DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2007 Páx. 2.583

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 16 de febreiro de 2007 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de obras de construción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais de Galicia.

Á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co establecido no artigo 1 do Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais; relacións que ao abeiro dos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderán ser de colaboración e cooperación económica e revestir as formas de subscrición de convenios e concesión de subvencións.

Tendo en conta o anterior, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende apoiar e colaborar coas entidades locais de Galicia para acadar unha mellora nos servizos que prestan as entidades locais, regulando, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras de construción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de obras de construción, adaptación, mellora e equipamento das sedes dos concellos de Galicia, nos edificios onde estea situada a casa do concello, ou ben naqueles que, aínda tratándose de inmobles anexos ou mesmo independentes, se dediquen á prestación de servizos competencia dos concellos.

2. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo cos datos do último padrón de habitantes.

3. Será requisito indispensable para poder concorrer a esta subvención ter presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio orzamentario 2005 no Consello de Contas de Galicia.

4. Poderanse subvencionar:

1) Obras:

a) Obras de construción de nova planta de sedes de casas do concello ou edificios destinados á prestación de servizos municipais.

b) Obras que supoñan a rehabilitación integral dos edificios sinalados no punto anterior e que vaian ser destinados ao mesmo fin.

c) Obras de adaptación, mellora, así como obras complementarias e menores dentro dos edificios sinalados.

2) Equipamento mobiliario e de oficina.

Artigo 2º.-Réxime económico.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.760.0, programa 141A, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2007, ata unha contía máxima de tres millóns trescentos corenta e sete mil setecentos oitenta euros (3.347.780 A).

A axuda económica que se conceda poderá alcanzar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.-Obras plurianuais.

No caso de obras que teñan carácter plurianual, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprometerse a subvencionar fases da execución da obra con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ata unha contía máxima en cada unha das anualidades seguintes de:

2008: 1.746.000 A.

2009: 1.693.000 A.

2010: 2.280.000 A.

2011: 4.000.000 A.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os concellos que desexen acollerse ao beneficio desta orde presentarán instancia dirixida ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no da propia consellería ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do Portal dos Concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen ao dispor dos interesados no Portal dos Concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. O concello peticionario presentará coa solicitude a seguinte documentación:

2.1. No suposto de obras:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente do concello pola cal se aproban as obras ou actuacións que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as cales se solicita subvención.

c) No suposto de construción dun novo edificio, ou gran rehabilitación dun xa existente, o proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, así como certificación do secretario/a xeral da entidade local, referida á titularidade e disposición do concello sobre o terreo onde se pretenden realizar as actuacións.

d) Se a obra que se vai subvencionar é obxecto de contratación ao abeiro dos artigos 56 e 121 do R.D.L. 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, unicamente será exixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

e) Certificación do secretario/a do concello referida ao esforzo fiscal do concello (capítulos I, II e III do estado de ingresos): determinando a contribución media por habitante ao orzamento liquidado do concello, de acordo coa seguinte fórmula:

Tributos propios por habitante=Dereitos recoñecidos netos (cap. I, II, e III)/nº de habitantes.

* Os datos referidos á poboación e orzamento liquidado serán os correspondentes ao ano 2005.

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

g) Certificación do secretario/a do concello referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista no artigo 1º.3 desta orde.

2.2. No suposto de equipamento:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se aproba o equipamento que se vai realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade do equipamento para o cal se solicita subvención.

c) Orzamento detallado do equipamento para o cal se solicita subvención.

d) Certificación do secretario/a do concello referida ao esforzo fiscal do concello (capítulos I, II e III do estado de ingresos): determinando a contribución media por habitante ao orzamento liquidado do concello, de acordo coa seguinte fórmula:

Tributos propios por habitante=Dereitos recoñecidos netos (cap. I, II, e III)/nº de habitantes.

* Os datos referidos á poboación e orzamento liquidado serán os correspondentes ao ano 2005.

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

f) Certificación do secretario/a do concello referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista no artigo 1º.3 desta orde.

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constar en poder da Dirección Xeral de Administración Local, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o contido ou súa vixencia, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local, e concederáselles un prazo de dez días para corrixir os erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Valoración de solicitudes.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración Local e da cal formarán parte as delegadas provinciais da consellería. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario da dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos, de acordo coas porcentaxes sinaladas a seguir:

-Porcentaxe de financiamento respecto ao orzamento total das actuacións que sería asumido por organismos distintos á propia consellería, incluídas as cantidades que, excedendo o 20% previsto nesta orde, achegue o propio concello: 40%.

-Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello: 30%.

-Valoración do esforzo fiscal do concello, de acordo coa fórmula fixada no artigo 4º desta orde: 30%.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o cal resolverá.

Estas axudas poderán tamén formalizarse a través de convenios de colaboración cos concellos beneficiarios, nos cales poderán participar outras administracións ou entidades públicas.

Artigo 6º.-Resolución e notificación.

1. A resolución seralle notificada a todos os beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

2. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

5. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo

cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Aceptación de subvención.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a resolución.

3. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados, así como o cumprimento das obrigas recollidas nesta orde.

Artigo 8º.-Contratación.

A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, nomeadamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sendo os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puideren derivar.

Artigo 9º.-Publicidade das obras.

Naquelas obras subvencionadas por esta consellería cun importe total superior a sesenta mil euros (60.000 A), o concello beneficiario deberá dar publicidade da obra, mediante a colocación dun cartel anunciador en que conste expresamente o cofinanciamento pola Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local), de acordo coa imaxe corporativa oficial da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. Os concellos beneficiarios da subvención presentarán inescusablemente, no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, (Dirección Xeral de Administración Local), as xustificacións orixinais ou copias cotexadas, antes do 15 de outubro de 2007 mediante certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo II desta orde, con relación valorada, tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local, acompañada da correspondente certificación, relativa ao acordo de aprobación polo concello expedida polo seu secretario/a.

No caso de que a obra sexa obxecto de contratación ao abeiro dos artigos 56 e 121 do R.D.L. 2/2000, do 16 de xuño, que aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, só será exixible a remisión da factura correspondente, acompañada da correspondente certificación, relativa ao acordo de aprobación polo concello expedida polo seu secretario/a.

No caso de equipamento, facturas orixinais ou fotocopias cotexadas do gasto, acompañadas da correspondente certificación, expedida polo secretario/a do concello, relativa ao acordo da aprobación por este.

2.Achegarase certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Transcorrido o prazo establecido no parágrafo anterior sen ter presentado as correspondentes xustificacións, poderase anular a concesión da subvención a ese concello, podendo esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Así mesmo, de non xustificarse o investimento correspondente a algunha das anualidades, quedará anulada a subvención desa anualidade e das anualidades seguintes.

4. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

5. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios, poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 12º.-Modificación.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas

por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que establece o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Incumprimentos.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Artigo 14º.-Rexistro de axudas e subvencións.

As axudas que se outorguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro de Axudas e Subvencións, que será de acceso público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime e axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza