DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.886

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 30 de xaneiro de 2007 sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vedra (A Coruña).

I. Antecedentes.

1. Actualmente están en vigor unhas normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vedra que foron aprobadas definitivamente o 25 de xaneiro de 1995 (con anterioridade, polo tanto, á entrada en vigor da Lei 1/1997, do solo de Galicia). Estas normas foron obxecto de diversas modificacións puntuais, así mesmo desenvolveuse un plan parcial.

2. Con data do 25 de febreiro de 2005, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. Tramitación municipal do plan xeral:

O Concello de Vedra aprobou inicialmente o plan o día 23 de maio de 2005, e someteuno a información pública mediante anuncios nos xornais El Correo

Gallego e La Voz de Galicia (o día 2 de xuño), así como no DOG nº 102, do 2 de xuño. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos da Estrada, Teo, Santiago de Compostela e Boqueixón. Así mesmo, solicitáronse informes da Deputación Provincial da Coruña, da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, da Dirección Xeral de Obras Públicas, de Augas de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, de Renfe, da Consellería de Cultura e Deporte, así como da Dirección Xeral de Ferrocarrís e da Dirección Xeral de Estradas, do Ministerio de Fomento.

4. Segundo consta no expediente administrativo remitido, foron emitidos os seguintes informes de carácter sectorial:

-De ADIF, do 6-6-2005.

-Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura e Deporte), do 21-4-2006.

-Da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 10-5-2006.

-De Augas de Galicia, do 20-9-2005.

-Da Dirección Xeral de Obras Públicas do 30-8-2005.

-Da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento do 10-10-2006.

5. Consta no expediente certificación do secretario municipal da non recepción dos informes solicitados, dentro do prazo legal correspondente, á Deputación Provincial da Coruña, e á Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento.

6. Figuran no expediente os informes emitidos para os efectos previstos no artigo 85.4º da Lei 9/2002: informe técnico do 15-5-2006 e xurídico do 12-5-2006.

7. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo concello en sesión do Pleno do 19-5-2006.

8. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible) declarou a inviabilidade do sometemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vedra aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, mediante Resolución do 25 de outubro de 2006, que tivo entrada nesta consellería o día 31 de outubro de 2006 -r.e. nº 25.262-, data a partir da cal se entende completado o expediente e á cal terá que referirse o prazo legal para resolver sobre a aprobación do plan, de conformidade co previsto no artigo 85 da Lei 9/2002.

9. A documentación que integra o plan que o concello eleva para a súa aprobación definitiva está elaborada polo equipo redactor Oficina de Planeamiento, S.A., datada en maio de 2006 e identificada con dilixencias da aprobación provisional do 15 de xuño.

II. Fundamentos.

II.1. De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes resolver sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

II.2. Segundo o disposto nos artigos 85.7º e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva, a consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio debe analizar os seguintes aspectos:

a) A integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan.

b) A conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural.

c) A incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

II.3. A Dirección Xeral de Urbanismo elevou o 30-1-2007 un informe-proposta no cal se analiza o contido do plan xeral nos seguintes termos:

1. Non concorren as condicións sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2002 para a súa clasificación como solo urbano nos seguintes terreos:

-Os comprendidos no ámbito do denominado PERI-1. A actuación dotacional privada que se pretende nese ámbito tería cabida nunha clasificación do solo como urbanizable.

-A illa de ordenanza U-2 na marxe da estrada ao oeste da Ponte Ulla, que se clasificará como solo rústico de protección.

2. Os terreos clasificados como solo urbano consolidado da Gándara non reúnen os requisitos e características exixidos no artigo 12 a) da Lei 9/2002 para a súa clasificación en tal categoría.

3. Non procede a clasificación como solo urbanizable do ámbito denominado SUND-2, xa que se trata de terreos pertencentes a un predio singular que debe manterse íntegro e que, ademais, non xustifica a súa coherencia nin co núcleo rural existente, para o que xa se prevé a correspondente área de expansión, nin co planeamento urbanístico do lindeiro concello de Boqueixón, posto que a continuidade deste solo urbanizable no devandito concello non foi admitida na Orde do 20 de febreiro de 2006, pola que se denegou a aprobación definitiva do correspondente plan xeral.

4. A delimitación dos núcleos rurais debe axustarse aos criterios que expresa o artigo 13.3º da Lei 9/2002; esta delimitación excede a distancia de 50 metros das edificacións tradicionais nos

núcleos de San Pedro de Sarandón, Manteles de Abaixo, Marzán de Abaixo, Galegos (Santa Cruz de Ribadulla), Cruce de Sarandón e Neira de Arriba, o que se deberá corrixir.

5. As áreas de expansión dos núcleos rurais non poden abranguer terreos a máis de 200 metros do límite do núcleo tradicional conforme o establecido no artigo 13.3º da Lei 9/2002, valor que é superado en Vilarpiñeiro, Nande, Ramil, Dozar, Viñogrande, Recarei, Corbeixe, Neira de Arriba, Paradela, O Francés e Outeiro, o que se deberá corrixir.

6. Clasificaranse como solo rústico de protección de infraestruturas os terreos incluídos dentro do ámbito da liña límite de edificación da autoestrada AP-53 e do ferrocarril que aparecen formando parte do solo urbanizable non delimitado industrial SUND-4, segundo o disposto no artigo 32.2º c) da Lei 9/2002.

III. Resolución.

En virtude de todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 85.5º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, tendo en conta que as deficiencias sinaladas nos fundamentos desta só afectan áreas moi concretas que, prescindindo delas, o planeamento se pode aplicar con coherencia,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vedra, quedando en suspenso as seguintes áreas:

-O ámbito do solo urbano da Gándara.

-O ámbito denominado PERI-1.

-O ámbito illado de ordenanza U-2 na marxe da estrada ao oeste da Ponte Ulla.

-O ámbito do SUND-2.

-O ámbito do SUND-4 nos terreos incluídos dentro da liña límite de edificación da autoestrada AP-53 e o ferrocarril.

-Os ámbitos dos núcleos rurais denominados: San Pedro de Sarandón, Manteles de Abaixo, Marzán de Abaixo, Galegos (Santa Cruz de Ribadulla), Cruce de Sarandón, Neira de Arriba, Vilarpiñeiro, Nande, Ramil, Dozar, Viñogrande, Recarei, Corbeixe, Neira de Arriba, Paradela, O Francés e Outeiro.

Segundo.-Estes ámbitos obxecto de reparos quedarán en suspenso ata que o concello realice as modificacións precisas para corrixir esas deficiencias, para logo de aprobalas e tras os trámites oportunos, remitir novamente o proxecto corrixido para a súa aprobación definitiva.

Terceiro.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o

concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes