DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2007 Páx. 2.088

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xaneiro de 2007 pola que se modifica a do 1 de abril de 2002, pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modifica os requisitos de idade exixidos para a realización das probas de acceso a ciclos formativos.

Así mesmo, o Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, nos artigos 22.2º e 24.2º, determina os requisitos de idade para o acceso mediante proba aos ciclos formativos e, no seu artigo 21.3º, establece que as persoas que teñan superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos quedarán exentas da realización da proba de acceso a ciclos de grao medio e grao superior. O artigo 27 deste real decreto modifica a cualificación de cada unha das partes das probas de acceso.

Esta normativa estatal obriga a modificar parcialmente a Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia para adaptar as súas disposicións ás normas básicas que este real decreto establece.

Para tal fin, de acordo coas competencias que ten atribuídas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único.-Modificación da Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica.

A Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica queda modificada como segue.

Un. A disposición sétima queda modificada como segue:

«1. A proba de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior cualificarase numericamente entre cero e dez para cada unha das partes. A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro en cada unha das partes e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Considerarase positiva a cualificación de cinco puntos ou superior».

«2. O tribunal único remitirá as actas aos servizos provinciais de inspección educativa, que procederán

ao seu arquivo. Así mesmo, unha copia autenticada remitirase a cada centro en que se realizase a proba, segundo o anexo I, para o coñecemento das persoas interesadas, o arquivo e a emisión das certificacións correspondentes».

Dous. A disposición novena queda redactada como segue:

«Para poder concorrer á proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio, requirirase ter dezasete anos como mínimo ou cumprilos no ano de realización da proba. Así mesmo, poderán concorrer a esta proba, sen o requisito de idade, aquelas persoas que teñan superado un programa de garantía social».

Tres. A disposición décima queda redactada como segue:

«Para poder concorrer á proba de acceso a ciclos formativos de grao superior será preciso ter dezanove anos como mínimo ou cumprilos no ano de realización da proba, ou dezaoito se se acredita estar en posesión dun título de técnico da mesma familia profesional, ou dunha familia afín que regulamentariamente se determine».

Catro. O segundo e terceiro parágrafos da disposición décimo primeira quedarán redactados como segue:

«As persoas que teñan superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos quedarán exentas da realización da proba de acceso a grao medio».

«A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador que se indica no punto sexto número dous desta orde. A persoa que a solicite xuntará o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Unha copia da resolución (anexo IV) deberá incorporarse ao expediente do alumno ou da alumna».

Cinco. A disposición décimo segunda quedará redactada como segue:

«Os contidos da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior adecuaranse aos currículos das correspondentes modalidades de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A citada proba constará de dúas partes:

a) Parte xeral.

b) Parte específica.

A parte xeral terá como obxectivo apreciar a madureza e a idoneidade das persoas candidatas para seguir con éxito os estudos de formación profesional de grao superior, así como a súa capacidade de razoamento e de expresión escrita. Versará sobre as materias máis instrumentais do bacharelato.

A parte específica avaliará as capacidades respecto ao campo profesional correspondente ao ciclo formativo a que se pretenda acceder. Desta derradeira parte da proba poderán quedar exentas as per

soas que acrediten, polo menos, un ano de experiencia laboral en campos profesionais que se correspondan cos estudos que se pretenda cursar. A solicitude desta exención deberá formularse no momento da inscrición e irá acompañada da seguinte documentación:

-Certificación da empresa onde se fagan constar especificamente as actividades laborais desenvolvidas pola persoa interesada relacionadas co campo profesional que corresponda cos estudos que pretenda cursar, e número de horas dedicadas a elas. En caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no imposto de actividades económicas e, de ser o caso, xustificantes do seu pagamento.

-Certificación da Tesouraría da Seguridade Social ou da mutualidade laboral en que se estivese afiliado, onde conste a empresa e o período de contratación.

As solicitudes de exención da parte específica resolveraas o tribunal avaliador que se indica no punto sexto, número dous desta orde. Unha copia da resolución (anexo V) deberá incorporarse ao expediente do alumno ou da alumna.

As persoas que teñan superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos quedarán exentas da realización da proba. A solicitude desta exención deberá formularse no momento da inscri

ción e irá acompañada do certificado de ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. A resolución sobre esta exención correspóndelle ao tribunal avaliador que se indica no apartado sexto, punto dous, desta orde.

No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada (artigo 54, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) e contra ela poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Seis. Os anexos VI e VII quedarán redactados como se indica nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria