DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2007 Páx. 2.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2007 pola que se convoca un curso básico de medio natural, que se desenvolverá a través da internet.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso básico de medio natural, que se desenvolverá a través da internet, conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñecer a normativa máis importante que afecta a operativa ambiental.

-Dominar a operativa básica de actuación profesional na área de medio natural.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros das forzas e corpos de seguridade en xeral, tendo preferencia os membros das policías locais e da Policía autonómica.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas e selección.

Ata 75 prazas, que serán outorgadas por rigorosa orde de entrada de solicitudes, tendo en conta o disposto na epígrafe de destinatarios.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, pero tamén a través do correo electrónico, sen prexuízo da acreditación posterior.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 27 de febreiro ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; por correo electrónico a través da páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 5 ao 20 de marzo e terá unha valoración de carga horaria de 20 horas lectivas.

Contido.

I. Normas xerais de protección ambiental.

II. A protección ambiental en Galicia.

III. Conservación da natureza.

IV. Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

V. Residuos: normativa.

VI. Residuos: tipos, xestión e eliminación.

VII. Augas continentais: normativa.

VIII. Contaminación de augas.

Requirimentos técnicos mínimos para os equipos dos alumnos.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da AGASP (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning son de nivel básico:

Hardware.

A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

Software.

Calquera navegador web actual (de versión recente) sobre calquera sistema operativo de uso común.

Por exemplo:

-En Windows pódese empregar o Mozilla Firefox, ou Opera ou o Internet Explorer.

-En Linux pódese empregar o Firefox, o Konqueror ou o Opera.

Comunicacións.

Para acceder á estrutura de xestión do curso abonda unha conexión de baixa velocidade (por exemplo: unha conexión telefónica con módem a 40 Kbps permite interactuar comodamente coa ferramenta de xestión do curso).

Temporalización dos contidos e probas parciais.

Neste procedemento os contidos do curso irán sendo facilitados aos alumnos en etapas sucesivas, do seguinte xeito:

-O día 5 de marzo os primeiros catro módulos, dos que haberá un exame tipo test con tempo limitado, tendo o alumno a necesidade de superalo para poder continuar no curso.

-Unha vez superada esta proba, os alumnos terán acceso aos seguintes catro módulos, dos que haberá tamén unha proba ao seu remate.

Proba final e certificado de aproveitamento.

O día 20 de marzo ás 17.30 horas, os alumnos que opten ao certificado de aproveitamento deberán superar unha proba presencial final do conxunto dos contidos, o que lles dará acceso a este certificado. Noutro caso outorgaráselles certificado de participación activa. Os lugares de desenvolvemento desta proba serán comunicados oportunamente.

Incompatibilidade.

A participación neste curso resultará incompatible coa admisión do alumno noutra actividade da AGASP que se desenvolva por internet ou en edicións anteriores desta mesma temática.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 2 de marzo a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios do Academia Galega de Seguridade Pública e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 02 41.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de febreiro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de

Seguridade Pública

ANEXO

NOTA: úsese o publicado na páxina 2.544.