DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.894

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de xaneiro de 2007 pola que se inclúen a rubéola e a síndrome de rubéola conxénita na relación de enfermidades de declaración obrigatoria urxente.

A Orde do 14 de xullo de 1998, pola que se desenvolve o sistema básico da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, atopa a súa xustificación na necesidade de sintonizar cos avances na creación dunha rede europea de vixilancia epidemiolóxica e de control de enfermidades transmisibles, e de facer fronte á crecente importancia das enfermidades emerxentes e reemerxentes.

No marco da iniciativa europea de eliminar o sarampelo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) propón, ademais, a vixilancia da rubéola e mais a síndrome de rubéola conxénita (SRC) segundo a fase de eliminación de sarampelo en que se atope o país. Galicia está na fase coñecida como 3b, de próxima eliminación do sarampelo e prevención da SRC, cunha incidencia de SRC menor do 1 * 10 nacidos vivos e baixo nivel de susceptibilidade ('5%) en mulleres en idade fértil.

As actividades propostas pola OMS neste caso son, pois, notificación individualizada dos casos de

rubéola, confirmación polo laboratorio dos casos sospeitosos de rubéola e estudo dos xenotipos circulantes, vixilancia individualizada dos casos de SRC en nenos de 0 a 11 meses de idade e monitorización da prevalencia de anticorpos fronte á rubéola na poboación de mulleres en idade fértil, para asegurar que se acada e mantén unha baixa proporción de susceptibles ('5%).

Isto significa que, a diferenza do que viña ocorrendo na etapa de redución da enfermidade, para acadar os obxectivos e cumprir coas actividades, vai ser necesario detectar rapidamente cada un dos casos en que se teña a sospeita, coa finalidade de confirmalos polo laboratorio e recoller a información sobre as circunstancias que aínda estean a permitir a transmisión da infección.

Consecuentemente con todo o anterior, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Incluír a rubéola e a síndrome de rubéola conxénita na relación de enfermidades que requiren a declaración obrigatoria urxente, recollida

no anexo III da Orde do 14 de xullo de 1998, pola que se desenvolve o sistema básico da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2007.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade