DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2007 Páx. 2.788

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 30 de xaneiro de 2007 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actividades deportivas no ano 2007.

O Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22º, recolle a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia da promoción do deporte en réxime de exclusividade. O Decreto 232/2005, do 11 de agosto, modificado polo Decreto 454/2005, do 1 de setembro, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e atribúelle á Consellería de Cultura e Deportes as competencias da comunidade autónoma en materia de deportes.

Por medio da presente orde preténdese desenvolver un plan de consolidación do tecido asociativo deportivo de Galicia co obxectivo xeral de garantir o desenvolvemento das actividades en que participan ou promoven as entidades deportivas. A universalización da práctica deportiva ten un papel moi importante na sociedade, actuando de maneira transversal en moitos valores sociais de grande importancia para a mellora da calidade de vida dos cidadáns, e en especial acadar a xeneralización da práctica deportiva entre os nenos e nenas galegos, facilitando o seu acceso á práctica deportiva a través da consolidación da igualdade de oportunidades no deporte. Neste senso, a especial protección dos colectivos con discapacidade e a súa integración é pé de igualdade na sociedade son obxectivos principais da administración deportiva.

É necesario apoiar as actividades e a participación dos clubs en ligas ou campionatos oficiais de ámbito galego, nacional ou internacional, e tamén as entidades que contribúen de forma importante ao desenvolvemento e promoción do deporte. Todas estas entidades deben conxugar o seu traballo de forma harmónica e complementaria para consolidar todos os itinerarios do deporte, desde a formación base, pasando pola competición, ata o alto rendemento deportivo, o que no seu conxunto cumpre un importante papel na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade.

Tendo en conta todo isto, a Consellería de Cultura e Deporte, ao abeiro desta orde convoca axudas económicas para a participación ou desenvolvemento de programas deportivos oficiais con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.441A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras de concesión de subvencións a clubs e entidades sen ánimo de lucro para a par

ticipación ou desenvolvemento de actividades deportivas oficiais no ano 2007, así como para a organización de actividades de promoción e integración de colectivos de discapacitados físicos, psíquicos e sensoriais.

A concesión de subvencións, a que se refire a presente orde, efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, eficacia e eficiencia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios do presente programa as seguintes entidades:

a) Os clubs e entidades deportivas que participen en campionatos oficiais convocados polas correspondentes federacións deportivas.

b) As agrupacións deportivas escolares comarcais ou de zona, coorganizadoras da campaña do deporte escolar que desenvolvan competicións e programas deportivos en idade escolar de ámbito comarcal, provincial ou autonómico, promovidos pola Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Cultura e Deporte e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Estas entidades deberán estar inscritas no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da Dirección Xeral para o Deporte, e con enderezo social en Galicia.

2. Igualmente poderán ser beneficiarios as asociacións con personalidade xurídica, sen ánimo de lucro, que desenvolvan proxectos de actividades deportivas con colectivos de discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais, que estean vinculadas a centros educativos.

Artigo 3º.-Financiamento orzamentario.

As solicitudes de axuda reguladas nesta orde serán atendidas con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.441A.481.0 do exercicio orzamentario do ano 2007, ata un importe máximo de 4.150.000 A (catro millóns cento cincuenta mil euros).

Artigo 4º.-Publicidade. Solicitudes.

A presente orde será publicada no DOG. Así mesmo, publicarase na páxina web www.deportegalego.eu xunto cos modelos e requisitos necesarios para a súa tramitación.

As solicitudes presentaranse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se achega á presente orde como anexo I, consignando todos os datos básicos, administrativos e bancarios da entidade solicitante.

Achegarase tamén unha memoria descritiva cos seguintes puntos:

1. Para os clubs que participen en campionatos oficiais, a que se refire a letra a) do punto 1 do artigo 2º:

a) Relación detallada do número de equipos e deportistas que integran cada entidade deportiva no momento da solicitude. Esta relación deberá indicar polo menos a seguinte información:

a.1. Categoría dos equipos ou deportistas por idades e sexos, competicións en que participan e ámbito

de actuación (local, provincial, autonómica, etc.) na tempada vixente.

a.2. Resultados máis relevantes acadados polos equipos ou deportistas do club na última tempada.

a.3. Datos dos técnicos titulados de que dispoña o club, identificándoos cos equipos e categorías, ademais de indicar a titulación deportiva de cada técnico.

b) Detalle dos desprazamentos realizados fóra de Galicia. Cando a categoría de competición se desenvolva tamén fora do ámbito da comunidade galega, deberá especificarse cales son os desprazamentos, indicando a distancia e o medio de transporte.

c) Orzamento de ingresos e gastos do club ou entidade, detallado por conceptos, para a presente tempada. O documento deberá ser certificado polo tesoureiro ou secretario da entidade coa sinatura do presidente do club segundo o anexo II.

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención solicitadas e concedidas para o mesmo proxecto doutras administracións ou entes públicos, segundo o anexo III.

e) Fotocopia do CIF da entidade.

No caso dos clubs ou entidades que participen en máis dunha modalidade ou especialidade deportiva, diferenciarán nunha única solicitude os diferentes extremos arriba indicados para cada unha das seccións do club. Só se admitirá unha solicitude por entidade.

2. Para as agrupacións deportivas escolares, a que se refire a letra b) do punto 1 do artigo 2º:

a) Orzamento de ingresos e gastos da agrupación desagregado por conceptos para a presente tempada.

b) Programa detallado das actividades da entidade para o ano 2007, especificando o número de equipos, número de participantes, número de deportes e número de entidades participantes.

c) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto doutras administracións ou entes públicos, segundo o anexo III.

d) Fotocopia do CIF da agrupación.

3. Para as asociacións a que se refire o punto 2 do artigo 2º, que desenvolvan traballos con colectivos de discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais:

a) Proxecto valorado das accións deportivas que vaian desenvolver.

b) Número de participantes nas actividades.

c) Cualificación e número de técnicos responsables das actividades.

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto doutras administracións ou entes públicos, segundo o anexo III.

e) Fotocopia do CIF da entidade.

f) Certificación do director do centro da súa vinculación a un centro educativo.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo os modelos que se publican como anexo I a esta orde, así como a documentación requirida, presentaranse nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte, nos servizos provinciais de Deporte, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se a solicitude fose remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda a súa certificación. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

2. A presentación de solicitudes de concesión de axudas leva implícita a autorización á Dirección Xeral para o Deporte a:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos as axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publicar na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, así como o tratamento dos datos necesarios da documentación dos beneficiarios.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Só se admitirá unha solicitude por club ou entidade deportiva.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Recibidas as solicitudes, os respectivos servizos provinciais de Deporte revisarán a documentación achegada e comprobarán que reúnen os requisitos establecidos na presente orde. As listas provisionais das solicitudes excluídas serán publicadas no DOG, e tamén na páxina web www.deportegalego.eu, nos taboleiros de anuncios dos servizos provinciais e da Dirección Xeral para o Deporte, sinalando as causas de exclusión.

Os interesados poderán formular reclamacións, emendar erros e falta de documentación nun prazo de 15 días naturais contados desde a publicación das listas no DOG, ante os respectivos servizos provinciais de Deportes. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivo nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Completados os expedientes, poranse ao dispor da comisión avaliadora para a súa valoración, ao abeiro dos criterios de valoración fixados no artigo 8º da presente orde.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

1. Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Dirección Xeral para o Deporte convocará á comisión avaliadora, que estará formada polas seguintes persoas:

a) Presidente: o subdirector xeral de Deportes, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

-O xefe do Servizo de Coordinación Deportiva.

-Os xefes dos servizos de deportes das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte.

c) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral para o Deporte.

2. Serán funcións da comisión avaliadora:

a) Avaliar as solicitudes presentadas e a documentación achegada polas entidades beneficiarias.

b) Efectuar as propostas de concesión de subvencións elevándoas ao director xeral para o Deporte, para a resolución definitiva.

O secretario levantará a correspondente acta de cada sesión da comisión.

Artigo 8º.-Criterios de concesión.

Para efectuar as propostas de concesión das subvencións, a comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios e baremo de puntuación sobre un máximo de 100 puntos:

1. Para as axudas dirixidas ás actividades que vaian desenvolver as entidades da letra a) do punto 1 do artigo 2º:

a) Relevancia da modalidade e nivel das competicións en que participen os equipos ou deportistas integrantes do club, ata 45 puntos.

b) Número de equipos e deportistas de categoría feminina, ata 20 puntos.

c) Número de equipos e deportistas ata categoría xuvenil, ata 15 puntos.

d) Número de técnicos titulados no proxecto global do club, ata 10 puntos.

e) Desprazamentos a competicións oficiais, distancia e número de deportistas desprazados, ata 10 puntos.

Farase unha valoración diferenciada para cada unha das seccións dos clubs pluridisciplinares, asignándolle cantidades diferenciadas que se sumarán ata acadar a contía definitiva.

2. Para as axudas dirixidas ás actividades que vaian desenvolver as entidades da letra b) do punto 1 do artigo 2º:

1. Por número de equipos, ata 25 puntos.

2. Por número de participantes, ata 25 puntos.

3. Por número de deportes, ata 25 puntos.

4. Por número de entidades participantes, ata 25 puntos.

3. Para as axudas que van destinadas ás actividades que vaian desenvolver as entidades do punto 2 do artigo 2º.

1. Relevancia deportiva do proxecto presentado, ata 25 puntos.

2. Adecuación do orzamento ao proxecto presentado, ata 25 puntos.

3. Número de participantes nos programas, ata 25 puntos.

4. Cualificacións e número dos técnicos responsables das actividades, ata 15 puntos.

5. Aspectos significativos referentes á integración social dos colectivos, ata 10 puntos.

Tendo en conta o previsible gran número de solicitudes e as diferentes características das modalidades deportivas, a comisión avaliadora poderá facer nunha repartición do crédito previsto por epígrafes, modalidades e categorías de entidades solicitantes para facilitar a avaliación das solicitudes.

As axudas correspondentes ao presente programa poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Artigo 9º.-Resolución e comunicación.

O órgano competente para a resolución das subvencións establecidas na presente orde será o director xeral para o Deporte ao abeiro do disposto no artigo 3.2º da Orde do 15 de novembro de 2005, pola que se modifica a do 27 de setembro de 2005, sobre delegación de competencias da Consellería de Cultura e Deporte, en relación co artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo cal se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A resolución das subvencións seralles notificada aos solicitantes nun período de catro meses, contado desde o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

As resolucións das axudas poderán ser modificadas no caso de que resulten alteradas as condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, logo de instrución do correspondente expediente e tras a audiencia ao interesado.

Contra a resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Cultura e Deporte, no prazo dun mes contado desde a comunicación da resolución segundo os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999; ou ben directamente recurso contencioso-administrativo segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte da resolución ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e aboamento das subvencións.

Unha vez rematada a actividade, as entidades beneficiarias das axudas poderán xustificar o cumprimento da actividade subvencionada. Sen prexuízo do anteriormente sinalado, o prazo máximo para a presentación da xustificación será o 31 de outubro de 2007. O incumprimento deste prazo dará lugar á perda do dereito a percibir a axuda outorgada e posibilitará a reasignación de tales créditos.

As solicitudes que incumpran os prazos ou requisitos de xustificación solicitados non poderán solicitar o aboamento das axudas con posterioridade ao

prazo indicado, perdendo o dereito ao aboamento da axuda.

As solicitudes de aboamento das subvencións presentaranse nos rexistros das delegacións provinciais ou dos servizos provinciais de deportes, acompañadas dos seguintes documentos:

1. Solicitude de aboamento da axuda concedida segundo o anexo IV.

2. Nova declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades segundo o anexo III da presente orde.

3. Certificación expedida polo secretario da entidade beneficiaria co visto e prace do presidente, en que conste unha relación detallada do gasto na que se especifiquen os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo, segundo o proxecto aprobado segundo anexo V.

4. Facturas orixinais ou copias compulsadas do gasto en que se incorreu.

5. Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

6. Unha memoria formalmente estruturada da actividade realizada (relación de actividades, datas, número de participantes, técnicos e resultados deportivos acadados).

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

As entidades que resulten beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde virán obrigadas a:

a) Non poderán modificar o programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Dirección Xeral para o Deporte.

b) Comunicarlle á Dirección Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera administración ou de entes públicos.

c) Facilitarlle á Dirección Xeral para o Deporte a comprobación e control das actividades que se subvencionan con cargo a esta orde. A Dirección Xeral para o Deporte poderá encargar a realización de auditorías ou de verificacións contables ás entidades receptoras de subvencións, con aviso de quince días hábiles antes da data da realización.

d) A solicitar das diferentes federacións as certificacións correspondentes que acrediten os datos sinalados polos solicitantes.

e) A adoptar as seguintes medidas de identificación, información e publicidade da subvención concedida:

-A utilización do galego nos medios de información e comunicación da entidade.

-Incluír o logotipo da Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral para o Deporte nos medios de comunicación da entidade, así como a colocación dunha pancarta cos mesmos logos na instalación

onde desenvolva as competicións oficiais. Ademais as entidades de categorías de ámbito nacional deberán incluír no vestiario deportivo oficial e de adestramento o logotipo da Consellería de Cultura e Deporte e da Dirección Xeral para o Deporte, dispoñibles para o efecto na páxina web www.deportegalego.eu.

f) A colaborar e participar nas actividades programadas pola Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Cultura e Deporte, en concreto, a que os seus xogadores e equipo técnico participen nas actividades, tal como cursos, conferencias, clínics, etc., especialmente aquelas dirixidas a deportistas de base e á comunidade educativa para a promoción e fomento do deporte nos seus diferentes niveis.

Os beneficiarios de subvención quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas ou do Tribunal de Contas, así como ao previsto no artigo 14 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Artigo 12º.-Supostos de reintegro.

No caso de que o beneficiario da subvención incorra nalgún dos supostos recollidos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e do artigo 37 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, procederase de conformidade co establecido nos ditos preceptos. Neste caso, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior.

Artigo 13º.-Réxime xurídico das axudas. Lexislación aplicable.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nos aspectos non contidos nesta orde, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro), no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, resultando de aplicación supletoria para todo o non previsto nas citadas normas o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normas de xeral aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral para o Deporte para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o mellor desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte