DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2007 Páx. 1.654

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 31 de xaneiro de 2007 pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de programas de educación familiar polas corporacións locais de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos de familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece, no seu artigo 15 a), como unha medida de prevención de posibles situacións de risco, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas técnicas dirixidas a cubrir as necesidades básicas e a mellorar o contorno familiar.

A existencia dunha rede de técnicos en intervención familiar que desenvolven os programas de educación familiar nos concellos galegos ten un carácter estratéxico para as políticas públicas de familia, tanto polo labor de prevención como de orientación e asesoramento que prestan. A Xunta de Galicia, en consecuencia, mediante esta orde de axudas, apoia a existencia, mantemento e coordinación desta rede en cooperación cos concellos.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e dabondo no Proxecto de lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario no que se vaia materializar a contraprestación.

No Proxecto de lei de orzamentos xerais na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para o exercicio 2007 existe na aplicación orzamentaria 05.20.312A.460.0 un crédito de 1.400.000 euros consignado para as axudas que se establecen no articulado desta orde, que poderá verse incrementado con outras achegas da administración pública para o mesmo fin.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo aos orzamentos xerais da

comunidade autónoma, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, así como a, Lei 38/2003, xeral de subvencións, constitúen a normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos exixidos no Proxecto de lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para o ano 2007.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar e aprobar as bases polas que se rexe a concesión das axudas para o financiamento de programas de intervención familiar que desenvolverán as corporacións locais a través de persoal técnico que se incorporará ao equipo de servizos sociais de atención primaria.

Artigo 2º.-Entidades destinatarias.

Poderán concorrer aquelas corporacións locais que presenten un programa de educación familiar, de forma individual ou mancomunadamente.

Artigo 3º.-Definición e obxectivos do programa.

O programa de educación familiar consiste na intervención, por parte de persoal especializado, con familias nas que se detectan carencias competenciais nas súas funcións parentais, como consecuencia da perda de referentes estables e das funcións que tiña asignadas, sendo o fin último desta intervención a integración social e a mellora da calidade de vida das familias.

A dita intervención realizarase preferentemente mediante visitas domiciliarias, xa que é no fogar familiar onde as condutas desadaptadas se crean e se manteñen.

Obxectivos:

-Potenciar a autonomía das familias.

-Favorecer a integración de todos os membros da unidade familiar no seu contorno social.

-Posibilitar a intervención profesional individualizada coas familias con menores ao seu cargo, persoas con dependencia, discapacitados ou calquera outra situación familiar que poida desembocar nunha situación de risco ou dificultade social.

-Prestar apoio e colaboración na capacitación dos adultos que desempeñan roles parentais para desenvolverse axeitadamente no autocoidado, coidado e educación dos fillos e a atención, organización e mantemento do fogar.

-Coordinar as actuacións con todos os profesionais e institucións que interveñen nalgún aspecto da vida familiar, tanto os servizos sociais de atención primaria e os especializados, como os servizos sanitarios, educativos e todos aqueles que en calquera

momento poidan estar relacionados dalgún xeito cos obxectivos deste programa.

Artigo 4º.-Persoal.

O persoal especializado que contrate a corporación local para desenvolver o programa de educación familiar deberá ser preferentemente educador social.

Tamén poderán ser contratadas persoas coas titulación de psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, traballo social, así como os diplomados/as en maxisterio que con anterioridade ao ano 2004 viñan desenvolvendo o programa.

O persoal especializado que contrate a corporación local para o desenvolvemento do programa será acreditado pola Comisión de Valoración.

A contratación de persoal realizarase directamente pola corporación local excluíndo as formas de xestión indirecta.

Artigo 5º.-Contía da subvención.

A axuda que se convoca consiste nunha achega anual máxima de 18.000 euros por cada concello solicitante, podendo chegar a axuda ata 36.000 A no caso de mancomunidades e equiparándose a estas, os concellos de máis de 50.000 habitantes.

As corporacións locais deberán participar no financiamento do programa cun mínimo do 30% do orzamento total.

Artigo 6º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) A suma de subvencións outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados para a execución do programa, en ningún caso poderá superar o 100% do importe total do gasto efectuado.

b) Unha vez notificada a concesión da axuda, as corporacións locais dispoñerán dun prazo de 10 días para remitirlle á delegación provincial correspondente a certificación acreditativa da retención no seu orzamento do 30%, ou porcentaxe maior, de ser o caso, do total da axuda recibida.

A non-presentación en prazo da devandita documentación suporá a renuncia automática á subvención.

Artigo 7º.-Presentación das solicitudes: documentación, lugar e prazo.

As solicitudes das axudas presentaranse segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, e deberán acompañarse dos seguintes documentos:

-Proxecto do programa (anexo II).

-Certificación da corporación local da continuidade da/o técnica/o en intervención familiar acreditada/o no ano 2006.

-No caso de facer nova contratación, curriculum vitae das candidatas/os (anexo III) e certificación da corporación local na cal conste a/o candidata/o seleccionada/o, de ser o caso, e a relación das/os candidatas/os presentadas/os.

-Unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para este mesmo

fin, das distintas administracións públicas competentes.

Relación de postos de traballo do concello en que deberá figurar o/s posto/s de educador familiar, ou noutro caso copia compulsada do/s contrato/s de traballo do persoal técnico adscrito ao programa.

Certificación da corporación local acreditativa de que nos seus orzamentos existe partida orzamentaria suficiente para esta finalidade, como mínimo do 30% do seu orzamento total.

Esta documentación presentarase nos rexistros das delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias co importe das axudas concedidas polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, se é o caso, a entidade beneficiaria autoriza á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde e procederán, en caso contrario, a reclamarlles por escrito aos interesados/as que emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos para poder completar o expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de dez días, se terá por desistida da súa petición, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Así mesmo, realizarase o trámite de audiencia nos termos previstos no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 9º.-Criterios de baremación das solicitudes

As solicitudes recibidas serán valoradas seguindo os seguintes criterios:

a) Darase preferencia aos proxectos presentados por concellos mancomunados sobre os individuais.

b) Persoal adscrito ao programa:

-Persoal recollido na relación de postos de traballo da corporación: 4 puntos.

-Persoal fixo xornada completa: 3 puntos.

-Persoal fixo xornada parcial: 2 puntos.

-Persoal temporal xornada completa (mínimo 9 meses): 1 punto.

-Composición multidisciplinar do equipo: 1 punto.

c) Coordinación con outros proxectos de intervención social:

-Programa de intervención comunitaria para a igualdade: 1 punto.

-Intervención con menores: 1 punto.

-Inclusión social e atención a colectivos de risco: 1 punto.

Esta coordinación será acreditada cun certificado da corporación local.

d) Achega económica municipal:

-Superación do 50% do orzamento total do programa: 4 puntos.

-Entre o 30% e o 50% do orzamento total do programa: 2 puntos.

Artigo 10º.-Coordinación e seguimento do programa.

Á Secretaría Xeral da Igualdade correspóndelle a coordinación e seguimento da execución do programa, para o que designará as/os técnicas/os encargados/as das ditas funcións.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta/e: a/o xefa/e do Servizo de Igualdade.

Vogais:

-Tres funcionarias/os da respectiva delegación provincial designados pola/o delegada/o provincial.

Actuará como secretaria/o unha/un dos tres funcionarios/as anteriormente mencionados. Poderá asistir con voz pero sen voto unha/un representante da intervención territorial. En caso de empate dirimirá o voto de calidade da presidencia.

2. Esta comisión acreditará e seleccionará, se é o caso, a/o candidata/o ou candidatas/os propostos pola corporación local de acordo co baremo establecido no anexo V. A proposta de resolución favorable da comisión producirá os efectos previstos no artigo 4.

A comisión poderá pedir os informes que coide convenientes aos colexios profesionais para os efectos da avaliación da idoneidade.

Artigo 12º.-Resolución.

1. Correspóndelle á/ao delegada/o provincial da Igualdade e do Benestar, por proposta da comisión de valoración, a resolución destas axudas por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar

de conformidade co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A antedita resolución terá lugar no prazo de 4 meses, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e seralle notificada á corporación local pola Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdición contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as corporacións locais poderán requirir previamente ante a/o delegada/o provincial a anulación, revogación ou modificación da resolución mediante escrito razoado, no prazo dun mes contado desde a súa notificación. O requirimento entenderase rexeitado se non se contestase dentro do mes seguinte á súa recepción.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación:

1. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido no artigo 16.2º un do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local exixida no artigo 3º a) desta orde. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro pagamento do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o 80% do total concedido (o seguinte 50% da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluír o recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local exixida no artigo 5º desta orde; neste caso, procederase ao aboamento do 100% da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local exixida no artigo 3º a) desta orde.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando o destino final para o que foi concedida.

2. Aquelas corporacións locais que, ao abeiro da Orde do 19 de xuño de 2006 da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, obtivesen subvención para o mesmo programa que se conceda mediante esta orde, para poderen percibir o anticipo a que se refire o punto 1 a) deste artigo, deberán ter xustificado previamente a totalidade da subvención concedida para o ano 2006.

3. Coa última certificación do gasto, que se presentará necesariamente dentro dos dous primeiros meses do ano seguinte a que se refire esta subvención, xuntarase a memoria xustificativa da execución do programa de acordo co modelo que figura no anexo IV, así como unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas e concedidas, como as pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14º.-Obrigas das corporacións locais.

As corporacións locais beneficiarias das axudas obríganse a:

a) Garantir o principio de transparencia na selección das/os candidatas/os dándolle a suficiente publicidade á convocatoria da dita selección.

b) Poñer á disposición das/os técnicas/os en intervención familiar un espazo físico adecuado así como os medios materiais e tecnolóxicos necesarios para desenvolver con eficacia o seu labor.

c) Integrar o persoal responsable do programa nos servizos sociais do concello.

d) Coordinarse cos servizos técnicos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

e) Observar o disposto no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro

e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

f) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar respecto dos programas de intervención familiar.

g) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

h) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado no Proxecto de lei de orzamentos xerais para este fin. En todo caso as actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2007.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde ou a concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora.

Terceira.-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime sancionador previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Cuarta.-Apróbase a delegación de competencias do vicepresidente da Igualdade e do Benestar nos delegados/as provinciais da Igualdade e do Benestar, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de pagamento en relación ao disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO V

Baremo para a valoración, acreditación e selección das/dos candidatas/os a técnica/o en intervención familiar

Será condición imprescindible para ser candidata/o idónea/o acadar un mínimo de 6 puntos de acordo co seguinte baremo:

* Titulación académica: (máximo de 3 puntos).

-Educación social: 3 puntos.

-Psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía ou traballo social: 2 puntos.

-Diplomados en EXB (con experiencia anterior a 2004): 1 punto.

* Experiencia profesional como técnica/o no programa de educación familiar: (máximo de 5 puntos).

Por cada seis meses ou fracción: 0,5 puntos (debe acreditarse mediante certificación da vida laboral con copia do contrato ou certificado do concello/s no que se especifique este extremo).

* Formación profesional (máximo 2 puntos).

Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias do traballo a desenvolver, realizados polas administracións públicas, universidades, Inem así como cursos homologados ou declarados de interese pola Administración:

Ata as primeiras 25 horas: 0,1 puntos.

Por cada hora que exceda as establecidas no punto anterior: 0,01 punto por hora.

Se non se acredita a duración do curso entenderase de ata 25 horas.

-Outros méritos: (máximo 1,5 puntos).

-Carné de conducir: 1 punto.

-Título de perfeccionamento en lingua galega: 1 punto.

En caso de empate terá preferencia a maior puntuación en titulación académica, a continuación, a experiencia profesional, despois a formación profesional e por último a muller sobre o home.