DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2007 Páx. 2.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de febreiro de 2007 pola que se convocan axudas económicas para compensar gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora.

Entre as actividades propias de diversos postos de traballo encadrados no ámbito da función docente e inspectora non universitaria e da unidade técnica e determinado persoal laboral, atópanse aquelas encamiñadas a garantir unha adecuada atención educativa, e que exixen o desprazamento por razón do servizo deses funcionarios e persoal laboral polas estradas, utilizando necesariamente os seus vehículos particulares por mor da programación do traballo, carácter itinerante das funcións, horario dos centros e outras.

Atendendo a esta circunstancia e coa finalidade de compensar os eventuais danos materiais, non cubertos, que sufran o citado persoal dependente desta consellería nos seus vehículos particulares, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeira.-Obxecto.

1. Convócanse axudas económicas para compensar os gastos derivados dos danos causados no vehículo particular como consecuencia de accidentes de circulación producidos nos desprazamentos por razón de servizo, acontecidos desde o 1 de setembro de 2006 ata o 31 de agosto de 2007, incluído.

2. Non serán obxecto de compensación a través destas axudas:

a) Aqueles supostos en que a obriga da reparación dos danos corresponda integramente a unha entidade aseguradora ou a un terceiro.

b) Os danos derivados de avarías mecánicas.

c) Os danos derivados dos accidentes acontecidos nos desprazamentos desde o domicilio ao centro de traballo e viceversa.

Segunda.-Contía e dotación orzamentaria.

1. O importe das axudas poderá acadar como máximo a totalidade do valor da reparación sen que, en ningún caso, poida superar o límite máximo de doce mil euros.

2. A contía máxima do crédito destinado a esta convocatoria será de cento dous mil euros, con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.421A.162.05, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Terceira.-Ámbito subxectivo de aplicación.

1. Poderá solicitar axuda económica o persoal docente que imparta ensinanzas escolares, os inspectores ao servizo da Administración educativa de Galicia, os funcionarios das unidades técnicas e o persoal non docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que, para o desempeño do seu posto de traballo precise, o desprazamento por estrada con vehículo particular e como consecuencia diso sufra algún accidente do cal deriven danos no vehículo, non cubertos adecuadamente por outro sistema compensatorio.

2. Deben entenderse incluídos, en todo caso, os seguintes empregados públicos:

-O persoal integrante dos equipos de orientación específica e dos departamentos de orientación.

-O persoal integrante dos colexios rurais agrupados.

-O persoal integrante dos centros de formación e recursos.

-O persoal que se despraza aos centros de formación e recursos (Cefores) para a realización de cursos de formación.

-O persoal que preste servizos en dous ou máis centros públicos, cando se desprace dun ao outro centro dentro da mesma xornada de traballo.

-O persoal que preste servizos na atención domiciliaria.

-O persoal que presta servizos dentro da mesma localidade en dous ou mais centros, na itinerancia entre ambos os centros.

-Pesoal que se despraza dentro dun mesmo centro por ter máis dunha localización física.

-Os coordinadores/as da formación nos centros de traballo no exercicio das súas funcións.

-Os coordinadores/as de formación nos centros educativos no exercicio das súas funcións.

-Os titores dos ciclos formativos.

-Os liberados sindicais no exercicio das súas funcións.

-Os delegados sindicais no exercicio das súas funcións.

-O persoal de prevención de riscos no exercicio das súas funcións.

-O persoal colaborador nos comedores escolares (funcionarios ou laborais) que se desprace para a adquisición de subministracións destinadas aos citados comedores.

-Os inspectores de educación e os inspectores ao servizo da Administración educativa.

-Os funcionarios das unidades técnicas da Consellería e das Delegacións Provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Todos aqueles titulares dos postos docentes cuxo desprazamento habitual ou ocasional sexa exixido por razón de servizo como consecuencia do cumprimento dunha comisión de servizos regulamentariamente encomendada.

Cuarta.-Solicitudes e documentación.

1. O procedemento iniciarase por instancia da parte interesada, mediante solicitude segundo o modelo determinado no anexo a esta orde, dirixida ao secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dentro dos corenta días naturais seguintes ao da produción do accidente, e presentarase nos rexistros da consellería ou das súas delegacións provinciais ou en calquera dos demais lugares a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude deberá ir acompañada dos documentos que a continuación se relacionan:

a) DNI do solicitante.

b) Descrición detallada do accidente, especificando o lugar, a data e a hora deste.

c) Certificación expedida polo órgano correspondente: director do centro, xefe do servizo ou programa, ou autoridade convocante, que acredite que o desprazamento se produciu por razóns do servizo e dentro do seu ámbito territorial. Nesta certificación deberá constar o visto e prace do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) Orixinal ou fotocopia compulsada da factura de reparación do vehículo. No caso de presentar o seu orzamento, será emitido por un taller especializado, e non se tramitará a solicitude ata a achega da factura.

e) Tarxeta de inspección técnica (anverso e reverso) e permiso de circulación.

f) Documentación acreditativa da existencia e vixencia do contrato de seguro do vehículo, en que conste o seu ámbito de cobertura e, se é o caso, o límite da franquía.

g) Taxación pericial no caso de sinistro total.

h) Dilixencias ou atestados practicados polos axentes ou autoridades encargadas da vixilancia do tráfico, se é o caso.

i) Declaración xurada de non ter sido indemnizado polos mesmos danos ou, de ser o caso, xustificación do importe das indemnizacións percibidas ou recoñecidas.

j) No suposto de baixa do vehículo deberase achegar o documento xustificativo desta.

k) Certificación bancaria que acredite a titularidade da conta en que se solicita o ingreso.

Quinta.-Comisión de valoración e criterios de adxudicación.

1. As solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración integrada polos seguintes membros.

-O subdirector xeral de Persoal ou persoa en quen delegue que será o presidente.

-O subdirector xeral da Inspección Educativa.

-O xefe de Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

-A xefa de Servizo de Persoal non Docente.

-O xefe de Servizo de Réxime Xurídico e Recursos.

-A xefa de Servizo de Profesorado de Educación Secundaria, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

-O xefe de Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria.

-Unha/un representante de cada unha das organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

-Unha/un funcionaria/o designada/o pola secretaría xeral, que actuará como secretaria/o, con voz e voto.

2. A comisión de valoración fixará os criterios para determinar o importe das axudas, tendo en conta a importancia dos danos, as circunstancias e características do accidente, con especial consideración dos eventuais supostos de culpabilidade e neglixencia do solicitante da axuda, así como as condicións, valor de mercado, modelo e antigüidade do vehículo, e realizará a correspondente proposta de resolución, coa indicación das contías que procedan, tendo en conta as limitacións establecidas na base segunda desta orde.

3. A comisión poderá solicitar o asesoramento daquelas persoas que, por razón da súa competencia ou cualificación técnica, considere oportuno, podendo ocasionalmente incorporalas a ela.

4. A comisión de valoración reunirase unha vez ao trimestre e efectuará proposta de aceptación ou de rexeitamento da axuda solicitada. Esta proposta seralles notificada ás/aos interesadas/os, que poderán formular alegacións a ela no prazo máximo de 10 días naturais.

5. A comisión de valoración, en función do número de solicitudes presentadas e da cuantificación delas, poderá efectuar proposta de pagamento, total ou parcial, das axudas aceptadas na súa reunión trimestral.

Sexta.-Resolución.

1. As solicitudes serán resoltas logo das propostas da comisión de valoración, mediante a orde da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra a orde de resolución das solicitudes, que pon fin á vía administrativa, caberá interpoñer potestativamente recurso de resposición ou ben directamente recurso contencioso-administrativo.

Sétima.-Pagamento das axudas.

1. As axudas aboaránselle ás beneficiarias ou beneficiarios mediante transferencia polo importe concedido á conta corrente que figure na certificación bancaria.

Oitava.-Compatibilidade con outras axudas.

As axudas concedidas en virtude desta convocatoria serán compatibles con outras outorgadas para a mesma finalidade por entidades públicas ou privadas, distintas da Administración da Xunta de Galicia, sempre que o importe conxunto das axudas non supere o custo dos gastos ocasionados.

Disposición transitoria

Para os accidentes acaecidos con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de corenta días naturais previsto no seu punto cuarto iniciarase ao día seguinte ao da súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Facúltase a secretaría xeral para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Univesitaria