DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2007 Páx. 1.863

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 7 de febreiro de 2007 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar o funcionamento das confederacións, federacións, coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia establece que desde a Xunta de Galicia deberá favorecerse o desenvolvemento das asociacións que se constitúan para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños dos concellos de Galicia, tendo as asociacións que se constitúan con esta finalidade a consideración de entidades de participación cidadá e, xa que logo, erixíndose nun dos elementos clave de vertebración da política e da vida local dos concellos galegos.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no marco da súa liña de colaboración coa Administración local para contribuír a mellorar a calidade da vida local, e pretendendo estimular, ao mesmo tempo, a dinamización da vida interna das asociacións, na procura de ámbitos de convivencia colectiva, de harmonización social e de potenciamento dos valores e finalidades socioculturais destas entidades, regula, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de actividades que redunden na mellora da vida local.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Convocánse subvencións en réxime de concorrencia competitiva en favor das confederacións, federacións, coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños de Galicia, en adiante entidades, con destino á programación e desenvolvemento durante o ano 2007 de actividades propias e gastos correntes de funcionamento.

2. Estas entidades deberán, en todo caso, estar debidamente inscritas no Rexistro Central ou nos rexistros provinciais de asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, non sendo consideradas as solicitudes das entidades non inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 2º.-Crédito.

As subvencións que se regulan ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.481.1, programa 141A, ata unha contía máxima de oitenta mil euros (80.000 A), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2007.

A axuda económica que se conceda poderá acadar, como máximo, o 90% do total do orzamento presentado.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no da propia consellería ou por calquera dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade peticionaria xuntaralle á solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

b) Programación da actividade que se pretende realizar con mención das persoas beneficiadas directa ou indirectamente pola axuda e o calendario fixado.

c) Relación de actividades realizadas durante o último ano.

d) Orzamento detallado das actividades ou gastos para os que se solicita subvención.

e) Orzamento da entidade para o ano que corre. (Ingresos e gastos).

f) Nome das asociacións de veciños/federacións que forman parte da entidade.

g) Certificación do acordo asembleario en que se aproba participar nesta convocatoria de subvencións e do nomeamento do representante para as súas relacións coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

h) Declaración do representante de non estar a entidade incursa en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

i) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral lle reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

A inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións será verificada de oficio por parte dos correspondentes servizos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido este prazo, se non se producise esta emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrución e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración Local e da que formarán parte os/as delegados/as provinciais da consellería. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario da dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

2. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará a proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta os seguintes aspectos, e de acordo coas porcentaxes sinaladas a seguir:

-Interese do proxecto da actividade que se propón (30%).

-Número de asociacións de veciños confederadas, federadas ou agrupadas que integran a entidade solicitante, así como o seu ámbito de actuación e número total de asociados (30%).

-Número e características das actividades desenvolvidas polo peticionario durante o último ano (30%).

-Proxectos que fomenten actividades de voluntariado (10%).

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todos os beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

4. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º, do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique esta aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a resolución.

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. As entidades destinatarias da subvención, unha vez aceptada esta, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Para o cobramento da subvención para a realización de actividades que xeren gastos correntes, as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou copias compulsadas delas.

No caso de gastos de persoal, poderán achegarse como xustificante, tanto as nóminas acreditativas do pagamento, como os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

b) Certificación dos gastos realizados expedida polo secretario da entidade co visto e prace do seu presidente.

c) Xustificante do pagamento.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para unha mesma programación das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo de remisión destes xustificantes remata o día 15 de outubro de 2007. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento de fondos; que en ningún caso superará o 90% do importe dos xustificantes presentados.

A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar outras entidades que presentaron solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado as correspondentes xustificacións poderase entender que a entidade renuncia á subvención, podendo esta consellería utilizar o devandito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 9º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía

que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo da actividade subvencionable.

Artigo 11º.-Control.

No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Artigo 12º.-Rexistro de axudas e subvencións.

As axudas que se outoguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro de Axudas e Subvencións, que será de acceso público.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concecidadas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración local, para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime e axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza