DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2007 Páx. 2.881

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 17/2007, do 8 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, o conxunto de fontes termais das Burgas e o seu contorno delimitado, no concello de Ourense.

O conxunto termal das Burgas, os seus mananciais e o seu soar constitúen un elemento único e representativo directamente relacionado coas orixes da cidade de Ourense, pois elas mesmas conformaron o seu núcleo habitacional orixinario. Son As Burgas e o territorio adxacente ata o río Barbaña un elemento exterior ao actual núcleo urbano pero integrado historicamente nel, unha parte substancial da súa existencia, en uso continuo, onde se desenvolve parte da vida cotiá dos ourensáns.

Sendo as fontes termais das Burgas un elemento diferenciador da cidade xa desde a súa orixe, cun valor testemuñado desde hai séculos, cumpría adoptar as medidas necesarias para a recuperación deste ámbito fondamente ligado á historia e á identidade propia dos ourensáns, como símbolo da cidade de Ourense e referente singular dos viaxeiros que a visitan.

A cantiga popular identifica as tres cousas que hai en Ourense: o Santo Cristo, a Ponte Romana e As Burgas onde ferve a auga, trazos definidores dunha identidade conformada ao longo dos séculos arredor de tres fitos representativos de momentos históricos diferentes. O Cristo representa a relixiosidade medieval que converteu Ourense en cidade, como sé do bispo. A ponte é o signo do papel de encrucillada de camiños que abre a cidade desde a época romana e que pervive como valor de articulación de Galicia, por estrada ou ferrocarril. E, finalmente, As Burgas, forza matriz e conformadora do núcleo orixinario, don da terra nai aos homes que atopan nas súas nacentes acougo e apoio para a saúde.

E se os dous primeiros tiveron desde sempre un recoñecemento pleno da súa caracterización simbólica e monumental, As Burgas non acadaron esa plasmación do simbólico que constitúe o recoñecemento administrativo do seu valor patrimonial. Cómpre, xa que logo, dotalas da protección acorde a ese valor simbólico, testemuñado desde hai séculos, ao cal podemos aproximarnos desde realidades distintas,

todas conformadoras da realidade social do significado e recoñecemento que As Burgas, as nacentes e o seu aproveitamento representan para a cidade de Ourense.

Por tal motivo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e en virtude do disposto polo título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, así como polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ditou Resolución do 27 de abril de 2006, pola que se incoou expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, en favor do conxunto de fontes termais das Burgas e o seu contorno delimitado, no concello de Ourense, e se abriu un período de información pública polo prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, co fin de que cantos tiveren interese puidesen examinar o expediente e alegar o que considerasen

oportuno na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes, polo que procede darlle remate ao procedemento de declaración de conformidade co artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e así, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración.

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, o conxunto de fontes termais das Burgas e o seu contorno delimitado, no concello de Ourense.

Artigo 2º.-Delimitación.

Delimitar a zona afectada pola declaración segundo a descrición literal e o plano que constan nos anexos I e II do presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

ANEXO I

Estrato do expediente de declaración como ben de interese cultural do conxunto de fontes termais das Burgas, no concello de Ourense.

I. Datos sobre o ben obxecto da declaración.

1. Denominación: conxunto de fontes termais das Burgas.

2. Localización:

a) Comunidade autónoma: Galicia.

b) Provincia: Ourense.

c) Concello: Ourense.

d) Lugar: cidade de Ourense.

II. Datos administrativos.

1. Expediente nº: 01000.

2. Incoación.

a) Data de incoación: 27 de abril de 2006.

b) Data de publicación: DOG do 23 de maio de 2006. BOE do 29 de maio de 2006.

c) Data de comunicación ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural: 20 de decembro de 2006.

3. Instrución.

a) Institucións que emitiron informe favorable:

-Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

-Consello da Cultura Galega.

-Universidade de Vigo.

b) Data de apertura do período de información pública: DOG do 29 de maio de 2006.

Duración: un mes.

Alegacións recibidas: foron debidamente respondidas en tempo e forma as alegacións formuladas por interesados que teñen tal condición de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Foron presentados arredor duns 10.000 escritos de alegacións formuladas por cidadáns que sen ter a condición de interesados no expediente teñen dereito a obter da Administración unha resposta razoada consonte establece o artigo 86 da citada Lei 30/1992 e que, en síntese, reproducen a preocupación dos ourensáns respecto da innecesariedade de acometer o procedemento de declaración de ben de interese cultural, dos prexuízos e efectos adversos que o expediente lle ocasiona á cidade, da demora do proceso e a excesiva extensión da delimitación da área afectada pola declaración.

Respecto da innecesariedade de proceder á declaración do conxunto de fontes termais das Burgas como ben de interese cultural coa categoría de sitio histórico sustentado no feito de que a finalidade perseguida respecto á protección do citado ben cultural xa está garantida polo Plan Xeral de Ordenación Municipal e o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do núcleo histórico de Ourense, con base en que unha grande parte da zona incluída no perímetro delimitado que se pretende declarar ben de interese cultural xa ten parcialmente esta consideración, a través da declaración do núcleo histórico de Ourense como tal, cabe destacar que o conxunto das fontes termais das Burgas constitúe un elemento tan senlleiro como a catedral ou o Pazo dos Oca-Valladares, que si contan cunha declaración individualizada. Resulta indubidable que é tal a aura do lugar que non se pode afirmar que sexa equiparable a un barrio máis do núcleo vello da cidade. Se algo define o espazo das fontes é o seu

difícil encadramento dentro dunha categoría ben definida, dado que non presenta un interese especialmente relevante en ningún dos aspectos definidos na Lei do

patrimonio cultural de Galicia (artístico, histórico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico ou técnico) senón que participa de todos, en maior ou menor medida. Non se cuestiona que o feito urbano sexa unitario e garde certa continuidade, pero do mesmo xeito a arquitectura da cidade presenta acontecementos de distinto nivel con zonas de máis baixo perfil, sendo precisamente o espazo das Burgas o máis significativo da súa identidade. Ademais, o planeamento urbanístico vixente, na descrición contida na ficha de catalogación da zona das Burgas sinala expresamente que «parte do conxunto das Burgas se sitúa dentro do núcleo histórico da cidade de Ourense... Máis abaixo atópase a ponte da rúa do Progreso e a Casa de Baños, a Praza de Abastos e o seu contorno, ata chegar ao río Barbaña, como un agregado de espazos e edificios que forman parte das Burgas e que claramente desbordan os límites do núcleo histórico declarado ben de interese cultural».

En referencia aos efectos negativos da incoación do expediente de declaración de ben de interese cultural sobre o desenvolvemento urbanístico e a potenciación da cidade como eixo do termalismo en Galicia, así como a paralización de numerosos proxectos de rehabilitación de edificios xa iniciados, cómpre aclarar que a delimitación proposta ten unha clara significación por canto supón un mínimo control das actuacións próximas que poidan afectar un ben tan sensible como o conxunto das fontes termais das Burgas, precisamente porque xa sufriu numerosas intervencións, xustificadas en beneficio dun pretendido e mal entendido progreso ou ben por intereses económicos ou falsamente culturais.

No que atinxe a demora do proceso e a excesiva extensión da delimitación da área afectada pola declaración advírtese un erro en canto á información de que dispón a opinión pública sobre o prazo legal de resolución do expediente de referencia. Segundo establece o artigo 12.3º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, o expediente de declaración de ben de interese cultural deberá resolverse no prazo máximo de vinte meses, contados desde a data en que foi incoado. Como a dita norma expresa de xeito literal, trátase dun prazo máximo que non precisa ser esgotado e aínda neste caso o prazo teríase reducido notablemente de non ser polo inxente número de alegacións formuladas (preto de 10.000) que requiriron unha resposta motivada e concreta.

Debe apuntarse que a extensión da área afectada pola declaración sobre o territorio que ocupa a depresión situada ao poñente do núcleo antigo da cidade, busca a unificación dun espazo secularmente vinculado á vida da cidade, ás termas e ao río, así como a adaptación á verdadeira área territorial de influenza das propias Burgas.

O acontecer histórico quixo que nesta zona se fosen asentando toda unha serie de edificacións que contan per se cunha clara significación emblemática dentro da cidade: a ponte-viaduto da estrada N-120, o edificio conventual reconvertido a cárcere, a Praza de Abastos, os Baños do Outeiro e outras arquitecturas menores que conforman o soar histórico que hoxe herdamos. Todo este conglomerado ten unha iden

tidade que irá cambiando pero que dalgún xeito debe ser precavida polos organismos legalmente implicados na conservación e mantemento do noso legado cultural, co fin de transmitilo ás xeracións futuras.

Os límites mínimos para que esa supervisión sexa efectiva veñen dados por unha simple lóxica visual e espacial, como é o caso da antiga Prisión Provincial (máxime cando o que se proxecta é a instalación dun establecemento vencellado ao aproveitamento da auga), ou ben pola adaptación a sectores urbanos que xa están recollidos no propio Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense e que resultaría difícil de seccionar nunha liña abstracta e que, así mesmo, non prevén aproveitamentos urbanísticos, como sucede coa zona unitaria e de espazos libres incluídos dentro dos sistemas xerais do PXOM, marxes esquerda e dereita do río Barbaña ata o camiño de Portocarreiro.

A inclusión dentro da zona protexida do propio río Barbaña, cos restos e a traza da antiga ponte Pelamios, que relacionaba As Burgas e unía a cidade cos antigos camiños medievais, necesariamente ten que afectar as dúas marxes da canle, pois sería de todo incomprensible que a protección se se estendese unicamente sobre unha delas.

Por outra parte, dentro da delimitación proposta, inclúense os elementos significativos que conformaron historicamente o contorno e o propio espazo das Burgas e que se atopan recollidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense: a antiga cadea, a Casa de Baños do Outeiro na rúa Baixada do Outeiro nº 6, a Praza de Abastos nº 1, o Colexio San Xosé e as couzadas edificadas ou espazos libres das rúas Cervantes e do Vilar, os mananciais das Burgas, os espazos libres das traseiras das rúas Cervantes e do Vilar e as marxes do río Barbaña.

Por último, coa delimitación proposta, trátase de poñer en valor un espazo degradado, especialmente a zona existente entre o límite do núcleo histórico e o río Barbaña, evidentemente mal protexida, e que precisa dun tratamento conxunto e homoxéneo, procurando mellorar a imaxe das Burgas.

En calquera caso, non cabe esquecer que respecto da delimitación defendida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural se pronunciaron favorablemente o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, así como a Universidade de Vigo, dándose así por satisfeito abondo o requisito exixido polo artigo 9 da citada Lei 8/1995 respecto de que no expediente que se instrúa de cara á declaración dun ben de interese cultural deberá constar o informe favorable de dous dos órganos consultivos a que se refire o artigo 7 da citada norma, entre os que se atopan os anteriormente citados.

III. Descrición.

Punto A: sitúase na unión das rúas Cervantes, rúa da Barreira, rúa das Burgas e rúa Bailén.

Tramo A-B: aliñación leste da rúa Cervantes ata a intersección coa rúa Perigo.

B-C: aliñación leste da rúa Cervantes ata a intersección coa rúa Pelaio.

C-D: aliñación sur da rúa Pelaio ata a intersección coa rúa do Vilar.

D-E: aliñación leste da rúa do Vilar ata a prolongación da aliñación sur da rúa do Baño.

E-F: aliñación sur da rúa do Baño ata a intersección coa rúa do Progreso.

F-G: aliñación leste da rúa do Progreso ata a intersección coa prolongación da aliñación sur da rúa Irmáns Vilar Ponte.

G-H: aliñación sur da rúa Irmáns Vilar Ponte ata a intersección coa rúa Irmáns Vilar.

H-I: aliñación leste da rúa Irmáns Vilar ata a intersección co límite da prolongación da Ordenanza AR-37-O.

I-J: límite norte da Ordenanza AR-37-O.

J-K: final do límite norte da Ordenanza AR-37-O ata a aliñación posterior da traseira das edificacións de dúas alturas da rúa Carriarico.

K-L: liña polo fondo edificable do cuarteirón anterior da rúa Carriarico.

L-M: liña polo testeiro norte da edificación da rúa Carriarico.

M-N: bordo leste do sistema xeral de espazos libres do río Barbaña desde a rúa Carriarico ata a intersección coa rúa Vila Valencia.

N-Ñ: bordo leste do sistema xeral de espazos libres do río Barbaña desde a rúa Vila Valencia ata a intersección coa rúa Camiño Barbaña.

Ñ-O: bordo leste do sistema xeral de espazos libres do río Barbaña desde a rúa Camiño Barbaña ata a intersección coa rúa Dora e Pura Vázquez.

O-P: bordo leste do sistema xeral de espazos libres do río Barbaña desde a rúa Dora e Pura Vázquez ata a intersección coa rúa Salvador de Madariaga e pasando pola rotonda que as enlaza.

P-Q: bordo nordeste do sistema xeral de espazos libres do río Barbaña desde a rúa Salvador de Madariaga ata a intersección coa rúa Camiño Portocarreiro pasando pola rotonda que as enlaza.

Q-R: bordo norte do sistema xeral de espazos libres do río Barbaña desde a rúa Camiño Portocarreiro ata a intersección co paseo do río Barbaña pola marxe dereita do río Barbaña.

R-S: límite leste do paseo da marxe dereita do río Barbaña ata a intersección coa subida da Barronca desde a rúa Baixos O Concello.

S-T: subida da Barronca ata a intersección coa rúa Baixos O Concello.

T-U: límite leste da rúa Baixos O Concello coa Alameda ata a intersección co límite sur da dita Alameda do concello.

U-V: límite sur da Alameda do concello ata a intersección coa aliñación leste da rúa Desengano.

V-W: aliñación leste da rúa Desengano ata a intersección coa rúa das Burgas.

W-X: rúa desde a intersección da rúa Desengano ata a intersección coa aliñación leste da rúa Calpurnia Abana.

X-Z: aliñación leste da rúa Calpurnia Abana ata a intersección coa aliñación norte da rúa das Burgas.

Z-A: aliñación norte da rúa das Burgas ata a intersección coa rúa Cervantes, punto definido como A.