DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2007 Páx. 1.688

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 12/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifican os estatutos da sociedade pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A.

A sociedade pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., foi creada polo Decreto 254/2003, do 24 de abril, en cumprimento do disposto na disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, que autorizaba a Xunta de Galicia a constituír unha sociedade pública autonómica das previstas no artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto

lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, participada integramente pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., coa finalidade de construír e, de ser o caso, explotar as obras da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, treito alto de Santo Domingo-A52 (Ourense).

Nestes momentos, co obxecto de acometer os investimentos necesarios para finalizar as obras que constitúen o obxecto social, é preciso levar a cabo unha ampliación de capital por importe de sete millóns de euros. A Xunta Xeral da Sociedade acordou o día 12 de decembro de 2006 ampliar o capital social da compañía na citada contía (7.000.000 de A), mediante a emisión de sete mil accións nominativas de mil euros de valor nominal cada unha, pertencentes á mesma serie que as once mil accións xa existentes.

Como consecuencia do citado acordo de ampliación do capital social adoptado pola Xunta Xeral da Sociedade, unha vez subscritas e desembolsadas as accións, procede modificar os artigos 6 e 7 dos estatutos sociais.

De conformidade co disposto no artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como no artigo 111.2º do regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, e co artigo 25 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, de acordo igualmente co Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de xaneiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse os artigos 6 e 7 dos estatutos da sociedade pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., aprobados polo Decreto 254/2003, do 24 de abril, e modificados polo Decreto 9/2006, do 19 de xaneiro, que pasarán a ter a seguinte redacción:

«Artigo 6º.-Capital social.

O capital social é de dezaoito millóns de euros (18.000.000 de A).

En todo caso, o capital da sociedade incrementarase na cifra necesaria para que se se produce un investimento maior que o total previsto para a construción da autoestrada que constitúe o obxecto social, se manteña a porcentaxe do 10% do capital social respecto do investimento total; e igualmente deberá ampliarse se se producen perdas que deixen reducido o patrimonio a unha cantidade inferior á metade do dito capital social, co fin de evitar a disolución prevista no artigo 260, punto 4º do texto refundido da Lei de sociedades anónimas.

Artigo 7º.-Accións. Desembolso.

O capital social está representado por dezaoito mil (18.000) accións nominativas, de mil euros (1.000 A) de valor nominal cada unha, numeradas correlativamente da 1 á 18.000 ambas inclusive, totalmente subscritas e desembolsadas».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda