DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 05 de febreiro de 2007 Páx. 1.480

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2007 pola que se convocan para o ano 2007 as axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos.

O Regulamento (CE) 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, establece unha Organización Común de Mercados (OCM) no sector do leite, coa conseguinte previsión no seu artigo 14 dunha axuda comunitaria para a subministración aos alumnos de centros escolares de determinados produtos lácteos transformados.

O Regulamento (CE) 2707/2000, da Comisión do 11 de decembro, modificado polo Regulamento 816/2004, da Comisión, do 29 de abril, establece as modalidades de aplicación do antedito regulamento no que atinxe á concesión dunha axuda comunitaria para a subministración de leite e de determinados produtos lácteos aos alumnos de centros escolares.

As distintas modalidades de aplicación da axuda á subministración de leite e produtos lácteos aos alumnos de centros escolares establécense no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro, modificado polos reais decretos 460/2004, do 18 de marzo, e 313/2005, do 18 de marzo.

Neste contexto, a resolución deste organismo do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro) establece na súa sección I o procedemento para a tramitación e concesión das axudas aos alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados produtos lácteos no ámbito da nosa comunidade autónoma.

A devandita resolución ten en conta o procedemento para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma, de conformidade co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia así como no que resulta da aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que polo seu carácter de básicas sexan de aplicación.

O Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, creados en virtude dos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, dispón no seu artigo 9.2º que as bases reguladoras e as solicitudes das axudas e subvencións deberán informar os interesados dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica de protección de datos; polo que,

co fin de dar debido cumprimento á dita exixencia normativa, introdúcese no parágrafo segundo da disposición adicional terceira desta resolución unha previsión neste sentido e publícase un novo modelo normalizado de solicitude (anexo VI) que substitúe o previsto na Resolución do 27 de decembro de 2005.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo -DOG nº 251, do 30 de decembro)- e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, correspóndelle a este organismo, entre outras funcións, a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da Política Agrícola Común (PAC) e a concesión de axudas para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e tendo en conta o previsto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto, de conformidade coa normativa vixente de aplicación, establecer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a convocatoria para o ano 2007 das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e dos produtos lácteos transformados recollidos no anexo I da resolución deste organismo do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro).

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

As axudas concederanse pola subministración, a través dun solicitante autorizado, dos produtos lácteos transformados sinalados no antedito artigo 1º, aos alumnos que asistan regularmente aos centros escolares, de conformidade co previsto nos artigos 2 e 3 da sección I da Resolución do 27 de decembro de 2005, pola que se establecen as bases reguladoras desta axuda, sen prexuízo de que os solicitantes deberán ademais acreditar o cumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Solicitude de autorización como subministrador de produtos subvencionados.

1. Os novos solicitantes que queiran participar no programa do leite escolar deberán solicitar a o Fondo Galego de Garantía Agraria, segundo os modelos que figuran nos anexos II A (provedores) e II B (APAS e centros escolares) da Resolución do 27 de decembro de 2005, e seren autorizados para operar como tales, ao abeiro do disposto no artigo 7 da devandita resolución.

2. Os provedores xa autorizados polos órganos competentes, de acordo coa normativa anterior, poderán participar no réxime das axudas previstas nesta convocatoria.

Artigo 4º.-Proposta de subministración.

Os participantes no programa deberán presentar unha proposta de subministración de produtos lácteos a centros escolares e asumir os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 8.1º da Resolución do 27 de decembro de 2005.

Artigo 5º.-Solicitudes de pagamento.

1. As solicitudes de pagamento da axuda debidamente asinadas cubriranse no modelo do anexo VI publicado nesta convocatoria e presentaranse na forma e prazo dispostos no artigo 9 da Resolución do 27 de decembro de 2005.

2. Conforme o previsto nos artigos 41.1º g) e 43, parágrafo 2º da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación, agás no caso de que o importe non supere por beneficiario e axuda 1.500 A, en que non se requirirá ningunha acreditación.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. O financiamento das axudas previstas nesta convocatoria efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.90.713F.779.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por importe de 420.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamenta

rias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente dispoñible non resulte suficiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do previsto no artigo 11 da Resolución do 27 de decembro de 2005, seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-As solicitudes formuladas ao abeiro da Resolución do 27 de decembro de 2005 que aínda estean pendentes de resolución, poderán terse en conta na presente convocatoria; a tramitación dos expedientes continuará no trámite no que se encontraban á finalización do exercicio 2006.

A concesión e pagamento das axudas á subministración de leite e produtos lácteos previstas nesta resolución que se teñan que efectuar no exercicio seguinte realizaranse con cargo ao orzamento de gastos do Fogga dese exercicio na aplicación orzamentaria sinalada no artigo 6º desta resolución.

Terceira.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións de axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude da axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2007.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2007.

Edelmiro López Iglesias

Director do Fondo Galego de Garantía Agraria