DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2007 Páx. 2.868

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de febreiro de 2007 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios con residencia en Galicia que cursan estudos oficiais fóra da nosa comunidade autónoma por non estaren implantados no sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, (BOE do 19 xaneiro, e Diario Oficial de Galicia do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Con esta orde preténdese axudar a sufragar parte dos gastos que supón o desprazamento fóra da comunidade autónoma daqueles estudantes galegos que, por non estar implantada no sistema universitario de Galicia a titulación que desexan cursar, realizan estudos presenciais de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia dentro do territorio español.

Cómpre subliñar que estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral, convocadas polo MEC. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas dirixidas a estudantes con residencia en Galicia que realizan estudos presenciais

nunha titulación de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia, dentro do territorio español, por non existiren eses estudos no SUG, co obxectivo de axudar a sufragar parte dos gastos derivados da súa estadía fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por un importe global de 93.303 euros, sen prexuízo de poder ser incrementado de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.

Artigo 3º.-Requisitos dos solicitantes.

Poden solicitar estas axudas os estudantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter residencia familiar en Galicia.

b) Cursar estudos presenciais de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo en universidades públicas de fóra de Galicia durante o curso 2006-2007, nunha titulación de carácter oficial e validez nacional que non sexa impartida nalgunha das universidades desta comunidade autónoma, ou que veñan cursando eses estudos con continuidade noutra universidade pública de fóra de Galicia desde antes de que se comezasen a impartir no sistema universitario de Galicia.

c) Estar matriculados en, como mínimo, 50 créditos, ou os que lle resten para adquirir a titulación.

d) Os alumnos que estean cursando estudos universitarios, posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1,5 puntos. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, esta nota deberá ser igual ou superior a 1,20. Os alumnos que inicien por primeira vez o 1º curso universitario, ter unha nota de acceso á universidade igual ou superior a 5,5 puntos.

Quedan excluídos desta convocatoria os alumnos que xa posúan unha titulación universitaria de carácter oficial e validez nacional, agás que esta sexa unha titulación de 1º ciclo necesaria para continuar os estudos de 2º ciclo, así mesmo quedan excluídos aqueles alumnos aos cales se lles concedeu a axuda no curso 2005/2006 e non superaron o 45% dos créditos en que estiveron matriculados no citado curso incluíndo o proxecto fin de carreira.

Artigo 4º.-Período.

As actividades para as que se solicita a axuda serán realizadas durante o curso académico 2006-2007.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo ED424A que se publica como anexo a esta orde, asinado polo interesado, e todos os membros da familia compu

tables para efectos tributarios, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias.

Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en Correos en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario antes de que proceda a súa certificación.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxería privados.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do DNI do solicitante.

b) Certificado de empadroamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Certificación académica completa ou copia compulsada dela, con especificación das convocatorias. Os alumnos que estean cursando estudos de 2º ciclo por accederen desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar ademais a certificación académica dese 1º ciclo.

Os alumnos que acceden ao 1º curso dos seus estudos universitarios a través das PAAU (probas de acceso á universidade) deberán presentar o certificado da comisión organizadora da proba, no caso de Galicia da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), conforme é considerado apto para o ingreso na universidade. Os titulados de formación profesional que soliciten o ingreso nos estudos ou nas titulacións de 1º ciclo, ou de 1º e 2º ciclo, ás cales lle dá acceso a súa titulación, deberán presentar unha certificación académica dos cursos realizados en que se inclúa a nota media do expediente.

d) Copia do xustificante de matrícula da universidade de fóra da comunidade autónoma con especificación dos estudos nos cales está matriculado no curso 2006-2007.

e) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade co que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

f) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no cal conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

g) No caso en que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar fidedignamente

esta circunstancia, os medios económicos con que conta e a titularidade ou aluguer do seu domicilio, que para todos os efectos será o que o alumno habite durante o curso escolar. De non xustificar suficientemente estes extremos, a solicitude será obxecto de denegación.

h) Na presentación da solicitude de bolsa o interesado autorizará a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, para o cal deberá presentar debidamente cubertos os datos que figuran na solicitude.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta e un días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais e nos vicerreitorados de Estudantes das tres universidades galegas, sinalando as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitario (www.edu.xunta.es).

As listas provisionais estarán expostas do 20 de abril ao 4 de maio do presente ano. Os interesados poderán, durante este prazo, formular reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, por delegación, o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais:

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade da Coruña.

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Vigo.

O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 8º.-Selección e contía.

1. A selección dos bolseiros farase en réxime de concorrencia competitiva en función da media do expediente académico do alumno.

A contía global que se vai percibir por bolseiro determinarase atendendo aos seguintes criterios:

Criterios:-Expediente académico.

Contía: máximo 1.400 euros.

Criterios:-Área xeográfica na cal estea situado o centro de estudos:-Área xeográfica A, CC.AA. de Asturias, Castilla-León e Cantabria. Contía 500 euros.-Área xeográfica B, CC.AA. de Euskadi, Navarra, Aragón, La Rioja, Castilla-La Mancha, Extremadura e Madrid.

Contía: 600 euros.-Área xeográfica C, CC.AA. de Andalucía, Murcia, Valencia, Cataluña e Illes Balears.

Contía: 700 euros.-Área xeográfica D, Comunidade de Canarias:

Contía: 800 euros.

-Ingresos familiares.

Contía: 800 euros en rendas inferiores a 3.000 euros/membro da unidade familiar.

Para os efectos de selección, a valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudos que se cursase, esta nota media calcularase do xeito que segue:

a) Estudos organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia / nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudos estruturados por créditos:

Media = (N1.P1 + N2.P2+...) / (C1.N1+C2.N2+...).

Onde:

N1 = número de créditos de cada materia.

P1 = puntuación de cada materia.

C1 = número de convocatorias empregadas en cada materia.

Non se terán en conta, para o cálculo da nota media, as materias ou créditos que, segundo os plans de estudos só se poidan cualificar como apto, nin o recoñecemento de créditos en que non figure cualificación.

As materias ou créditos validados, sen que se especifique na validación a cualificación obtida, valoraranse como aprobados.

2. O importe global da bolsa non poderá superar os 3.000 euros.

Artigo 9º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevaralle, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá resolución na cal constará a relación de concedidas, a de suplentes, se as houber, e outra de excluídas coas causas de exclusión, se as houber.

Os solicitantes excluídos poderán recuperar a documentación presentada no prazo de tres meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido ese prazo, a documentación non recollida poderá ser destruída.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (Diario Oficial de Galicia do 11 de decembro), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Artigo 10º.-Pagamento.

1. Para proceder ao pagamento, o beneficiario deberá entregar, no prazo de 10 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da resolución da axuda no Diario Oficial de Galicia, a declaración xurada das axudas obtidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

2. Posteriormente aboarase a axuda na conta indicada polo interesado.

Artigo 11º.-Incompatibilidades.

1. Estas bolsas son incompatibles coa percepción de soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro, con calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, cando o importe deste supere o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2006 (importe anual 5.749,20 euros), e con calquera outra bolsa destinada para ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios comprométense ao cumprimento do establecido nesta convocatoria, especialmente respecto ás seguintes obrigas:

a) Residir durante o curso académico na comunidade autónoma onde curse os estudos universitarios.

b) Remitir á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Subdirección Xeral de Universidades), unha vez finalizado o curso, a certificación académica dos estudos realizados.

c) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente e a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas

funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Economía e Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar.

b) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no caso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

c) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria