DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2007 Páx. 2.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 15 de febreiro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á realización de programas de xestión zootécnica, no marco do Programa de mellora gandeira de Galicia, e se convocan para o ano 2007.

Para desenvolver a liña dos programas de xestión zootécnica, enmarcada no Programa de mellora gandeira de Galicia, é precisa a regulación de axudas concretas a este exercicio destinadas a prestar o apoio técnico necesario ao sector gandeiro, con carácter transitorio ao novo período de programación 2007-2013, co obxectivo de continuar a mellora da súa eficacia e profesionalidade e, así acadar maiores estándares de rendabilidade e viabilidade a longo prazo. Neste senso continúase desenvolvendo a medida 7.8.3. Mellora integral da eficacia dos sistemas productivos gandeiros e o seu contorno, dentro do Programa operativo integrado de Galicia 2000-2006, aprobado pola Decisión da Comisión C (2001) 246, nº CCI:2000.ES.16.1.PO.011, do 7 de marzo de 2001. As actividades para subvencionar enmárcanse no disposto no Regulamento (CE) 1320/2006, polo que se establecen normas para a transición á axuda ao desenvolvemento rural establecida no Regulamento (CE) 1698/2006.

Os programas de xestión zootécnica orientados ao sector de vacún, ovino e cabrún abranguen as axudas destinadas ao desenvolvemento de programas de reprodución, alimentación e podoloxía.

1. Os resultados acadados coa posta en marcha do Programa de mellora gandeira de Galicia, e en concreto a liña referente aos programas zootécnicos desenvoltos en torno ao sector de gando vacún, así como no de ovino e cabrún poñen de manifesto a

necesidade de seguir impulsándoos en especial naquelas entidades asociativas participadas polos titulares de explotacións, máis concretamente nas cooperativas agrarias.

2. A participación dos ditos subsectores na renda agraria, así como a súa contribución á sustentabilidade ambiental de Galicia, tamén aconsellan continuar as ditas accións como un instrumento de moito potencial para acadar obxectivos nos eidos do manexo e mellora integral dos procesos produtivos co fin de acadar maiores cotas nos eidos económico e ambiental de cara a fortalecer a viabilidade futura das explotacións.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto estabecer as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento de programas zootécnicos no gando vacún, ovino e cabrún, e convocalas para o ano 2007.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación desta orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Finalidade.

Os fins que se pretenden acadar con esta orde son os seguintes:

-O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

-A modernización do sector gandeiro galego en materia de produtividade, sanidade e produción animal.

-A mellora da eficacia dos sistemas produtivos gandeiros e das calidades nas súas producións.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación (SAT) que teñan como finalidade prioritaria a prestación de servizos técnicos, e asociacións de gandeiros, todas elas recoñecidas oficialmente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que presenten un programa de actuación de acordo co contido desta orde.

As explotacións que participen nos distintos programas deberán cumprir as normas mínimas autonómicas, estatais e comunitarias en materia sanitaria, de identificación, alimentación, medio natural, hixiene e benestar dos animais.

Artigo 5º.-Axudas.

Establécense axudas destinadas ás cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación (SAT) que teñan como finalidade prioritaria a prestación de servizos técnicos, e asociacións de gandeiros, todas elas recoñecidas oficialmente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, dirixidas á realización de programas de xestión zootécnica en gando vacún, ovino e cabrún.

1.1. Criterios de admisión para os programas de xestión zootécnica en gando vacún: non se subvencionará ningún programa que non cumpra os requisitos mínimos seguintes:

-Que exista, como mínimo, a contratación dun técnico facultativo.

-Deberán ter un mínimo de 1.200 femias maiores de 12 meses e 35 explotacións e un máximo de 3.000 femias maiores de 12 meses ou 80 explotacións por técnico.

-Que o programa zootécnico recolla a realización dun programa de reprodución.

-Que, polo menos, o 30% das explotacións con orientación produtiva leiteira da agrupación solicitante estean en control leiteiro oficial.

1.2. Criterios de admisión para os programas de xestión zootécnica en gando ovino e cabrún: non se subvencionará ningún programa que non cumpra os requisitos mínimos seguintes:

-Que exista, como mínimo, a contratación dun técnico facultativo.

-Deberán ter un mínimo de 1.000 UGM e 100 explotacións.

Os valores de UGM de cada especie animal tidos en conta para os cálculos nestas axudas serán os establecidos regulamentariamente, os publicados oficialmente (Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia publicado, no Diario Oficial de Galicia do 8 de maio) ou os resultantes de aplicar unha equivalencia.

2.1. Cuantificación da subvención: a contía das axudas poderá acadar ata un 70% dos custos do persoal que executa o programa zootécnico con exclusividade e un 50% dos custos do persoal que executa o programa zootécnico sen exclusividade.

2.2. Establécense os seguintes custos máximos subvencionables para a contratación de persoal ou servizos técnicos:

-Licenciado: 35.451,39 euros.

-Diplomado: 29.738,17 euros.

-Bacharelato, FP 2º grao ou equivalente: 24.161,96 euros.

2.3. En todo caso, para os programas de reprodución en gando vacún non poderá exceder os 216 euros por explotación e ano e 8,4 euros por vaca e ano e, para os programas de podoloxía 21 euros por explotación e ano, e 4,80 euros por res e ano.

2.4. A porcentaxe de financiamento dos custos poderase ver reducida en función dos facultativos (licenciado ou diplomado) responsables do programa:

-De 1 a 4, manteranse os límites de 70% dos custos do persoal que executa o programa zootécnico con exclusividade e un 50% dos custos do persoal que executa o programa zootécnico sen exclusividade.

-De 5 a 8, producirase unha redución do 10% na porcentaxe de financiamento.

-De 9 a 12, producirase unha redución do 20% na porcentaxe de financiamento.

-De 13 a 16, producirase unha redución do 35% na porcentaxe de financiamento.

-17 ou máis, producirase unha redución do 50% na porcentaxe de financiamento.

Os solicitantes deberán presentar un programa zootécnico, que virá acompañado dun programa sanitario.

Realizaranse inspeccións de execución do programa. As anomalías detectadas poderán supoñer unha modificación no importe das contías da axuda aprobada. En todo caso, non serán admisibles anomalías en máis dun 15% de explotacións implicadas, para a tramitación do pagamento da axuda.

Nas inspeccións realizadas poderanse requerir as anotacións de incidencias, recomendacións e resultados das visitas dos técnicos a estas.

As entidades beneficiarias das axudas comunicarán calquera cambio que se produza con respecto ao programa presentado nun prazo máximo de quince días á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co

obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Solicitude segundo o anexo I.

b) Unha memoria do programa de actuación que se vai desenvolver. Esta memoria deberá describir:

a. Datos xerais da entidade solicitante.

b. Obxectivos propostos e descrición do programa zootécnico que se vai desenvolver, que poderá abarcar as materias de reprodución, alimentación e podoloxía conxuntamente.

c. Plan de traballo previsto na execución do programa.

d. As funcións do persoal cunha contratación susceptible de ser financiada.

e. Os censos de explotacións e reses sobre os cales se desenvolve o programa en cada unha das materias previstas.

f. Desagregación dos gastos previstos.

b) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante e os seus estatutos, se é o caso.

c) Acreditación da representatividade do solicitante.

d) Fotocopia cotexada do código de identificación fiscal.

e) Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a declaración que figura no anexo II.

g) Relación informatizada dos socios ou asociados no programa de xestión zootécnica, segundo o anexo III.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas de ser o caso

4. Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as especificadas no artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

5. Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o responsable para que no prazo de dez días hábiles, desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con advertencia de que, se non o fixese, terase por desistido da súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

6. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade

Agroalimentaria. O expediente será resolto polo conselleiro do Medio Rural, por proposta do director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

A consellería comunicará, nun prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a aprobación da solicitude. A falla de comunicación no dito prazo poderase entender desestimatoria das peticións de axuda. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 8º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

1. Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións ou entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas ou o anexo II debidamente cuberto.

2. En calquera caso, coas xustificacións, e se houbese modificación da declaración anterior, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 9º.-Criterios de adxudicación e control da execución dos programas.

1. Os criterios de admisión e adxudicación e os de determinación da contía individualizada especifícanse no artigo 5º desta orde.

2. Cando o número de solicitudes con dereito a axudas exceda o crédito dispoñible destinado para tal fin, a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria proporá o importe correspondente a cada beneficiario e realizarase un rateo entre estes.

3. O control da execución dos programas levarao a cabo o persoal da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Artigo 10º.-Modificación das axudas.

1. As subvencións a que se refire esta orde consideraranse subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, cando exista concorrencia doutras axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou pri

vados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa, polo beneficiario, da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, nos termos establecidos nesta orde.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda e obriga de facilitar información.

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos demais supostos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no réxime sancionador, sinalado no artigo 79 da mesma lei (Decreto lexislativo 1/1999). Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12º.-Réxime de incompatibilidades.

As axudas recollidas nesta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran os límites establecidos na normativa aplicable e que, en ningún caso, se supere o custo total da actividade financiada.

Artigo 13º.-Xustificacións.

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 30 de novembro, preferentemente no rexistro da consellería, das súas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Achegaranse os xustificantes orixinais de investimento total, unha relación informatizada des

tes e unha memoria explicativa sobre a súa realización do programa auxiliado, que probe a prestación efectiva dos servizos. Cando se trate de xustificacións de gastos en nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as actuacións subvencionables poderán presentarse ata o 15 de decembro, mediante a súa entrega á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado, de xeito que aqueles gastos presentados en que non se xustifique o seu pagamento terán que se xustificar no momento en que se realicen, para que a axuda se poida pagar. Por regra xeral, os pagamentos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais pagadas. Nos casos en que isto non sexa posible, os pagamentos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

2. De acordo co artigo 30, punto 4º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

3. De acordo co artigo 31, punto 3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a presentación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. Non poderán subvencionarse actividades xa iniciadas ou actividades levadas a cabo con anterioridade á oportuna presentación da solicitude.

Artigo 14º.-Financiamento

1. As axudas derivadas da aplicación desta orde financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria 11.03.713-D.770.0 dos orzamentos xerais

da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, dotada para esta finalidade con 800.000 euros, para a realización de programas de xestión zootécnica no gando vacún, ovino e cabrún.

A concesión da axuda someterase á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto. Estas actividades son elixibles e subvencionables con FEOGA-Orientación no marco da medida 7.8 do Programa operativo integrado (POI) de Galicia

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as normas necesarias para o mellor cumprimento e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural