DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2007 Páx. 2.223

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establecen e regulan as subvencións para a realización de actividades informativas destinadas ás colectividades e emigrantes galegos no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu título preliminar, recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, establece no artigo 9 que a comunidade autónoma, no marco da cooperación social e cultural coas comunidades galegas, fomentará a produción, distribución e intercambio de programas de radio e televisión.

Á Secretaría Xeral de Emigración, órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndenlle, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega e ao recoñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

A disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral de Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral de Emigración, en prol de manter e promocionar a cultura galega no exterior nas súas distintas manifestacións e de potenciar o coñecemento da nosa realidade actual, considera esencial promover a realización de diferentes actividades no eido da información, a través dos distintos medios de comunicación, xa que na sociedade actual os medios de comunicación constitúen un instrumento fundamental para conseguir estes obxectivos e para alcanzar unha sociedade máis informada e plural.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a normativa que a desenvolve, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto financiar a realización de actividades en radio, televisión e medios informativos dixitais que promovan a nosa cultura nas súas distintas manifestacións e un mellor coñecemento da realidade do noso país e que teñan como destinatarios as colectividades e emigrantes galegos no exterior.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Atendendo ao obxecto sinalado no artigo anterior poderanse subvencionar, sempre que teñan unha proxección exterior, as seguintes actividades:

-Produción e realización de programas radiofónicos ou televisivos dirixidos á Galicia exterior.

-Actividades relacionadas co xornalismo dixital dirixidas á Galicia exterior.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poden solicitar e recibir subvencións as persoas físicas e xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que sexan titulares de medios de comunicación social en que non sexa maioritaria a participación dunha ou diversas administracións públicas, que promovan ou realicen iniciativas en materia de comunicación social.

2. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, as persoas que forman parte como membros e que se comprometan a levar a cabo a totalidade ou unha parte da actividade que fundamente a concesión da subvención en nome e por conta da persoa xurídica, tamén terán a condición de beneficiario. En todo caso, a persoa xurídica ten que designar unha persoa responsable da actividade.

3. Non poden ser beneficiarias das subvencións as persoas, as entidades ou as asociacións nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Contía e orzamento.

As axudas destinaranse a cubrir os gastos derivados da realización de actividades informativas programadas. Para a concesión destas axudas resérvase inicialmente un crédito total de 60.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07, Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, podendo incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Emigración ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo oficial que se publica como anexo a esta resolución, e que se acha ao dispor dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Emigración e na súa páxina web www.galiciaaberta.com.

As solicitudes e a documentación correspondente remitiranse á Secretaría Xeral de Emigración, rúa Basquiños número 2, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, se coincidir en sábado ou día inhábil, contarase a partir do día seguinte hábil.

No caso de que a documentación presentada sexa incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá ao interesado para que no prazo de 10 días complete a súa solicitude, indicándolle que, se non o fixer, considerarase desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes, presentadas conforme o disposto no artigo anterior, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do CIF, NIF ou identificación fiscal equivalente.

b) Se se trata de persoas xurídicas, o documento de constitución e os seus estatutos e documento acreditativo da inscrición da entidade no rexistro correspondente, cando esta sexa necesaria, e acreditación da representación en virtude da cal actúa o asinante da solicitude.

c) Declaración responsable do solicitante de non incorrer en ningunha causa de incompatibilidade para percibir a subvención solicitada de acordo co establecido na normativa aplicable en materia de subvencións.

d) Declaración do conxunto de axudas solicitadas -tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución- para as mesmas accións para que se concedeu a subvención, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

e) Certificado ou acreditación de que o beneficiario é titular da conta bancaria facilitada.

f) Memoria descritiva do proxecto ou actividade que se vai realizar indicando:

-Unha descrición do contido ou das actuacións que a integran.

-A xustificación da transcendencia e a súa repercusión social.

-O orzamento detallado dos gastos, co IVE ou outro imposto similar desagregado.

-Descrición dos recursos humanos e materiais que se destinarán ao proxecto ou actividade.

-Informe do ámbito territorial de influencia e grao de difusión do medio utilizado para a realización da actividade.

g) Acreditación da traxectoria profesional do solicitante.

2. A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2007, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución, segundo o artigo 14 e), da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Agás nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web galiciaaberta.com a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude implica a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A ordenación e instrución do procedemento corresponderá ao xefe de servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

O órgano competente para resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas con base nesta resolución será o secretario xeral de Emigración.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A Secretaría Xeral de Emigración avaliará as solicitudes presentadas en función dos criterios seguintes:

a) Recursos humanos e materiais que se destinarán ao proxecto ou actividade. Valorarase o número de

efectivos que vai destinar ao proxecto e o perfil do equipo humano, así como a calidade do material: 35 puntos.

b) Traxectoria profesional do solicitante. Valoraranse os traballos realizados que estean relacionados co obxecto da subvención, así como a súa calidade: 25 puntos.

c) Emprego do idioma galego: 10 puntos.

d) Ámbito territorial de influencia e grao de difusión do medio utilizado para a realización da actividade: 20 puntos.

e) O carácter singular ou innovador da actividade ou proxecto que se vai realizar, tendo en conta a audiencia e o ámbito territorial en que se desenvolve: 10 puntos.

Artigo 9º.-Procedemento de concesión da subvención.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan pola presente resolución axustarase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de concorrencia competitiva tal como recolle a citada Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Estas axudas terán a consideración de minimis ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28-15-2006).

2. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que lle formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O citado órgano colexiado estará formado por tres funcionarios da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas. O órgano colexiado avaliará as solicitudes segundo os criterios obxectivos establecidos nesta resolución.

Artigo 10º.-Resolución.

1. As resolucións serán ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas aos interesados, debendo ser sempre motivadas. A Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a que se outorgou a axuda. A Secretaría Xeral de Emigración, en cumprimento dos requisitos de publicidade e transparencia que prevé o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, publicará na súa páxina web oficial www.galiciaaberta.com as concesións das devanditas subvencións, dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación, indicando a relación de beneficiarios, o importe das axudas concedidas e a identificación da normativa reguladora.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Gastos subvencionables.

1. Son gastos subvencionables aqueles gastos correntes que respondan á natureza da actividade subvencionada, tales como estudos, traballos técnicos, desprazamentos, traballos realizados por empresas ou outras persoas, aluguer, etc. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables pode ser superior ao do mercado.

2. Son subvencionables os gastos xerais da actividade do solicitante; pero só a porcentaxe que lle corresponda ao proxecto ou actividade que sexa obxecto de subvención, dentro do total dos mencionados gastos xerais.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. A acción subvencionada deberá ser executada durante o ano 2007.

2. Antes de proceder ao pagamento do importe da subvención concedida, os beneficiarios de axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Emigración, antes do fin do exercicio orzamentario, a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria xustificativa en que conste a descrición das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

b) Factura ou facturas acreditativas dos gastos subvencionables e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Estas facturas deberán presentarse ben en documento orixinal ben en fotocopia debidamente cotexada. A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse mediante facturas, sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario. Cando os xustificantes dos gastos inclúan gastos xerais, debe especificarse a porcentaxe que significa a actividade subvencionada en relación coa totalidade das actividades que realiza o beneficiario.

Cando as actividades se financiaron, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, na xustificación ten que acreditarse o importe e a aplicación destes fondos nas actividades subvencionables.

c) Unha mostra da actividade realizada co correspondente informe de difusión.

d) Declaración do beneficiario ou do seu representante legal relativa ao feito de que se realizaron todas as actuacións indicadas na solicitude de subvención e que, polo tanto, se cumpriu a finalidade para que foi subvencionada.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas -tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución- para as mesmas accións para que se concedeu a subvención, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Non obstante o anterior, para conseguir a maior operatividade deste tipo de axudas poderán acordarse pagamentos parciais ou efectuar anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, suxeitos aos requisitos que na citada normativa se establecen. O resto do importe librarase no momento de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda e demais condicións exixidas nesta resolución. En todo caso, antes de proceder ao pagamento terán que estar ao día das obrigas tributarias co Estado e comunidade autónoma, así como coa Seguridade Social.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios das axudas e subvencións convocadas pola presente resolución quedan obrigados a:

-Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recolleitas no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da

Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

-Se por calquera motivo a actuación programada non se puider realizar, deberáselle comunicar á Secretaría Xeral de Emigración, que poderá dispoñer do citado crédito para subvencionar proxectos inicialmente non atendidos ou aumentar a axuda doutros subvencionados parcialmente.

-Será obrigatoria a difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral de Emigración das actividades culturais subvencionadas mediante as axudas recollidas nesta resolución nos actos, documentación e emisións que se realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 14º.-Graduación dos posibles incumprimentos.

1. Para cobrar o importe da subvención concedida deberá terse realizado o 100% da actividade, o proxecto ou o obxecto para que se concedeu a subvención. Nos casos en que se realice parcialmente, reducirase proporcionalmente o importe da subvención en función do xustificado, sempre que se cumpra a finalidade para que se concedeu a subvención.

2. Non obstante, non debe considerarse que incorre en incumprimento o beneficiario que realice parcialmente o proxecto ou a actividade que é obxecto de subvención por falta de financiamento propio, sempre que a actividade subvencionada sexa esencialmente divisible e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión e reintegro.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, podendo a Secretaría Xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de reintegro que corresponda.

Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2007.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES