DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2007 Páx. 2.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de febreiro de 2007 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional específica de grao superior correspondentes ao curso 2005-2006.

Orde do 15 de febreiro de 2007 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional específica de grao superior correspondentes ao curso 2005-2006.

O Ministerio de Educación e Cultura creou mediante a Orde ECD/1696/2002, do 1 de xullo de 2002, os premios nacionais de formación profesional como recoñecemento ao alumnado que rematou os seus estudos de formación profesional específica de grao superior.

Así mesmo, no artigo terceiro, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios extraordinarios nacionais o alumnado que resultase merecedor dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Na súa virtude, co obxectivo de recoñecer os méritos baseados no esforzo no traballo do alumnado que cursou estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, cun excelente resultado académico, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que realizara os estudos de formación profesional específica de grao superior no curso 2005-2006 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Número e recoñecemento.

1. Poderanse conceder ata vinte e dous premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional específica.

2. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá un diploma acreditativo e o secretario do centro docente onde estea depositado o seu expediente anotaralle esa distinción neste último. Así mesmo, o secretario do xurado de selección farao anotar no libro de cualificacións mediante a dilixencia correspondente. Para iso, os interesados deberán enviar, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da publicación da citada resolución

de concesión dos premios, o seu libro de cualificacións ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781, Santiago de Compostela.

3. A dotación para os premios será de 16.104 A con cargo á partida orzamentaria 09.02.423A.480.1, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder de 732 A por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lle correspondan.

4. Os alumnos que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

Artigo 3º.-Requisitos.

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematados os estudos de formación profesional específica de grao superior no ano 2006 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,5. Esta cualificación final obterase como media aritmética das cualificacións obtidas nos módulos que compoñen o ciclo formativo, non computándose o módulo de formación en centros de traballo que se cualifica en termos de apto ou non apto, nin os que foran obxecto de validación.

Artigo 4º.-Prazo e documentación.

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios, deberase inscribir na secretaría do instituto de educación secundaria no que se atope o seu expediente académico no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Para formalizar a inscrición deberá presentar a seguinte documentación:

a) Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Relación dos méritos que se desexe alegar relacionados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 8.1º C, xunto coa documentación xustificativa correspondente. Os méritos deberán acreditarse mediante certificado orixinal ou fotocopias cotexadas das certificacións, no que conste expresamente o número de horas de duración.

c) Fotocopia cotexada do DNI ou pasaporte.

d) Declaración xurada de non ter percibido outros premios convocados co mesmo fin polas administracións educativas doutras comunidades autónomas.

3. Os institutos de educación secundaria elaborarán e xuntarán á documentación anterior os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, onde se reflicte a cualificación final media a que se refire o artigo 3º.2.

b) Certificación oficial que inclúa nota media da proba ou dos estudos que lle permitiron o acceso ao ciclo de formación profesional específica polo que opta ao premio extraordinario.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

5. Sen prexuízo do anterior, a documentación poderá presentarse na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Tramitación de solicitudes.

1. Os institutos de educación secundaria que posúan solicitudes de inscricións tramitarán estas a través dunha aplicación informática situada no portal educativo http://www.edu.xunta.es/premiosfp, podendo facer esta tramitación ata o día seguinte ao de finalización do prazo de solicitude.

2. Finalizado o prazo de solicitude, os institutos de educación secundaria remitirán por correo urxente, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, as solicitudes de inscrición xunto co resto da documentación.

Artigo 6º.-Emenda e mellora da solicitude.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de inscrición non reunise os requisitos precisos ou non se acompañase da documentación indicada no artigo anterior, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición ou, se é o caso, non se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados.

Artigo 7º.-Xurado de selección.

1. Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección presidido pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, ou persoa na que delegue, e integrado polo xefe

de servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, o xefe de servizo de Formación Profesional, e funcionarios dos corpos de inspectores de educación e/ou profesores de ensino secundario das especialidades de formación profesional específica, designados polas direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa, e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Actuará como secretario do xurado, con voz pero sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. A percepción de asistencias deste xurado de selección aterase á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 8º.-Baremo das solicitudes.

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) Nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional específica polo que se opta ao premio extraordinario.

b) Nota media da proba ou dos estudos que lle permitiron o acceso ao citado ciclo (bacharelato, formación profesional de segundo grao, outro ciclo, proba de acceso, etc.).

c) Outros méritos relacionados co título profesional.

Para os efectos de valoración só se terán en conta as actividades relacionadas directamente cos contidos do ciclo formativo correspondente e obtidos con posterioridade á súa matrícula.

Os cursiños organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologados ou recoñecidos polas administracións anteditas, así como os organizados polas universidades, desenvoltos durante o período no que se cursaron os estudos que posibilitan a presentación a esta convocatoria valoraranse con 0,2 puntos por cada 10 horas de formación, ata un máximo de 7.

Outras actividades de formación valoraranse con 0,1 puntos por cada 10 horas de formación, ata un máximo de 3 puntos.

2. Os puntos 1.a), 1.b) e 1.c) deste artigo estarán expresados numericamente do 0 ao 10 cunha cifra decimal.

3. A valoración final expresarase numericamente con dúas cifras decimais e será o resultado de aplicar sucesivamente os factores de ponderación recollidos no anexo II.

4. O xurado resolverá os empates tendo en conta os seguintes méritos e por esta orde:

a) Nota media da epígrafe a) do punto 1 deste artigo.

b) Cualificación do módulo de proxecto integrado, no caso de que forme parte de todos os ciclos da mesma familia profesional.

c) Nota media da epígrafe b) do punto 1 deste artigo.

d. Outros méritos relacionados co título profesional.

5. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 9º.-Proposta de concesión dos premios e publicación da resolución de adxudicación.

1. Antes de quince días a partir do remate do prazo de solicitude o xurado de selección confeccionará unha acta provisional coas puntuacións finais dos aspirantes e os méritos xustificados, que se fará pública nas delegacións provinciais e no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Os interesados poderán reclamar por escrito contra a puntuación outorgada polo xurado de selección mediante instancia dirixida ao seu presidente, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da publicación das actas provisionais, e remitida á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 2º andar, CP 15781 Santiago de Compostela. Copia da cal poderá enviarse ao fax: 981 54 65 42.

3. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. O orixinal quedará arquivado na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e remitirase copia á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais así como ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. De acordo coa proposta feita polo xurado de selección, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa elevará a dita proposta para a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de concesión ditada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

5. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Artigo 10º.-Recurso contra a resolución.

Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo, prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Compatibilidade con outros premios.

A obtención dos premios extraordinarios será incompatible coa percepción doutros premios convocados co mesmo fin polas administracións educativas doutras comunidades autónomas.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios e, en todo caso, a obtención concorrente doutros premios convocados co mesmo fin polas administracións educativas doutras comunidades autónomas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Obrigas dos gañadores.

O alumnado gañador dos premios terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e/ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Baremo dos expedientes e outros méritos

MéritoDocumento acreditativoPonderación

Nota media do expediente académico dos estudos de formación profesional específica de grao superior.Certificación académica.72%
Nota media dos estudos que lle permitiron o acceso aos estudos de formación profesional específica (bacharelato, formación profesional de segundo grao outro ciclo, nota da proba de acceso, etc....).Certificación oficial.18%

Outros méritos relacionados co título profesional.Certificación oficial ou fotocopia cotexada do documento xustificativo.10%