. Se por causas accidentais ou sobrevidas, algúns dos membros designados non puidesen desempeñar a súa función, a Administración autonómica designará unha persoa ou persoas que os substitúan no seu labor dentro da comisión organizadora.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para que, dentro das súas respectivas competencias, diten as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será aplicable para o curso académico 2006/2007.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

As vías de acceso que figuran no cadro anterior son as seguintes:

1. Científico-tecnolóxica.

2. Ciencias da saúde.

3. Humanidades.

4. Ciencias sociais.

5. Artes.

A vinculación das titulacións universitarias coas vías establecidas no número 4 do artigo 5º regúlase polas O.M. do 30 de maio de 1995 (BOE do 7 de xuño), O.M. do 26 de decembro de 1996 (BOE do 10 de xaneiro de 1997), O.M. do 28 de agosto de 1998 (BOE do 9 de setembro), O.M. do 6 de maio de 1999 (BOE do 8 de maio), O.M. do 25 de novembro de 1999 (BOE do 30 de novembro), O.M. do 27 de xuño de 2000 (BOE do 4 de xullo) e O.M. do 14 de maio de 2001 (BOE do 22 de maio).