DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2007 Páx. 2.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2007 pola que se convocan catro cursos de segundo nivel de Busca e salvamento en montaña e zonas illadas.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de 4 cursos de segundo nivel de Busca e salvamento en montaña e zonas illadas, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil de coñecementos teórico-prácticos para desempeñar tarefas de busca e salvamento de persoas na montaña en zonas illadas.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que teñan superado o curso básico de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de trinta (30).

2. Duración e datas: os cursos terán lugar durante o primeiro semestre do ano 2007, en fins de semana e cunha duración de trinta e cinco horas lectivas.

3. Lugar: determinarase en función da procedencia das solicitudes recibidas.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos solicitantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 1 de marzo de 2007.

4. As instancias deberán estar asinadas polo/a presidente/a da agrupación e co selo desta, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionadas por orde de preferencia. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Xeneralidades. Coordinación do socorro. Protocolos de busca. Distribución de tarefas. Orografía e cartografía. Lectura e interpretación de mapas. Principios básicos de orientación e utilización do compás. Métodos de busca de persoas desaparecidas. Busca en situacións especiais. Técnicas de busca e salvamento en zonas de difícil acceso. Axentes agresores na montaña. Actuacións en situacións de risco vital. Técnicas de inmobilización e traslado con medios convencionais e improvisados. Consellos prácticos para a prevención de accidentes.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á realización do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://agasp*xunta.es.

Sétima.-Asistencia

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de febreiro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Pública

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO

DE GALICIA