DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2007 Páx. 1.934

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 16/2007, do 1 de febreiro, polo que se crea a Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, e, segundo o artigo 6 do mesmo Decreto 517/2005, correspóndelle á Secretaría Xeral do Benestar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de xuventude, adscribíndose á devandita secretaría xeral a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, centro directivo dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que ten encomendadas a xestión e coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de xuventude.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é consciente da importancia que ten facilitar vías polas que se poida manifestar a iniciativa e inquedanza artística, individual e colectiva, da xuventude galega, pero tamén de que é necesario facilitar espazos para que a creatividade xuvenil e as súas manifestacións culturais poidan expresarse con toda liberdade e cos apoios necesarios para que as súas propostas se consoliden.

É suficientemente coñecida a relevancia que presentan os equipamentos socioculturais destinados á xuventude, dado o papel que cumpren en tanto que infraestruturas que serven de soporte físico para a dinamización da vida social e cultural do contorno no que se sitúan e canles que inciden na socialización, participación e expresión da propia mocidade. Por outra banda, estes equipamentos desempeñan un papel relevante na potenciación das iniciativas xeradas pola xuventude e na interacción cultural.

Unha das manifestacións artísticas que máis dificultades atopa para o seu desenvolvemento é a creación musical, posto que para que a xuventude poida realizar esta actividade é necesario dispor dun lugar especialmente acondicionado onde poder ensaiar.

Co obxecto de coordinar esforzos e ante o desexo de atender as demandas presentadas desde hai varios anos por grupos de mozos músicos noveis, considérase necesario dotar a Galicia dunha serie de centros cons

tituídos en rede que lle faciliten o acceso a xuventude a locais de ensaio. Estes locais concíbense como espazos preparados acusticamente e debidamente insonorizados para atender a creatividade musical da xuventude, nos seus lugares de convivencia, polo cal esta rede se constituirá coa participación e colaboración das corporacións locais.

Atendendo a estas consideracións, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do un de febreiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten por obxecto a creación e regulación da Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude, baixo a dependencia do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de xuventude, a través do centro directivo competente na materia, configurada como un servizo para que a mocidade galega poida ter espazos axeitados para a expresión das súas manifestacións artísticas musicais.

2. Integrarán a Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude aqueles locais de ensaio, de titularidade local ou autonómica, debidamente recoñecidos polo centro directivo competente, de conformidade co presente decreto e coa súa normativa de desenvolvemento.

3. Para os efectos previstos neste decreto, considérase xuventude a poboación residente na Comunidade Autónoma de Galicia de ata trinta anos.

Os grupos musicais nos cales algún ou algúns dos seus membros excedan da referida idade terán igualmente a consideración de grupos xuvenís, para os efectos de poder acceder, nos termos que se establezan, ao uso dos locais de ensaio integrados na rede, cando, polo menos, a metade dos seus membros cumpran o requisito da idade.

Artigo 2º.-Definición de local de ensaio.

Para os efectos do presente decreto terán a consideración de locais de ensaio aqueles establecementos de titularidade pública, local ou autonómica que estean preparados acusticamente, debidamente insonorizados e demais requisitos mínimos exixidos no artigo 6º deste decreto. Os locais de ensaio terán por finalidade fomentar o estudo e produción musical da mocidade, de xeito gratuíto e en condicións de igualdade para toda a xuventude.

Artigo 3º.-Criterios xerais de uso dos locais de ensaio.

Os criterios e requisitos exixidos para acceder ao uso dos locais de ensaio integrados na Rede Galega

de Locais de Ensaio para a Xuventude regularanse polos seus titulares atendendo, en todo caso, a criterios obxectivos de publicidade, igualdade, libre concorrencia e gratuidade, fixando un calendario e un horario mínimo de apertura, que se adecuará no posible ao tempo de lecer da xuventude, procurando que os centros estean abertos durante as fins de semana e os períodos de vacacións.

Artigo 4º.-Obxectivos.

Son obxectivos da Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude:

1. Darlles resposta ás inquedanzas musicais da xuventude.

2. Crear un marco permanente que facilite o establecemento de mecanismos de comunicación e colaboración das administracións que teñan locais adheridos á rede.

3. Propiciar os medios necesarios para que a xuventude con inquedanzas musicais, ben individualmente ou ben formando grupos, en todo caso noveis, poida contar con locais perfectamente acondicionados para os seus ensaios.

4. Fomentar e potenciar a creación e formación de grupos musicais.

5. Impulsar e promover unha estreita, permanente e enriquecedora cooperación entre os diferentes grupos a través da Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude.

6. Divulgar as actividades e iniciativas derivadas de cada unha das entidades pertencentes á Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude.

7. Recompilación da información de cada local e a difusión da dita información a toda a rede a través do portal creado para tal fin.

8. Ser unha plataforma de difusión cultural.

Capítulo II

Locais de ensaio de titularidade municipal ou provincial

Artigo 5º.-Ámbito local.

As entidades locais titulares de locais de ensaio poderán integrarse na Rede Galega de Locais de Ensaio a través do procedemento de recoñecemento establecido no artigo 6º do presente decreto.

Artigo 6º.-Recoñecemento oficial dos locais de ensaio.

As entidades locais que teñan locais de ensaio e estean interesadas en pertencer á Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude deberán presentar a súa solicitude mediante o modelo normalizado recollido no anexo do presente decreto, no Rexistro Xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. A solicitude deberá ir acompañada dunha certificación do acordo do órgano competente sobre a solicitude de recoñecemento oficial dos locais de ensaio e inclusión do local na Rede Galega de Locais de Ensaio, dun informe sobre a estrutura e equipamento dos locais, así como sobre os requisitos que a continuación se indican.

Os locais de ensaio para a súa integración na Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude deberán cumprir os requisitos que se exixan na normativa de desenvolvemento deste decreto e, como mínimo, os seguintes:

a) Estar preparados acusticamente e debidamente insonorizados.

b) Resultar idóneos para o fin a que se van destinar.

c) Contar con material e equipamento básico necesario para os ensaios.

d) Cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade, sobre todo no que se refire a saídas de emerxencia, extintores, etc.

e) Cumprir coa normativa vixente de accesibilidade e de eliminación de barreiras.

f) Contar cunha póliza de seguros de responsabilidade civil que garanta a cobertura das indemnizacións aos usuarios e os sinistros dos locais.

Unha vez recibida a solicitude, o centro directivo competente poderá realizar as oportunas comprobacións e solicitar cantas aclaracións e precisións considere necesarias.

O centro directivo competente ditará resolución no prazo de seis meses desde a recepción da solicitude. Este prazo suspenderase en caso de que se solicite a remisión de documentación complementaria ou a emenda da presentada, en tanto esta non sexa recibida. Se non se remite a documentación solicitada no prazo sinalado para o efecto, a solicitude de recoñecemento entenderase desistida.

Transcorrido o prazo de seis meses sen que recaese resolución expresa, a solicitude entenderase estimada.

A resolución denegatoria do recoñecemento será, en todo caso, motivada e indicará os posibles recursos que contra ela se poidan interpoñer.

A resolución positiva do recoñecemento suporá a incorporación automática á Rede Galega de Locais de Ensaio.

Artigo 7º.-Control e revogación do recoñecemento.

1. As entidades locais que teñan locais integrados na Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude deberán garantir que estes manteñan as condicións que permitiron a súa incorporación á rede. Para tal fin, presentarán unha memoria anual, no mes seguinte á finalización do ano a que esta se refira, sobre a programación dos locais de ensaio da súa titularidade desenvolvida ao longo do ano e sobre os restantes extremos que, á vista do previsto neste decreto, resulten de interese.

2. Así mesmo, o centro directivo, a través dos órganos correspondentes, poderá efectuar visitas aos locais de ensaio da rede coa periodicidade que crea oportuna, co obxecto de comprobar o adecuado cumprimento das obrigas e requisitos exixidos.

3. Cando se observe algún tipo de incumprimento, e despois do oportuno apercibimento para os efectos da súa emenda, o centro directivo poderá acordar a revogación do recoñecemento e a exclusión do local ou locais correspondentes da Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades locais.

As entidades locais titulares de locais de ensaio integrados na Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude cumprirán, polo menos, as obrigas seguintes:

a) Instalar nos locais integrados na rede, en lugares visibles, paneis informativos e rótulos de identificación co logotipo que identificará esta rede, segundo modelo facilitado polo centro directivo competente.

b) Facer constar en toda difusión pública impresa ou verbal que as actividades se realizarán en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, cando así proceda.

c) Remitirlle ao centro directivo competente toda a información que se xere neste ámbito de actuación.

d) Cumprir o disposto no presente decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

e) Manter as condicións dos locais de ensaio que permitiron a súa integración na rede e a oportuna comunicación de todos os cambios que se produzan.

f) Presentar unha memoria anual sobre a programación dos locais de ensaio da súa titularidade desenvolvida ao longo do ano e sobre os restantes extremos que, á vista do previsto neste decreto, resulten de interese.

g) Xustificar o destino das axudas recibidas para o efecto nos termos que se prevexan na orde ou no convenio subscrito para tal fin.

Artigo 9º.-Axudas e subvencións.

As entidades locais que teñan establecementos integrados na Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude poderán acceder ás axudas e achegas que preste a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ao desenvolvemento da dita rede, cuxo alcance e contido se establecerá a través de orde ou convenio subscrito para tal fin.

Capítulo III

Locais de ensaio para a xuventude de titularidade autonómica. Competencias da Administración autonómica.

Artigo 10º.-Ámbito autonómico.

Os locais de ensaio de titularidade autonómica que se axusten ao previsto neste decreto entenderanse automaticamente incluídos na Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude.

Artigo 11º.-Funcións do centro directivo competente.

Serán funcións do centro directivo competente en relación coa Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude as seguintes:

a) Consolidar e fomentar a rede.

b) Establecer a liña de imaxe e identidade gráfica común a todos os locais e asegurar a homoxeneidade dos soportes de información e comunicación dos diferentes centros da rede.

c) Coordinar os locais de ensaio existentes, así como os que poidan ser incorporados na Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude.

d) Promover e fomentar a incorporación de locais de ensaio á Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude.

e) Crear e actualizar un portal que conteña a información sobre a rede e os locais que a integran.

f) Recibir, tramitar e resolver as solicitudes de recoñecemento de locais formuladas polas entidades locais, así como a inspección e control dos locais e a revogación do recoñecemento de ser o caso.

g) Velar polo cumprimento do previsto neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

h) Utilizar os mecanismos de coordinación dos locais de ensaio, o portal web e calquera outro mecanismo de comunicación formal ou informal establecidos na rede, para o fomento dos valores da igualdade.

i) As demais que se lle atribúan expresamente ou que resulten necesarias para acadar os fins perseguidos.

Disposición adicional

Única.-O conxunto dos centros integrantes da Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude rexeranse polo establecido neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento, pola normativa adoptada polos órganos competentes das entidades locais e demais que resulte de aplicación.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA