DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.873

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 8 de febreiro de 2007 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de obras e equipamentos por parte dos concellos de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos municipios.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta comunidade autónoma se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Por esta razón, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local, regulando por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras e equipamentos nos xulgados de paz e nas zonas de acceso a edificios municipais, coa finalidade de acadar unha mellora nos servizos prestados á cidadanía por parte dos concellos galegos.

Así, o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Pola presente orde establécense as bases para conceder subvencións en réxime de concorrencia competitiva aos concellos de Galicia, destinadas á realización das obras e equipamentos nos xulgados de paz e adecuación de prazas de acceso ás casas do concello ou edificios municipais.

2. Poderán ser beneficiados desta subvención aqueles concellos de Galicia que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo cos datos do derradeiro padrón de habitantes.

3. Será requisito indispensable para poder concorrer a esta subvención ter presentadas as contas do concello ás que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio orzamentario 2005 no Consello de Contas de Galicia.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.760.1, Programa 141.A, ata

unha contía máxima de seiscentos mil euros (600.000 A), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2007.

A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. Os que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, podendo presentar esta no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servicios, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía Internet a través desta web, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. O concello peticionario xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello pola que se aproban as obras ou equipamentos que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as que se solicita subvención, con expresión da fase, se é o caso, á que corresponda.

c) Memoria da obra ou equipamento que se vai realizar. No caso de obra deberá acompañarse dun proxecto técnico e dun informe de viabilidade del, asinado polo técnico municipal.

d) Orzamento detallado da actuación para a que se solicita a subvención.

e) Certificación do secretario do concello referida ao esforzo fiscal do concello (capítulos I, II e III do estado de ingresos) determinando a contribución media por habitante ao orzamento liquidado da entidade, de acordo coa seguinte fórmula:

*Tributos propios por habitante=Dereitos recoñecidos netos (cap. I, II e III)/ Nº de habitantes.

(Os datos de habitantes e orzamento liquidado corresponderán ao mesmo ano).

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

g) Certificación do secretario do concello referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista en el artigo 1.3º desta orde.

Se algunha documentación das solicitadas no presente artigo xa constara en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase ao contido ou á vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración Local e da que formarán parte os/as delegados/as provinciais da consellería. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario da dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará a proposta ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polos concellos teranse en conta os seguintes aspectos; valorándose de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Porcentaxe de financiamento, respecto ao orzamento total das actuacións, que sería asumido por organismos

distintos á propia consellería, incluídas as cantidades que, excedendo do 20% previsto nesta orde, achegue o propio concello...40%.

-Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello...30%.

-Valoración do esforzo fiscal do concello, de acordo coa fórmula establecida no artigo 3.2º desta orde...30%.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todos os beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

4. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º, do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a resolución.

Artigo 8º.-Contratación.

A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente,

a que rexe as contratacións das administracións públicas, sendo os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos co obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. Os beneficiarios da subvención presentarán facturas ou certificacións de obra orixinais ou fotocopia compulsada, aprobadas pola corporación, na Dirección Xeral de Administración Local antes do 15 de outubro de 2007, inescusablemente, acompañada da correspondente certificación relativa ao acordo de aprobación pola corporación, expedida polo secretario dela. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes as facturas, proporá o libramento de fondos; que en ningún caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

No caso de presentar certificación de obra deberán facelo no modelo oficial que figura como anexo II desta orde, xunto á relación valorada, asinada polo técnico corporativo.

Achegarase certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non-presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar a outros concellos que presentaron solicitude de subvención ao abeiro da presente orde.

4. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 1º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións

poderase entender que o concello renuncia á subvención, podendo esta consellería utilizar dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 11º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Control.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos por estes, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro; e se procede, instruirá o correspondente expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Artigo 13º.-Rexistro de axudas e subvencións.

As axudas que se outorguen integraranse na forma que se estableza regulamentariamente no Rexistro de Axudas e Subvencións, que será de acceso público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES