DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2007 Páx. 2.578

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 15 de febreiro de 2007 pola que se anuncian medidas de apoio á Policía Local de Galicia, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, determinan que os concellos exercerán competencias, entre outras materias, na seguridade en lugares públicos.

Así mesmo, a Lei orgánica 2/1986, de forzas e corpos de seguridade do Estado, posibilitou unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no seu Estatuto de autonomía, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, a comunidade autónoma procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio, nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

De conformidade co Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle á Dirección Xeral de Administración Local desta consellería as relacións coas corporacións locais, así como as convocatorias, selección e adxudicación das subvencións e axudas que se destinan ás entidades locais que sexan competencia desa dirección xeral.

Así, e por medio desta orde, preténdese materializar o mandato derivado do artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a lograr a homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, regulándose, para tal efecto, o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o exercicio das súas funcións, nos concellos da Comunidade Autónoma galega que conten con servizos de policía local.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá ao equipamento dos concellos de Galicia co fin de aumentar a eficacia dos servizos de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias, e así aumentar e potenciar a seguridade cidadá nos concellos, mellorando, polo tanto, a calidade de vida dos seus veciños. Para tal fin, convoca, en réxime de concorrencia

competitiva, medidas de apoio aos concellos consistentes na cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados aos concellos que conten cos devanditos servizos, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a cal se engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os vehículos obxecto de cesión desta orde poderán ser dos seguintes tipos:

-Todoterreos.

-Turismos.

-Motocicletas.

Todos eles irán adaptados e rotulados para as funcións propias dos corpos de Policía Local de Galicia, segundo o disposto no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as cesións a que se refire esta orde aqueles concellos que conten con corpo de policía local formado por un mínimo de tres membros, e que teñan unha poboación inferior aos 30.000 habitantes, de acordo cos datos do último padrón de habitantes.

Non serán consideradas as solicitudes dos concellos que non teñan actualizados os datos da súa policía local no rexistro de policía local desta consellería na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Será requisito indispensable para poder concorrer a esta subvención ter presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio orzamentario 2005 no Consello de Contas de Galicia.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ao que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de novecentos noventa e dous mil euros (992.000 A), con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.624.0, programa 141A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, que se dedicarán á adquisición de vehículos para as policías locais de Galicia.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que, contando con policía local, e que desexen acollerse aos seus beneficios, deberán presentar a solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro

dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do Portal dos Concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, cubrindo os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no Portal dos Concellos Eido Local (http://eidolocal.es), segundo procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude, presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificación expedida polo secretario xeral da corporación, relativa ao acordo, adoptado polo órgano competente, de solicitude da cesión en propiedade regulada nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela e de que se faculta o alcalde do concello para aceptar a cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería.

2.2. Memoria en que se recolla a antigüidade do parque móbil.

2.3. Memoria sobre os recursos materiais do corpo de policía local, así como sobre o cadro de persoal, actualizado ata a data de publicación desta orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

2.4. Certificación, por unha parte, dos gastos correntes consignados nos orzamentos municipais do ano 2007 destinados ao funcionamento da policía local e, por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ao mesmo fin.

2.5. Tipo de vehículo que solicita, acompañado dunha memoria xustificativa da necesidade dese tipo de vehículo en concreto.

2.6. Certificación do secretario da entidade local referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista no artigo 2º desta orde.

2.7. Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa estivese en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se tivese producido desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o seu contido ou

a súa vixencia, non será necesario entregalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

4. Se na solicitude existise algún defecto, seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixir os erros ou omisións. Se, transcorrido ese prazo, non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración local e da que formarán parte a directora xeral de Interior, os delegados/as provinciais da consellería. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario da Dirección Xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, a cal elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación ao derradeiro padrón de habitantes aprobado. 30%.

-Menor ratio de policías/vehículos de que dispón o corpo de policía do concello. 30%.

-Maior antigüidade da derradeira cesión de vehículos por parte da consellería 40%.

Artigo 7º.-Notificación.

1. O acordo de cesión, que adoptará a forma de orde, publicarase no Diario Oficial de Galicia, expresando o beneficiario modelo e datos do vehículo cedido.

Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e os datos do vehículo cedido, polo que a presentación desta solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación nesta páxina web.

A resolución da consellería seralles notificada aos solicitantes aos cales se lles conceda a cesión en propiedade dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992.

Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992.

2. Contra a resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o concello solicitante:

a) Aboar, en concepto de achega compensatoria, a cantidade resultante de aplicar o 25% ao importe unitario de licitación dos vehículos tipo turismo e motocicleta e o 30% do importe no caso dos todoterreos no correspondente procedemento de contratación.

b) Comprometerse a facer fronte aos gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas no parágrafo anterior e facer o ingreso da cantidade correspondente na entidade financeira que lle designe a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e sen que se presente o xustificante do depósito, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, segundo establece o artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 10º.-Reversión e control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen ao fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen calquera das condicións de cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva emparellada a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 6º.3 a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime e axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza