DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2007 Páx. 2.695

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria de axudas para financiar proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, para o ano 2007 (PR 101 A).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos

artigos 3.2º e 148.1º.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantir o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigatorio en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo, encoméndaselles ás

autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que ao remate dos ciclos educativos, nos cales o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado debe coñecer esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Igualmente, a Administración educativa debe desenvolver e apoiar aquelas medidas que axuden a incrementar o uso da lingua galega na comunidade educativa.

Para conseguir os citados obxectivos, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso das dúas linguas oficiais de Galicia, establecida nos decretos 247/1995, do 14 de setembro, e 66/1997, do 21 de marzo, así como a creación dos equipos de normalización lingüística (ENL), como órganos de impulso e dinamización para o fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario. A creación e funcionamento destes equipos está regulada mediante o Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG nº 156, do 9 de agosto), polo que se aproba o regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, e mais polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

Tal como se establece nos devanditos decretos, serán funcións do equipo de normalización lingüística as seguintes:

1. Presentarlle, a través do claustro, propostas ao equipo directivo para a fixación dos obxectivos de normalización lingüística, que se incluirán no proxecto educativo de centro (PEC).

2. Propoñerlle á comisión de coordinación pedagóxica, para a súa inclusión no proxecto curricular (PCC), o Plan xeral para uso do idioma, no cal se deberán especificar, cando menos:

a) Medidas para potenciar o uso da lingua galega nas actividades do centro.

b) Proxectos tendentes a lograr unha valoración positiva do uso da lingua propia e a mellorar a competencia lingüística dos membros da comunidade educativa.

3. Propoñerlle á comisión de coordinación pedagóxica, para a súa inclusión no proxecto curricular, o plan específico para potenciar a presenza da realidade galega, cultura, historia, xeografía, economía, etnografía, lingua, literatura, arte, etc. no ensino.

4. Elaborar e dinamizar un plan anual de actividades tendentes á consecución dos obxectivos incluídos nos plans anteriores.

5. Presentar para a súa aprobación no consello escolar o orzamento de investimento dos recursos económicos dispoñibles para estes fins.

6. Proporcionarlles aos membros da comunidade educativa información sobre actividades do equipo e de todos aqueles actos e institucións culturais relacionadas coa realidade galega.

Por outra banda, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia na súa sesión do día 22 de setembro de 2004, reitera a necesidade de promover medidas favorables ao galego para conseguir equiparar o nivel de competencia do alumado en lingua galega e castelá, así como para corrixir a situación social de desigualdade entre os dous idiomas.

O artigo 7.1º do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, atribúelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a función de impulsar e coordinar o labor de normalización lingüística dos servizos de normalización dos demais organismos públicos, polo que, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, órgano competente en materia de ensino na comunidade autónoma e, en uso das facultades que lle outorga á citada secretaría xeral a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, antes citado, procédese a efectuar a convocatoria de axudas para o financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados para o exercicio 2007, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar axudas para contribuír ao financiamento, en réxime de concorrencia competitiva, dos proxectos de fomento do uso do galego, promovidos polos equipos de normalización lingüística dos centros privados de ensino, que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, durante o exercicio 2007.

2. Destinatarios.

Os titulares dos centros de ensino privados citados no parágrafo anterior, a través dos equipos de normalización lingüística.

3. Requisitos.

Para optar a estas axudas, deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) O equipo de normalización lingüística que solicite a axuda deberá estar formalmente constituído, consonte o previsto no artigo 82 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e no artigo 63 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro.

b) Só se financiarán os proxectos que estean incluídos na programación anual de actividades aprobadas polos centros. Con carácter excepcional, debidamente xustificado, no caso de equipos de nova creación, poderán subvencionarse proxectos que non estivesen incluídos na programación inicial.

c) Para solicitar as axudas para o ano 2007, os equipos de normalización lingüística dos centros deberán ter xustificadas convenientemente, en tempo e prazo, as axudas recibidas no exercicio 2006.

d) Os proxectos e as actividades desenvolvidas ao abeiro desta convocatoria deberán presentarse e desenvolverse de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG nº 84, do 14 de xullo). Así mesmo, coidarán o respecto da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

e) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

4. Dotación orzamentaria.

O importe das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados financiaranse con cargo á partida orzamentaria 04.06. 151 A.470 2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, aprobados pola Lei 14/2006, do 28 de decembro, e destinarase unha contía máxima de 65.000 euros.

5. Contía máxima das axudas para cada proxecto.

O importe máximo da axuda que se lle poderá conceder a cada proxecto será de 2.000 euros. Esta contía en ningún caso poderá exceder o custo total do proxecto.

6. Solicitudes.

As solicitudes para participar nesta convocatoria realizaranse segundo o formulario que figura anexo a esta resolución.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada no artigo 7, dirixiranse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, e presentaranse preferentemente no rexistro destas delegacións ou en calquera outro rexistro propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño). Tamén se poderá presentar conforme o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

De acordo co previsto no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007, a presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que o solicitante queda liberado de achegar as correspondentes certificacións.

7. Documentación que se xuntará á solicitude.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

a) Copia en formato electrónico do proxecto (PDF ou Word) e copia impresa en papel deste, asinado

polo coordinador ou coordinadora do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director ou directora do centro. No proxecto deberanse indicar:

As medidas tendentes á consecución dos obxectivos previstos no Plan xeral para o uso do idioma e no plan específico para o ensino en lingua galega.

-Breve análise sociolingüística, obxectivos, medidas, temporalización e porcentaxe de alumnado e profesorado implicado. Sería desexable que a programación, polo menos dalgunhas das accións, se realizase de xeito plurianual e se conseguise un compromiso da comunidade educativa a medio e longo prazo na continuidade das accións máis relevantes.

-Descrición detallada de cada actividade, xunto co orzamento estimado desta e o orzamento total do proxecto. Previsión do impacto producido na comunidade educativa e, de ser o caso, no contorno.

b) No caso de que o centro solicite outras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, xuntará á solicitude unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos.

8. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes. Contarase a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG.

9. Procedemento.

Recibidas as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta secretaría xeral, revisarase a documentación e, se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselle ao centro para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992.

10. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisión de cualificación: unha vez completados os expedientes, procederase á cualificación dos proxectos. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial desta secretaría xeral unha comisión integrada por:

-Presidencia: o xefe ou xefa do gabinete provincial de normalización lingüística.

-Vogais:

Un/unha representante da Inspección educativa, que será designado/a polo delegado ou delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística.

Un/unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de normalización lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Secretaría: desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete provincial.

Coa finalidade de homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración, con carácter previo ao inicio das sesións das comisións provinciais, poderase levar a cabo unha sesión conxunta en que participen 3 membros de cada comisión provincial, para a valoración en común de 5 proxectos de cada unha das provincias elixidos ao chou.

Así mesmo, unha vez valorados os proxectos polas 4 comisións provinciais, e tendo en conta o número e a calidade dos proxectos presentados, poderase acordar, tamén nunha sesión conxunta destas características, unha puntuación mínima para optar á concesión da axuda económica.

11. Criterios de cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos aos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións de cualificación terán en conta a calidade do proxecto e o número de estudantes do centro. A calidade do proxecto terá un peso do 70% e será puntuada de 0 a 20, en función de:

a) Implicación de membros da comunidade educativa no proxecto (de 0 a 7 puntos).

b) Orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos da comunidade educativa. Neste sentido, daránselles prioridade ás competencias activas (en primeiro lugar, uso oral e, en segundo, uso escrito), sobre as pasivas (recepción visual ou auditiva): (de 0 a 3 puntos).

c) Utilización de novas tecnoloxías (de 0 a 4 puntos).

d) Colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do ámbito educativo (de 0 a 3 puntos).

e) Colaboración con outros centros educativos de igual ou diferente nivel, co obxectivo de potenciar as experiencias de ámbito máis amplo: (de 0 a 3 puntos).

O número de estudantes terá un peso do 30%. Concederánselle a cada centro 2 puntos por cada 100 estudantes ou fracción, ata un máximo de 20.

12. Proposta de resolución e resolución final.

Rematadas as sesións e, de ser o caso, aplicada a previsión de puntuación mínima prevista no parágrafo 10, as comisións elaborarán a listaxe das cualificacións obtidas polos proxectos e o gabinete de normalización lingüística correspondente formulará unha proposta de resolución de adxudicación das axudas que elevará á secretaria xeral de Política Lingüística, quen resolverá sobre esta.

A resolución será publicada no DOG e na web www.xunta.es/linguagalega. Nela expresarase a con

tía da axuda outorgada a cada proxecto, así como as causas que determinaron a exclusión ou a non concesión de axudas para as restantes solicitudes.

13. Réxime de recursos.

Contra a resolución anterior, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición, segundo o previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das axudas derivadas desta convocatoria, ou ben presentar recurso contencioso-administrativo directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses, desde a publicación da resolución da concesión no Diario Oficial de Galicia.

14. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

15. Xustificación.

A xustificación dos gastos correspondentes aos proxectos que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria deberá ser presentada ante os gabinetes provinciais antes do 15 de xullo de 2007.

A xustificación incluirá a seguinte documentación:

1. Unha memoria que analice en detalle o desenvolvemento de cada unha das actividades para as cales se lle concedeu a asignación económica. Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e propoñeranse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

2. Facturas orixinais, expedidas a nome do propio centro educativo, correspondentes ás actividades programadas e aos gastos totais de material destas.

3. Certificación bancaria, selada e asinada pola entidade correspondente, na cal consten os datos da conta do centro en que se solicita o ingreso da axuda.

4. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto por outras administracións ou entes públicos.

5. Copia do CIF do centro.

Con base na memoria desta xustificación, a comisión de cualificación dos proxectos prevista no parágrafo 10 valorará e emitirá un ditame sobre a execución das actividades, a consecución dos obxectivos

e o impacto dos proxectos desenvolvidos polos centros.

16. Perda do dereito ao cobramento da axuda.

O centro perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

-Xustificación presentada fóra do prazo (antes do 15 de xullo de 2007).

-Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales foi concedida.

-Variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

-Incumprimento do requisito previsto no parágrafo 3.4º desta convocatoria sobre o uso correcto do galego e o respecto á toponimia oficial.

-Perda da capacidade xurídica ou de obrar ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Toda alteración das condicións e requisitos tidos en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

No suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, procederá o reintegro total ou parcial, segundo proceda, da subvención percibida, de acordo co previsto no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999.

17. Pagamento.

O pagamento non poderá ser superior á contía da axuda concedida. Sen prexuízo do anterior, só se aboará o importe das actividades debidamente xustificadas ata o máximo que figure na xustificación.

Os pagamentos serán efectuados polos gabinetes provinciais, a través das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

18. Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión e desenvolvemento desta convocatoria, esta secretaría xeral desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria e deléganse expresamente as facultades correspondentes para proceder a efectuar os pagamentos nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas cales teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización de cada provincia.

19. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten

os equipos e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995, do 14 de setembro.

Non obstante, e con obxecto de analizar a consecución dos obxectivos previstos nesta convocatoria e para propor medidas correctoras, se for mester, para o mellor funcionamento dos equipos de normalización lingüística (ENL), durante o mes de xullo constituirase unha comisión formada por:

-Subdirector/a xeral ou xefe/a do Servizo de Educación e Innovación Educativa.

-Subdirector/a xeral ou xefe/a do Servizo de Inspección Educativa.

-Coordinador ou coordinadora central dos ENL.

-Coordinadores ou coordinadoras provinciais dos ENL.

-Asesor ou asesora técnica de lingua galega do Servizo de Formación do Profesorado.

20. Normativa aplicable.

A esta resolución seranlle de aplicación as normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e o seu desenvolvemento.

Ademais, serán de aplicación os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro. No que non se opoña, aplicarase tamén o Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

21. Fiscalización e control.

Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

22. A Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento desta resolución.

23. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou, directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en ambos os casos, desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística