DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2007 Páx. 1.691

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2007 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

O Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública ten atribuída, entre outras facultades, a de establecer as bases e condicións xerais de participación e acceso aos cursos ou actividades que convoque a Escola, de conformidade co establecido no artigo 6.6º da Lei 4/1987, do 27 de maio.

Asemade, por resolución da Escola Galega de Administración Pública do 11 de febreiro de 2004 os criterios de selección dos asistentes ás actividades de formación son publicados.

A actividade formativa da Escola Galega de Administración Pública articúlase sobre determinados eixes:

-Orientar a formación cara ao desempeño do traballo.

-Garantir unha formación continua, coa conseguinte readaptación e actualización profesional do persoal ao servizo da Administración pública.

-Contribuír ao seu desenvolvemento persoal e profesional.

-Transmitir os valores de servizo público, profesionalidade, calidade, eficacia, atención á cidadanía e innovación na xestión.

No momento presente, cómpre actualizar estes criterios introducindo medidas co fin de facilitar o acceso á formación das persoas con discapacidades, favorecer o acceso á formación directiva das mulleres ou procurar a conciliación da vida laboral. De acordo con todo o indicado, o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, na súa reunión do 22 de xaneiro de 2007, aprobou a revisión dos criterios de participación nas actividades docentes. A teor do exposto anteriormente, os criterios de selección que rexerán nos cursos e demais actividades que convoque a Escola serán os seguintes:

Primeiro.-Criterios xerais.

Poderá participar nos cursos que organice a Escola Galega de Administración Pública o persoal ao servizo da Xunta de Galicia, así como o persoal que preste servizo nas entidades locais da comunidade autónoma. Así mesmo, e tendo en conta os convenios subscritos para este efecto, poderá participar o persoal dependente do Parlamento de Galicia, do Valedor do Pobo de Galicia, do Consello de Contas e o persoal da Administración das tres universidades galegas cando así se estableza nas respectivas convocatorias, que poden fixar cotas para cada administración.

A orde dos criterios selectivos para participar nestes cursos será a seguinte:

1. Que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o solicitante no desempeño do seu traballo e a materia ou materias obxecto do curso.

2. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos da Administración pública (agás os cursos a que se refire o punto terceiro desta resolución) durante os últimos cinco anos.

3. A antigüidade, e como tal entenderase o tempo transcorrido desde a data de ingreso na Administración pública.

O persoal fixo terá preferencia sobre o temporal. Non obstante, nas accións formativas incluídas nos

plans de formación continua, tal preferencia será tan só dentro de cada un dos criterios e pola orde de prelación establecida neste punto primeiro ou, de ser o caso, a que determine a propia convocatoria.

Segundo.-Cursos selectivos de formación para o acceso á condición de funcionario de carreira.

A selección dos participantes será establecida polo tribunal cualificador do correspondente proceso selectivo, de conformidade coa súa orde de convocatoria.

Terceiro.-Cursos de galego.

A orde dos criterios selectivos para participar nestes cursos será a seguinte:

a) Nos cursos de iniciación:

1º Os máis antigos na Administración.

2º Os que realizaron un menor número de cursos en escolas ou institutos da Administración pública nos últimos cinco anos.

b) Nos cursos de perfeccionamento:

1. A antigüidade na finalización do curso de iniciación. No caso de que na certificación que valida o curso de iniciación de lingua galega non figure a data exacta de finalización, terase en conta a data de expedición do certificado.

2. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos da Administración pública nos últimos cinco anos.

3º Os máis antigos na Administración.

c) Nos cursos básicos de linguaxe administrativa galega:

1. A antigüidade na finalización do curso de iniciación á lingua galega. No caso de que na certificación que valida o curso de iniciación de lingua galega non figure a data exacta de finalización, terase en conta a data de expedición do certificado.

2. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos da Administración pública nos últimos cinco anos.

3. Antigüidade na Administración.

Cuarto.-Criterios específicos.

1. En casos especiais (conferencias, xornadas, seminarios, sesións informativas ou determinados cursos), en función das características da acción formativa, dos seus destinatarios, obxectivos, eficacia, e do interese da propia Administración, a EGAP poderá establecer na convocatoria outros criterios de selección.

2. Igualmente, naqueles supostos en que pola índole do curso sexa preciso posuír uns coñecementos previos para o seu seguimento, poderase establecer na convocatoria a necesidade de acreditalos documentalmente ou mediante un exame, de considerarse oportuno.

3. Naqueles cursos en que sexa preciso efectuar a selección de acordo cun baremo, este será establecido despois de consultar cos representantes das centrais sindicais do Consello Reitor desta escola.

4. Cando da aplicación dos criterios resultar un exceso de participantes por consellería, a EGAP poderá limitar o número máximo de participantes desa consellería.

5. En determinados casos a EGAP poderá establecer unha distribución de prazas por consellería de maneira que estean representadas todas ou a maior parte delas. Nestes casos, as prazas de cada consellería cubriranse aplicando os criterios xerais ou específicos segundo o tipo de cursos de que se trate.

6. Nos cursos para o persoal da Administración local galega procurarase que estea representado o maior número posible de entidades locais.

7. Nos cursos reservarase unha cota de prazas non inferior ao 5% para ser cuberta por persoas discapacitadas cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, sempre que poidan acreditalo.

Os discapacitados admitidos poderanlle solicitar á EGAP a alteración da orde de prelación para seleccionaren localidade no caso de que se organicen varias edicións por motivos de dependencia persoal, dificultade de desprazamento ou outras análogas que deberán ser debidamente acreditadas.

8. As mulleres e os homes que estean a gozar ou desfrutasen, nos últimos dous anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares terán dereito preferente a participar nos cursos formativos. Tal preferencia será de aplicación dentro de cada un dos criterios das convocatorias, dentro da orde de criterios do punto primeiro.

9. Poderase dar prioridade a cotas de prazas nos cursos de teleformación para os solicitantes que acrediten documentalmente dificultades de acceso á formación presencial motivadas polo posto de traballo, o horario de traballo ou o afastamento dos centros de formación.

10. Os seleccionados en accións formativas que non comuniquen a súa non-asistencia con antelación ou abandonen a actividade formativa sen xustificación poderán ser excluídos das convocatorias da escola no ano seguinte.

Disposición derradeira

En todo caso, a presente resolución será aplicada con carácter supletorio ao establecido na convocatoria de cada acción formativa.

Disposición derrogatoria

Queda sen efecto a resolución da Escola Galega de Administración Pública con data do 11 de febreiro de 2004.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública