DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2007 Páx. 2.885

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2007 pola que se convoca un curso sobre policía xudicial, inspección ocular e instrución de atestados.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso sobre policía xudicial, inspección ocular e instrución de atestados, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Coñecer a actuación policial como policía xudicial, afondando na necesidade da elaboración de atestados e dilixencias preprocesuais, con rigor e técnica procedemental, de tal xeito que se poidan constituír no plenario como proba de cargo.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de Policía Local de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 16 de marzo de 2007, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 27 ao 29 de marzo.

O horario será de 9.30 a 14.00 h e de 15.30 a 19.00 horas, e o día 29 de 9.30 a 13.30 horas.

Contido.

Módulo I: a policía xudicial e os principios básicos que informan a súa actuación.

Módulo II: o atestado policial e a instrución técnica de dilixencias preprocesuais.

Módulo III: o testimonio policial e a reprodución das actuacións policiais na fase de plenario.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 20 de marzo a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 02 41.

Lugar.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 13 de febreiro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Pública