DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.868

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 7 de febreiro de 2007 pola que se regula a concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a tempada de verán.

A Lei do Parlamento de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, procedeu a coordinar as policías locais de Galicia nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia establece entre outros principios o de que as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia adecuarán a súa actuación aos de colaboración, cooperación e auxilio que puidesen precisar conxunturalmente para o eficaz cumprimento das súas tarefas, entre as cales está a de seguridade en lugares públicos.

Conforme o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións coas corporacións locais, así como as convocatorias, selección e adxudicación das subvencións e axudas que se destinan ás entidades locais que sexan competencia desa dirección xeral.

Por medio desta orde preténdese dar efectividade ao mandado xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de corpos e forzas de seguridade, polo que, ao abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia, e no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais, en tanto que a coordinación abrangue, entre outras medidas, as de colaboración que lles permitan aos servizos de policía dos concellos galegos acadar unha acción conxunta e eficaz. Para estes efectos, e por medio desta orde, establécese o procedemento para a concesión de axudas destinadas á contratación temporal de auxiliares de policía local por parte de concellos que incrementen considerablemente a súa poboación na tempada de verán; neste sentido incorpórase como requisito dos concellos beneficiarios a acreditación do incremento poboacional durante esta tempada, tal e

como se vén exixindo para a declaración de municipio turístico galego polo Decreto 239/1998, do 30 de xullo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá cos concellos, co fin de aumentar a eficacia dos seus corpos de policía local, no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a tempada de verán (xuño, xullo, agosto e setembro), convocando axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a sufragar os custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar os beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con corpo de policía local formado por un mínimo de tres membros.

b) Que vexan aumentada de forma significativa a súa poboación durante os meses de verán, e que isto faga necesario aumentar o número de policías para prestar os servizos que veñen desenvolvendo o resto do ano.

2. O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza non poderá superar o número de membros que integran o cadro de persoal do corpo de policía local do concello peticionario.

3. Corresponderalle ao concello peticionario o pagamento, como mínimo, do 50% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, sendo por conta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o pagamento como máximo do 50% do custo da contratación, incluídos custos sociais.

4. Non serán consideradas as solicitudes dos concellos que non teñan actualizados os datos da súa policía local no rexistro de policía local desta consellería.

5. Será requisito indispensable para poder concorrer a esta subvención ter presentadas as contas do concello ás que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio orzamentario de 2005 no Consello de Contas de Galicia.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire a orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de douscentos trinta e oito mil euros (238.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.141.A.460.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2007.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos a que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse aos seus beneficios deberán presentar a solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación desta solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación nesta páxina web.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, mediante a cobertura dos modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes por internet a través desta web, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ao acordo adoptado polo órgano competente do concello, na cal se acorda a contratación temporal do/s auxiliar/es de policía local, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Orzamento de gastos para a realización da actividade para a cal se solicita axuda, cuantificando o importe correspondente ao 50% solicitado en concepto de subvención, así como o custo total por auxiliar contratado.

c) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada na data de publicación desta orde, que inclúa as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

d) Número de auxiliares que a corporación prevexa contratar e período de contratación (meses).

e) Respecto á poboación deberán remitir:

Memoria asinada polo órgano de goberno competente no cal se cuantifique a afluencia turística anual ao concello, desagregada por meses, e na cal se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

Estarán exentos de presentar a certificación requirida nesta letra aqueles concellos que fosen declarados municipio turístico galego conforme o Decreto 239/1998, do 30 de xuño, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego.

f) Memoria, asinada polo órgano do goberno competente, sobre os núcleos de poboación atendidos por este servizo e extensión territorial que abranga.

g) Certificación do secretario da entidade local referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista no artigo 2.5º desta orde.

h) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Admi

nistración Local e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario presentalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral lle reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos concellos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido este dito prazo, se non se producise esta emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación co último padrón de habitantes aprobado: 40%.

-Relación de necesidades municipais reflectidas na petición: 30%.

-Declaración de municipio turístico: 30%.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración local e da que formarán parte a directora xeral de Interior, as delegadas provinciais da consellería. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario da dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada aos solicitantes, aos cales se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo, todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, ou ben

directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique esta aceptación, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a concesión da subvención.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Para recibir a subvención, os concellos beneficiarios deberán remitirlle á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, antes do día 20 de outubro de 2007, os seguintes xustificantes:

a) Copia compulsada do contrato que o concello formalice co/os auxiliar/es.

b) Copia compulsada do diploma acreditativo de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia.

c) Certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social, conformada polo interventor/a do concello.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo II).

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 50% do importe dos xustificantes presentados.

4. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos bene

ficiarios, poderán dedicarse a subvencionar outros concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentado as correspondentes xustificacións, poderase anular a concesión da subvención a ese concello, podendo esta consellería utilizar este crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 10º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e, se procede, instruirá expediente sancionador conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquelo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza