DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2007 Páx. 2.229

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 31 de xaneiro de 2007 pola que se regulan as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Os servizos de transporte público discrecional de viaxeiros por estrada, prestados con vehículos de menos de dez prazas, incluída a do condutor, e realizados ao amparo de autorizacións de transporte documentadas en tarxetas da clase VT, encóntranse sometidos ao réxime tarifario que se regula nos artigos 18 e 19 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e 28 e 29 do seu regulamento, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro.

O artigo 19 da referida lei establece que as tarifas do transporte público deberán cubrir a totalidade dos custos reais en condicións normais de produtividade e organización, debendo permitir un razoable beneficio empresarial e unha correcta prestación do servizo, sen que se deixen de retribuír, se é o caso, as prestacións complementarias.

Pola súa parte, o segundo parágrafo, alínea d), do artigo 5 da Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, delega nas comunidades autónomas a facultade de fixar as tarifas correspondentes aos servizos prestados ao amparo de autorizacións cuxo ámbito territorial exceda do dunha comunidade autónoma.

O incremento dos custos de explotación, especialmente o referido ao gasóleo, desde a aprobación da Orde do 15 de decembro de 2005 (DOG nº 250, do venres 30 de decembro) aconsella a súa actualización e a conseguinte revisión das tarifas de aplicación.

No procedemento de elaboración desta orde emitiu informe o Consello Galego de Transportes, de conformidade co previsto no Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a súa estrutura, composición e funcións.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

1. O réxime de tarifas establecido nesta orde aplicarase aos servizos interurbanos de transporte público de viaxeiros con orixe en Galicia, e prestados, ao amparo de autorizacións documentadas en tarxeta VT-N, en vehículos de menos de 10 prazas, incluído o condutor.

2. Quedan fóra desta regulación as autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor.

Artigo 2º.-Tarifas.

1. Os servizos previstos no artigo anterior prestaranse con suxeición ás seguintes tarifas máximas, impostos incluídos:

-Prezo por km percorrido: 0,94 euros.

-Prezo por hora de espera: 12,38 euros.

-Mínimo de percepción: 2,82 euros.

-Suplemento para domingo, festivo ou nocturno (entre as 22.00 e as 6.00 horas en días laborables e entre as 0.00 e as 24 horas en domingos e festivos): 20%.

2. Os tempos de espera motivados polo abandono temporal do coche polo usuario facturaranse a razón de 3,10 euros por fracción de 15 minutos. Durante o transcurso da primeira hora de espera, o usuario terá dereito a dispoñer gratuitamente dun tempo de espera de 15 minutos.

Artigo 3º.-Taxímetro.

1. Os titulares de autorizacións de transporte documentadas en tarxetas VT-N poderán instalar un taxímetro homologado, calquera que sexa a localidade en que teña residencia a súa autorización de transporte.

2. Os vehículos provistos de taxímetro deberán, sen prexuízo da aplicación da tarifa urbana se é o caso aprobada, determinar en todo caso o prezo do servizo mediante o taxímetro que se axustará aos pasos por tempo ou por quilómetro nas contías seguintes:

-Valor do paso: 0,05 euros.

-Metros por salto: 53,19.

-Segundos por salto: 14,53.

-Metros primeiro salto: 3.000.

-Tempo primeiro salto: 14'.

3. A percepción mínima prevista no artigo 2º subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente ao primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos.

Artigo 4º.-Vehículos non provistos de taxímetro.

1. Aos servizos prestados por taxis non provistos de taxímetro seranlles de aplicación as tarifas establecidas por km percorrido, prezo por hora de espera e mínimo de percepción.

2. O mínimo de percepción cubrirá os 3 primeiros quilómetros, polo que non será acumulable á tarifa de distancia por cada quilómetro ou fracción.

Artigo 5º.-Publicación das tarifas.

Os vehículos aos que se refire esta orde deberán expoñer as tarifas interurbanas vixentes de forma visible no interior do vehículo segundo o modelo recollido no anexo a esta orde, sen prexuízo da obriga de expoñer, se é o caso, as tarifas urbanas de forma independente.

Artigo 6º.-Cálculo da tarifa.

1. As tarifas establecidas nesta disposición refírense, en todo caso, á contratación por coche completo.

Os titulares de vehículos non provistos de taxímetro deberán aplicar a tarifa por distancia aos quilómetros e á fracción de quilómetro percorridos que determine o contaquilómetros do vehículo.

Antes do inicio da viaxe deberase poñer o contaquilómetros parcial a cero, comunicándolle ao usuario a dita circunstancia.

2. O usuario determinará o itinerario do servizo de transporte antes da súa iniciación. No suposto de que se contrate a realización do traxecto de ida por autoestrada, correrá por conta do usuario o custo das peaxes de ida e de retorno.

No resto dos supostos, deberase seguir a ruta máis curta das posibles, debendo o condutor manifestarlle ao usuario as modificacións do dito percorrido cando concorran causas de forza maior ou circunstancias que aconsellen unha ruta alternativa.

3. O prezo por distancia establecido nesta orde aplicarase ao traxecto de ida.

Cando o usuario do servizo decida retornar ao punto de inicio por un itinerario máis longo, o transportista, ademais dos suplementos que correspondan por espera no lugar de destino, terá dereito a cobrar o incremento de quilómetros, respecto á viaxe de ida, conforme o valor establecido por quilómetro ou fracción.

Artigo 7º.-Percorridos mixtos.

Cando o servizo contratado conte cun tramo urbano e outro interurbano aplicarase a tarifa urbana ata os límites establecidos pola ordenanza correspondente e, a partir do dito punto, a tarifa regulada nesta orde. O condutor do vehículo deberá advertirlle ao usuario a dita circunstancia no momento que cambie o réxime de tarifas.

Artigo 8º.-Emisión de facturas.

1. O contratante do servizo poderá exixir unha factura en que se reflictan os puntos de inicio e finalización do servizo, a tarifa resultante do percorrido e, se é o caso, a contía dos suplementos por espera, horario nocturno e días festivos.

2. Cando o vehículo non estea provisto de aparello taxímetro deberase consignar a quilometraxe na viaxe de ida e, se é o caso, o suplemento establecido no parágrafo segundo do punto 3 do artigo 6º.

3. Sempre que os contratantes estipulasen unha tarifa antes do inicio do servizo, a dita circunstancia deberá quedar reflectida na factura, así como a indicación proporcionada polo transportista do custo do servizo cando o contratante do servizo demande a inclusión da dita mención.

Artigo 9º.-Equipaxes.

1. O usuario terá dereito ao transporte gratuíto de equipaxes de ata 75 kg de peso nos vehículos de ata 4 prazas, e de 90 kg nos de capacidade superior, sempre que o seu volume permita transportalos no maleteiro ou na baca do vehículo sen contravir as normas de tráfico e circulación.

2. Cando non se utilicen o número total de prazas poderanse incrementar as ditas cifras a razón de 30 kg por asento libre, sempre que o condutor do vehículo acceda a isto e as dimensións e natureza da equipaxe permitan o seu transporte.

Artigo 10º.-Devolución de cambio.

1. Na prestación dos servizos de transporte regulados nesta orde non existirá a obriga de proporcionar a devolución de billetes con valor facial superior a 50 euros.

2. O dito límite elevarase á contía necesaria sempre que a diferenza entre o billete ofrecido e o importe do transporte non exceda de 50 euros.

Artigo 11º.-Transportes con orixe ou saída nalgún aeroporto.

A directora xeral de transportes queda facultada para autorizar o establecemento, logo de audiencia dos concellos afectados e da asociación provincial de taxis correspondente, dun suplemento específico de aplicación aos servizos de taxi con orixe ou saída nalgún dos aeroportos da comunidade autónoma.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transporte

ANEXO

Tarifas de taxis para servizos discrecionais de transporte de viaxeiros con autorización de clase VT-N, en percorridos con orixe en Galicia.

Prezo por quilómetro (viaxe de ida só): 0,94 euros.

Mínimo de percepción: 2,82 euros.

Prezo por hora de espera: 12,38 euros.

Prezo de fracción 15 minutos: 3,10 euros.

Suplemento de tarifa de domingos, festivos e nocturno (das 22.00 ás 6.00 horas en días laborables e entre as 0.00 e as 24 horas en domingos e festivos): 20%.

Valor do paso equivalente a 53,19 metros ou 14,53 segundos: 0,05 euros.

Condicións aplicables:

1. As tarifas levan incluídos os impostos.

2. Os servizos contrátanse por coche completo e as tarifas compútanse só na viaxe de ida, salvo que as partes contratantes acorden computar o retorno.

3. Non existe obriga de facilitar cambio superior a 50 euros.

4. Existe un libro de reclamacións ao dispor dos usuarios.

5. A percepción mínima corresponde a un primeiro salto de 3.000 metros ou 14'.

6. Durante o transcurso da primeira hora de espera o usuario terá dereito a dispoñer dun tempo de espera

de quince minutos. Transcorrido este, computarase por fracción de quince minutos a razón de 3,10 por cada fracción.

Vehículo matrícula:

Titular da autorización: