DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.895

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2007 pola que se convocan 20 cursos básicos de protección civil.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a celebración de 20 cursos básicos de protección civil que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil dos coñecementos teórico-prácticos mínimos e xerais para o correcto desenvolvemento das súas actividades.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de trinta (30).

2. Duración e datas: os cursos terán lugar durante o primeiro cuadrimestre do ano 2007 e cunha duración de 20 horas lectivas, en datas que se confirmarán coa suficiente antelación ao seu inicio.

3. Lugar: determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Cuarta. Solicitudes e prazo de inscrición

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 7 de marzo de 2007.

4. As instancias deberán estar asinadas polo/a presidente/a da agrupación e co selo desta, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionadas por orde de preferencia. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O curso básico de protección civil está dividido en varios módulos, que abarcan os seguintes contidos:

Módulo I. A protección civil.

Módulo II. Os riscos, accidentes e autoprotección.

Módulo III. Loita contra os incendios.

Módulo IV. Comunicacións.

Módulo V. Actuacións básicas ante emerxencias médicas.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://cexesga.xunta.es.

Sétima.-Asistencia

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de xaneiro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA