DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.888

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de febreiro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro, no marco do Programa de mellora gandeira de Galicia, e se convocan para o ano 2007.

Para desenvolver as liñas marcadas no Programa de mellora gandeira de Galicia, é precisa a regulación de axudas concretas destinadas, por unha banda, a lle prestar o apoio técnico necesario ao sector gandeiro, cos obxectivos de mellorar a súa eficacia e profesionalidade, contribuíndo á súa viabilidade a longo prazo fomentando o mantemento e a mellora da calidade xenética do gando galego, sen afectar as condicións da competencia. Neste senso estase a desenvolver a medida 7.8.3. «Mellora integral da eficacia dos sistemas produtivos gandeiros e o seu contorno», dentro do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, aprobado pola decisión da Comisión C (2001) 246, nº CCI:2000.ES.16.1.PO.011, do 7 de marzo de 2001.

As actividades para subvencionar enmárcanse no disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario y forestal 2007-2013 (2006/C 319/01), tendo en conta o Regulamento (CE) 1320/2006, polo que se establecen normas para a transición á axuda ao desenvolvemento rural establecida no Regulamento (CE) 1698/2006 do Consello, e do disposto no punto 15 das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (2000/C 28/02).

As liñas de axuda para a mellora da calidade xenética do sector gandeiro galego abranguen as axudas destinadas á realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro.

1. A experiencia adquirida coa posta en marcha do Programa de Mellora Gandeira de Galicia e o

desenvolvemento das liñas básicas definidas nel, así como a importancia do sector do gando vacún leiteiro dentro da renda agraria da Comunidade Autónoma de Galicia, aconsellan continuar as accións emprendidas como o mellor medio para a incorporación a este sector gandeiro de novos criterios de manexo e de mellora xenética. As novas orientacións no eido nacional e internacional no desenvolvemento destes programas fan das asociacións e agrupacións de produtores unha canle axeitada para a progresiva participación do sector e a garantía da súa viabilidade futura.

A comprobación dos rendementos de gando vacún leiteiro en Galicia ten por obxecto o estudo e a determinación dos parámetros produtivos necesarios para documentar os programas de mellora xenética e de manexo. Cumpre dúas funcións, por unha banda achega unha valiosa información sobre aspectos produtivos, reprodutivos e sanitarios dos animais que, unha vez procesados, permiten a súa utilización na xestión técnica da granxa e, por outra, esa información, xunto coa xenealoxía e a obtida tras a cualificación morfolóxica, serve para realizar as avaliacións xenéticas dos animais.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro, que contribúan ao mantemento e mellora da calidade xenética do gando galego e convocalas para o ano 2007.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación da presente orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Finalidade.

Os fins que se pretenden acadar coa presente orde son os seguintes:

-O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

-A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

-A mellora da eficacia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

-A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as asociacións de gandeiros ou as súas federacións, recoñecidas oficialmente no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, de criadores das razas leiteiras que presenten un programa de actuación de acordo co contido do Real decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina e co contido desta orde.

Os criadores que participen nos distintos programas deberán cumprir na súa explotación as normas mínimas autonómicas, estatais e comunitarias en materia sanitaria, de identificación, alimentación, medio natural, hixiene e benestar dos animais.

Artigo 5º.-Axudas.

Establécense axudas destinadas á realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando leiteiro. Estas probas deberanse executar de acordo co regulamento contido nos anexos I e II do Real decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina.

1.1. Cuantificación da subvención: a contía das axudas poderá acadar ata o 70% dos custos derivados da realización de probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro.

1.2. As asociacións percibirán os importes máximos seguintes por explotación controlada, en función do número de explotacións acollidas no mes de presentación da solicitude de axuda:

-Menos de 250 explotacións: 649,69 euros.

-Entre 250 e 500 explotacións: 429,54 euros.

-Entre 501 e 1.000 explotacións: 302,16 euros.

-Entre 1.001 e 2.000 explotacións: 276,67 euros.

-Entre 2.001 e 3.000 explotacións: 259,61 euros.

-Entre 3.001 e 4.000 explotacións: 237,96 euros.

Os solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha memoria pormenorizada do programa que pretendan desenvolver.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento que regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

Á solicitude xuntaráselle a documentación que deseguido se relaciona:

-Unha memoria do programa de actuación que se vai desenvolver. Esta memoria deberá describir:

* A sistemática de traballo que se seguirá na execución do programa.

* As funcións do persoal cuxa contratación sexa susceptible de ser financiada.

* Os censos de explotacións e reses sobre os cales se desenvolve o programa.

* Desagregación dos investimentos previstos.

-Solicitude segundo o anexo I.

-Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante e os seus estatutos, se é o caso.

-Acreditación da representatividade do solicitante.

-Fotocopia cotexada do código de identificación fiscal.

-Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

-Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a declaración que figura no anexo II.

-Memoria do programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de execución.

-Avaliación económica dos investimentos que se van realizar.

-Avaliación económica da subvención solicitada.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para solicitar as certificacións que

deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios, e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

4. Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as especificadas no artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

5. Se a documentación presentada for incompleta ou presentase erros corrixibles, requirirase o responsable para que no prazo de dez días hábiles, desde o seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falla ou xunte os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

6. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. O expediente será resolto polo conselleiro do Medio Rural, por proposta do director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

A consellería comunicará, nun prazo de nove meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, a aprobación da solicitude. A falla de comunicación no dito prazo poderase entender desestimatoria das peticións de axuda. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 8º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

1. Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas

para o mesmo proxecto polas das distintas administracións ou entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas ou o anexo II debidamente cuberto.

2. En calquera caso, coas xustificacións, e se houber modificación da declaración anterior, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 9º.-Criterios de adxudicación e control da execución dos programas.

1 Criterio de admisión: as asociacións deben realizar o control de rendementos en todas as explotacións do seu ámbito xeográfico que estean inscritas no libro xenético da raza.

2. Cando o número de solicitudes con dereito a axudas exceda o crédito dispoñible destinado para tal fin, a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria proporá o importe correspondente a cada beneficiario e realizarase un rateo entre estes.

3. O control da execución dos programas levarao a cabo o persoal da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Artigo 10º.-Modificación das axudas.

1. As subvencións a que se refire a presente orde consideraranse subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, cando exista concorrencia doutras axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa, polo beneficiario, da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, nos termos establecidos na presente orde.

3. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, no suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda e obriga de facilitar información.

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos demais supostos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no réxime sancionador, sinalado no artigo 79 da mesma lei (Decreto lexislativo 1/1999). Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12º.-Réxime de incompatibilidades.

As axudas establecidas na presente orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran os límites establecidos na normativa aplicable e que, en ningún caso, se supere o custo total da actividade financiada.

Artigo 13º.-Xustificacións.

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro, preferentemente no rexistro da consellería, das súas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Achegaranse os xustificantes orixinais de investimento total, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a súa realización do programa auxiliado, que probe a entrega efectiva dos produtos ou a prestación efectiva dos servizos. Cando se trate de xustificacións de

gastos en nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as actuacións subvencionables, poderán presentarse ata o 15 de decembro, mediante a súa entrega á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento de gastos inicialmente presentado.

A relación informatizada debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura,

data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado, de xeito que aqueles gastos presentados en que non se xustifique o seu pagamento terán que se xustificar no momento en que se realicen, para que a axuda se poida pagar. Por regra xeral, os pagamentos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais pagadas. Nos casos en que isto non sexa posible, os pagamentos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

2. De acordo co artigo 30, número 4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

3. De acordo co artigo 31, número 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a presentación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. Non poderán subvencionarse actividades xa iniciadas ou actividades levadas a cabo con anterioridade á oportuna presentación da solicitude.

Artigo 14º.-Financiamento.

1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos proxectos de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a saber:

11.03.713-C.781.1 dotada para esta finalidade con 550.000,00 euros, para dotar a realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro.

A concesión da axuda someterase á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-As axudas reguladas pola presente orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (CE) nº 1447/2001 do Consello, do 28 de xuño de 2001, que modifica o Regulamento (CE) nº 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais, o Regulamento (CE) nº 1257/1999, sobre axuda ao desenvolvemento rural a cargo do FEOGA.

Terceira.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar cuantas disposicións sexan necesarias para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural