DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2007 Páx. 2.692

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia e de fóra de Galicia -cando os colectivos non teñan recoñecida a condición de galeguidade-, para realizar antes do 1 de setembro de 2007 (PR 104 B).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con iso, recoñécelles aos cidadáns e cidadás o dereito de coñecelo e de usalo. Mais non estaría garantido ese dereito se os cidadáns non tivesen a posibilidade de aumentar (ou iniciar, segundo o caso) o coñecemento e o dominio dos distintos rexistros da lingua propia de Galicia.

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas aos adultos e á sociedade, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, axeitándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para acadar ese equilibrio.

A estrutura e o contido destes cursos están regulados mediante a Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril).

Por todo isto,

DISPOÑO:

1. Obxecto.

Convocar cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega, con carácter gratuíto. Convócanse un total de 200 cursos en Galicia e 20 cursos para impartir fóra de Galicia.

Os cursos realizaranse nas localidades que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, tendo en conta o número de solicitudes e as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Beneficiarios dos cursos.

Poderán asistir a estes cursos todas as persoas maiores de idade que o desexen, ben individualmente ou ben agrupadas en colectivos de calquera tipo (entidades, asociacións, colectivos profesionais...).

3. Prazo para o desenvolvemento dos cursos.

Os cursos que se organicen e impartan ao abeiro desta convocatoria deberán estar finalizados antes do 1 de setembro de 2007.

4. Requisitos e contido dos cursos.

Os cursos axustaranse aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecido na Orde do 1 de abril de 2005, pola que se regulan os cursos de formación en lingua galega e as validacións correspondentes. Incluirase en todos os cursos un módulo de contorno sociocultural, no que se coidará especialmente a dinamización lingüística e formarase o alumnado sobre as circunstancias sociolingüísticas do galego e os seus dereitos lingüísticos.

Para acceder ao curso de perfeccionamento, é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

O número de asistentes a cada curso será de 15 persoas como mínimo e de 30 como máximo. Se quedasen prazas vacantes, os colectivos, asociacións ou entidades deberán aceptar completar as prazas con persoas interesadas, aínda que non sexan afiliadas ou asociadas das propias entidades. Se durante os dous primeiros días do curso se desen de baixa ou non asistisen as persoas inscritas para o curso, deberán ofrecérselles as prazas aos solicitantes que non fosen admitidos no primeiro chamamento.

Os cursos terán unha duración de 75 horas: 60 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado, e 15 horas de tratamento individualizado, nas que o alumnado poderá realizar actividades presenciais específicas de reforzo e/ou actividades prácticas complementarias. Corresponderalle ao profesor ou profesora a programación destas horas, de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso.

A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada unha das persoas asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

A cualificación do alumnado dos cursos de lingua galega deberá responder aos principios de avaliación continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma galego, para o que se farán as probas necesarias. Ao remate de cada curso, aos asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

Todas as actividades que se realicen nestes cursos realizaranse, segundo o previsto na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, conforme as normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega, na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, e coidarase o uso da toponimia oficial, nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

5. Dotación orzamentaria.

O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo aos créditos desta Secretaría Xeral de Política Lingüística da partida orzamentaria 04 60 151 A 640 2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, ata unha contía máxima de 756.000 euros.

6. Retribución para cada curso.

Os módulos de retribución dos cursos son os que a seguir se relacionan:

-Retribución profesor/a docente: (75 horas a 40 A/hora).

-Retribución coordinación, só nos casos excepcionais, logo da autorización da secretaria xeral de Política Lingüística: 180A.

-Retribución persoal subalterno ou auxiliar para os cursos que se realicen en centros educativos: 150 A.

-Material para o curso (máximo): 150 A.

7. Designación de profesorado.

O profesorado destes cursos nomearao a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos xefes dos gabinetes provinciais de normalización lingüística, no caso dos cursos para impartir en Galicia e directamente no caso dos cursos para impartir fóra de Galicia. O chamamento dos profesores para os cursos efectuarase segundo a orde da lista oficial de profesorado colaborador desta secretaría xeral.

8. Solicitudes.

Os colectivos, asociacións e/ou entidades e as persoas interesadas formularán as solicitudes segundo os modelos que figuran como anexo I e II desta convocatoria, respectivamente.

As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, no caso dos cursos de fóra de Galicia, e aos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta Secretaría Xeral de Política Lingüística da provincia que corresponda, no caso das solicitudes para cursos en Galicia. Presentaranse, preferentemente, no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou no da delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da provincia á que pertenza a localidade onde queiran realizar o curso. Sen prexuízo do anterior, poderanse presentar nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño), segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

9. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

10. Documentación que cómpre achegar coa solicitude.

No caso da solicitudes formuladas por colectivos, asociacións e/ou entidades, para organizar o curso deberá achegarse a listaxe de persoas preinscritas.

No caso das persoas individuais que soliciten participar nun curso, copia do DNI. Se solicitan o curso de perfeccionamento, deberán achegar o certificado ou validación de ter realizado o curso de iniciación.

11. Procedemento de selección.

Recibidas as solicitudes nesta secretaría xeral (para os cursos de fóra de Galicia) e nos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta Secretaría Xeral de Política Lingüística (para os cursos de cada provincia), procederase a revisar a documentación. Se se apreciasen erros ou omisións, comunicaránselles ás entidades ou persoas solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71, da Lei 30/1992.

12. Proposta de programación.

Á vista das solicitudes e da distribución xeográfica destas, os gabinetes provinciais de normalización

lingüística efectuarán unha proposta de programación dos cursos en cada unha das provincias, procurando priorizar as peticións de colectivos, entidades e/ou asociacións e áreas xeográficas nas que se impartisen menos cursos con anterioridade.

Cando por mor da contía e dos límites orzamentarios non se poidan atender todas as peticións, elaborarase unha listaxe de solicitudes pendentes e, en caso de que algún dos colectivos aos que se lle conceda un curso renuncie a el, asignaráselle ao seguinte da lista.

Na programación sinalaranse as datas de comezo, horario e lugar onde se impartirá cada curso.

Respecto das solicitudes para impartir cursos fóra de Galicia, realizarase a mesma tramitación; neste caso, pola propia secretaría xeral en Santiago de Compostela.

Con relación ás solicitudes de persoas interesadas en asistir aos cursos, incluiranse nalgún dos cursos programados na localidade solicitada, ou na súa proximidade. As listas de admitidos faranse públicas na páxina web: www.xunta.es/linguagalega e nos taboleiros de anuncios dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

13. Resolución.

Os gabinetes provinciais elevarán a proposta de programación correspondente a cada provincia á secretaria xeral de Política Lingüística, que ditará a oportuna resolución, na que se recollerá tamén a programación de cursos de fóra de Galicia.

A resolución será comunicada polos gabinetes provinciais ás entidades solicitantes dos cursos e publicarase na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística: www.xunta.es/linguagalega, para coñecemento de todos os interesados e interesadas. Nesta web actualizaranse os datos e recolleranse os cambios de programación que se puidesen producir con posterioridade.

As listas de admitidos para participar nos cursos faranse públicas na páxina web www.xunta.es/linguagalega e nos taboleiros de anuncios dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

14. Réxime de recursos.

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, perante a xurisdición contencioso-administrativa.

15. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

De non recaer resolución expresa sobre a solicitude no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

16. Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión e desenvolvemento desta convocatoria, esta secretaría xeral desconcen

trará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria e delegaranse as facultades para proceder a efectuar os pagamentos relativos aos cursos programados en cada provincia, nas correspondentes delegacións provincias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes provinciais de normalización lingüística de cada provincia.

17. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou, directamente,

o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en ambos os casos desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

18. A secretaria xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Santiago de Compostela,13 de febreiro de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística