DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2007 Páx. 2.545

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2007 pola que se convocan dous cursos para a obtención do diploma de directivo da Xunta de Galicia.

O artigo 6 da Lei 3/1995, do 10 de abril, polo que se dá nova redacción ao artigo 27 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, establece que a expedición do diploma de directivo pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) habilita para o desempeño dos postos de traballo de libre designación que así se determinen nas relacións de postos de traballo.

De conformidade co previsto no artigo único do Decreto 319/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica o artigo 4 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, e segundo a redacción do Decreto 1/1995, do 12 de xaneiro, polo que se regula o diploma de directivo, convócanse dous cursos para a obtención do diploma de directivo de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitantes.

Serán requisitos necesarios para a realización dos cursos:

a) Estar na data da convocatoria en posesión do título de licenciado ou diplomado universitario.

b) Ser funcionario de carreira ou persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde dos grupos A ou B, en situación de servizo activo ou de servizos especiais en calquera das administracións públicas existentes en Galicia.

c) Ter prestado un mínimo de tres anos de servizos na Administración pública ou de cinco anos no caso dos diplomados.

Dous terzos do total das prazas convocadas (34 prazas) quedarán reservadas para o persoal da Administración autonómica que estea comprendido no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, así como para o persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, que ocupe postos de traballo de xestión sanitaria que non teñan carácter asistencial.

Ás prazas do terzo restante (16 prazas) poderá optar o seguinte persoal:

-O restante persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

-O persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde.

-O persoal docente ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

-O persoal funcionario de calquera outra das restantes administracións públicas existentes en Galicia.

No suposto de que as prazas reservadas a calquera dos grupos de persoal non chegasen a cubrirse na súa totalidade, as sobrantes engadiranse ao outro grupo.

Segunda.-Criterios de selección.

A selección dos aspirantes será efectuada por unha comisión designada para este efecto, de conformidade co previsto no artigo 6 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, e constará de dúas fases:

1ª fase: valoración de méritos.

A puntuación máxima desta fase será de 7 puntos e aplicarase o seguinte baremo:

A. Por experiencia nun posto que requirise o diploma de directivo para o seu desempeño segundo a relación de postos de traballo: 2 puntos.

As fraccións de ano traballado nun posto poderán acumularse ao tempo traballado noutro posto. As datas de referencia, para os efectos do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma de posesión e cesamento. Esta experiencia deberá ser certificada polo responsable do servizo de persoal do que dependa o solicitante, segundo o modelo oficial que se achega.

A puntuación por mes completo nun posto directivo será de 0,15 puntos.

B. Por experiencia nun posto directivo no ámbito da empresa privada: 1,50 puntos.

A dita experiencia acreditarase mediante a presentación dunha copia compulsada do contrato laboral subscrito ou dunha certificación do acordo de nomeamento expedido polo órgano competente segundo os seus estatutos, no caso de tratarse de sociedades.

A puntuación por mes completo nun posto directivo será de 0,10 puntos.

C. Pola posesión de cursos específicos para directivos impartidos por escolas ou institutos de Administración pública, nacionais ou estranxeiros, ou por entes privados: 1 punto.

a) Por cursos de 80 a 150 horas: 0,50 puntos.

b) Por cursos de máis de 150 horas: 1 punto.

Estes cursos deberán versar sobre algunha materia relacionada co contido do curso obxecto desta convocatoria. Non se considerarán os cursos de xefe de sección convocados pola EGAP.

D. Pola posesión do título de doutor : 0,50 puntos.

E. Por publicacións de monografías ou artigos sobre temas relacionados coa Administración pública: 1 punto.

a) Por cada monografía: 0,50 puntos.

b) Por cada artigo: 0,20 puntos.

Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN que estean debidamente acreditados.

F. Por coñecementos do idioma galego e de idiomas comunitarios debidamente acreditados: 1 punto.

F.1) Galego:

-Por certificado de perfeccionamento ou superior: 0,50 puntos.

-Por certificado de iniciación: 0,25 puntos.

A valoración do certificado de perfeccionamento exclúe a do certificado de iniciación.

F.2) Idiomas comunitarios:

-Por certificado de aptitude de nivel avanzado dunha lingua comunitaria: 0,50 puntos.

-Por certificado de aptitude de nivel medio dunha lingua comunitaria: 0,30 puntos.

A valoración do certificado de aptitude de nivel avanzado dunha lingua exclúe a do certificado de nivel medio da mesma lingua.

A comisión de selección, unha vez concluída a fase de baremación, publicará os resultados na páxina web e nos taboleiros de anuncios da EGAP, concederá un prazo de tres días para presentar as reclamacións que se consideren oportunas. Pola súa vez,

a mencionada comisión determinará a puntuación mínima requirida para acceder á segunda fase do proceso de selección.

2ª fase: a entrevista.

A puntuación máxima será de 3 puntos. A comisión valorará as condicións intelectuais, as calidades humanas e profesionais e a capacidade de liderado e motivación dos aspirantes.

Terceira.-Adxudicación de prazas.

A comisión de selección decidirá en cal de cada un dos cursos participarán os admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización dos cursos expoñerase na páxina web e nos taboleiros de anuncios da EGAP, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados co fin de que poidan obter o correspondente permiso de asistencia.

Cuarta.-Substitucións.

Se unha persoa seleccionada causa baixa antes do comezo ou no transcurso das vinte primeiras horas lectivas do curso, deberá comunicarllo á EGAP para a súa substitución pola que lle corresponda segundo a orde de preferencia no proceso selectivo.

Quinta.-Características dos cursos.

Duración: 150 horas (120 horas presenciais, divididas entre asistencia a contidos teóricos, seminarios, conferencias e clases de traballo en equipo para o desenvolvemento dun proxecto, e 30 horas non presenciais).

Lugar: os cursos desenvolveranse en varias sedes aínda que a principal será a propia EGAP, situada no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela.

Datas: 1º curso: do 12 de abril ao 22 de xuño de 2007 - 2º curso: do 13 de setembro ao 30 de novembro de 2007 (os xoves pola tarde e os venres pola mañá e/ou pola tarde).

Prazas: 25 en cada curso.

Contido básico: Dirección innovadora; Análise e avaliación de políticas públicas; Dirección e xestión pública; Xestión de proxectos en organizacións públicas; Dirección e planificación estratéxica pública; Márketing en entidades públicas; A xestión pública e a calidade nas organizacións públicas; Os sistemas de información na Administración pública.

As clases completaranse con conferencias por conta de especialistas cualificados.

Obxectivos dos cursos:

1. Introducir os empregados públicos con responsabilidades directivas e semidirectivas nas técnicas de xestión e de habilidades directivas necesarias para liderar equipos de traballo de alta dirección

pública, desenvolvendo as competencias directivas e semidirectivas innovadoras (análise, interpretación, participación, proxecto, grupo de traballo e márketing interno) e aprendendo a pór en marcha equipos de traballo integrados e cooperativos.

2. Facilitar espazos de aprendizaxe e de intercambio global de experiencias entre os participantes nos cursos, e entre estes e outros grupos directivos da Administración autonómica e da Administración xeral do Estado cos que colaboren en proxectos intergobernamentais.

3. Resolver problemas estratéxicos de cada participante, orientando a aprendizaxe cara á innovación organizativa e a gobernación multinivel en que están inseridas as diferentes organizacións públicas que compoñen a Xunta de Galicia.

4. Procurar unha cultura mixta de acción pública, é dicir, baseada no entendemento entre as diferentes administracións públicas (autonómica, local e universitaria) e que pola súa vez non sexa allea ás iniciativas da sociedade civil que comparten actitudes privadas e públicas.

Metodoloxía, seguimento e avaliación:

1. Os cursos para a obtención do diploma de directivo articúlanse en torno a unha metodoloxía de innovación (Mining-Aldebaran) que integrará os principios e valores da dirección pública con novos modelos de xestión estratéxica e de mellora continua aplicables ás organizacións públicas (habilidades, análise estratéxica, participación, intercambio, orientación ao cidadán e calidade). Esta metodoloxía de acción-investigación, de integración, desenvolvemento e aprendizaxe, estará presente nas diferentes etapas dos cursos.

2. O ciclo de traballo dos cursos sitúase en catro tipos de espazos:

-Un espazo troncal de aprendizaxe integrado polas experiencias do grupo de traballo que confire sentido a todas as actividades do programa e que incorpora as accións dos participantes

-Un espazo de políticas e ferramentas públicas, desde o cal se difunden aqueles coñecementos básicos para o desenvolvemento da actuación pública.

-Un espazo de habilidades e ferramentas innovadoras, ao xeito de seminarios de innovación.

-Un espazo de presente cara ao futuro no cal se mostren as tendencias de cambio a que están sometidas as organizacións públicas, cun formato de conferencias.

3. Os módulos desenvolveranse seguindo unha metodoloxía presencial (os xoves pola tarde e os venres pola mañá e/ou pola tarde). Os alumnos terán que utilizar un sistema e-reading (en liña), que lles permitirá acceder a un soporte documental para a

lectura común e que permite os intercambios en rede, o que facilitará a intercomunicación entre os participantes e os propios grupos de traballo de que forman parte. Ao longo dos cursos estableceranse unha serie de sesións que se desenvolverán fóra das instalacións da EGAP seguindo a liña de formación fóra da aula.

4. A dinámica activa, flexible e altamente participativa desta edición do curso para a obtención do diploma de directivo da Xunta de Galicia implica unha clara corresponsabilidade por parte dos alumnos asistentes. Búscase así a participación activa nos contidos teóricos e prácticos (estudos de casos e dinámicas) dos módulos e a obtención dos bos resultados no proxecto final. Cada alumno ao finalizar os contidos teórico-prácticos presentará un proxecto final que deberá ser avaliado positivamente por un tribunal composto por profesores participantes no programa e avaliadores externos.

5 Cada curso está destinado a un máximo de 25 alumnos seleccionados de acordo co procedemento e o baremo que se establece nesta convocatoria e de conformidade coa normativa reguladora para a obtención do diploma de directivo. Non obstante, os seminarios e as conferencias, así como algúns dos módulos que integran o programa, poderán ser cursados, independentemente do resto do curso, por candidatos ou interesados en xeral de acordo co que dispoñan as convocatorias específicas que para o efecto realice a EGAP.

Sexta.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e a puntualidade a todas as sesións previstas dos cursos. A non-asistencia á clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, sen prexuízo de que a ausencia a máis de 20 horas lectivas determine a cualificación de non apto no curso.

Sétima.-Proxecto final.

Ao remate dos cursos, cada un dos alumnos deberá presentar un proxecto final do curso enfocado cara á posta en práctica do aprendido no posto de traballo que cada un ocupa. Para iso debe comprender o tema desde unha perspectiva global ou teórica e darlle unha aplicación concreta na súa función actual, con obxecto de producir unha mellora estratéxica substancial na súa forma e estilo de traballo directivo. Estes proxectos poderán deseñarse en grupos de 2, 3 ou 4 alumnos, co obxecto de fomentar a posta en práctica de accións coordinadas de innovación.

Os proxectos serán apoiados por titores, que estarán dispoñibles en liña para a comunicación cos participantes e terán a obriga de atender persoalmente os seus tutelados durante, polo menos, dúas entrevistas.

O prazo de presentación dos proxectos será de 30 días contados a partir do último día do curso.

Estes proxectos serán avaliados polos profesores de cada curso designados pola EGAP para tal efecto, e serán obxecto dunha presentación pública por parte dos seus autores.

Oitava.- Expedición do diploma de directivo.

Finalizados os cursos, o seu director elevará a proposta dos aptos ao director da EGAP, que ditará a resolución definitiva e expedirá o diploma de directivo.

Novena.-Modificacións.

A EGAP poderá modificar os contidos, duración, datas e horarios mencionados para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir no desenvolvemento de cada curso.

Décimo.-Instancias e prazo de presentación.

A admisión aos cursos solicitarase mediante a presentación da instancia que, como modelo, se recolle no anexo I desta convocatoria, xuntándolle, debidamente cuberto en todas as epígrafes, o anexo II da presente resolución, no cal se resumen os méritos que se terán en conta, así como a súa acreditación documental en orixinal ou copia compulsada, coa excepción daqueles xa certificados polos responsables de persoal. Por último, deberá achegar tamén unha memoria explicativa onde manifeste cal é o seu interese no curso e na que especifique ademais dous motivos que xustifiquen a conveniencia ou necesidade de realizalo para o desenvolvemento das funcións relacionadas co seu posto de traballo. A citada memoria presentarase en formato A4 e mecanografada a dobre espazo por unha soa cara. A non presentación desta memoria dará lugar á exclusión do candidato.

As instancias presentaranse no rexistro da EGAP ou enviaranse por calquera dos medios permitidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo. No caso de que se presenten noutros rexistros, deberá enviarse unha copia da solicitude por fax ao número 981 54 63 37 antes da data de remate do prazo de inscrición.

O prazo de presentación de instancias será de quince días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A publicación da resolución do procedemento deberá producirse no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o mencionado prazo sen resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA,

ECONÓMICO-FINANCEIRA

E CONTABLE