DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 05 de febreiro de 2007 Páx. 1.477

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2007 pola que se convocan para o ano 2007 as restitucións á produción no sector dos cereais.

A resolución deste organismo do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 249, do 29 de decembro) establece na súa sección primeira o procedemento para a tramitación e concesión das restitucións á produción no sector dos cereais na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto nos regulamentos do Consello (CE) 1784/2003, do 29 de setembro, relativo á Organización Común de Mercados no sector dos cereais e 1722/1993, da Comisión, do 30 de xuño, que establece as disposicións de aplicación do antedito regulamento.

A devandita resolución ten en conta o procedemento para a tramitación e concesión de axudas na Comunidade Autónoma de Galicia, previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na nosa comunidade autónoma; así mesmo incorpora ao seu articulado as normas da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que, polo seu carácter de básicas, sexan de aplicación.

O Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, creados en virtude dos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, dispón no seu artigo 9.2º que as bases reguladoras e as solicitudes das axudas e subvencións deberán informar os interesados dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica de protección de datos; polo que co fin de dar debido cumprimento á dita exixencia normativa, introdúcese no parágrafo segundo da disposición adicional terceira desta resolución unha previsión neste sentido e publícase un novo modelo normalizado de solicitude de pagamento (anexo VIII) que substitúe o previsto na Resolución do 27 de decembro de 2005.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (así denominado en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo) e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, correspóndelle a este organismo, entre outras funcións, a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da Política Agrícola Común (PAC) e a con

cesión de axudas para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e tendo en conta o previsto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto establecer, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria para o ano 2007 das restitucións á produción pola utilización de amidón, obtido a partir de trigo, millo, así como fécula de pataca, ou determinados produtos derivados na fabricación de mercadorías relacionadas no anexo I do Regulamento (CEE) 1722/1993.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

Para resultar beneficiario das restitucións á produción no sector dos cereais deberanse cumprir os requisitos establecidos no artigo 2 da resolución deste organismo do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 249, do 29 de decembro), sen prexuízo de que os solicitantes deberán, ademais, acreditar o cumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Solicitudes de axuda.

1. As solicitudes, debidamente asinadas, cubriranse consonte o disposto na Resolución do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 249, do 29 de decembro) no seu artigo 5, no modelo do anexo VIII publicado nesta convocatoria e na forma e prazo disposto no seu artigo 6.

2. Conforme o previsto nos artigos 41.1º g) e 43, parágrafo 2º da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación, agás no caso de que o importe non supere por beneficiario e axuda 1.500 A, no que non se requirirá acreditación ningunha.

Artigo 4º.-Anticipos e garantías.

Sen prexuízo da tramitación ordinaria das solicitudes previstas no artigo 7 da Resolución do 27 de decembro de 2005, utilizado o amidón e presentada a solicitude de pagamento da restitución o fabricante poderá solicitar o anticipo do seu importe na forma prevista no artigo 9 da dita resolución.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. O financiamento das axudas previstas nesta convocatoria efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.90.713F.779.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por un importe de 25.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade dispoñible na dita aplicación non resulte suficiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do disposto nos artigos 12, 13 e 14 da Resolución do 27 de decembro de 2005, seralles de aplicación aos beneficiarios das restitucións reguladas nesta resolución o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-As solicitudes formuladas ao abeiro da Resolución do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 249, do 29 de decembro) que aínda estean pendentes de resolución poderán terse en conta na presente convocatoria. A tramitación dos expedientes continuará no trámite en que se encontraba á finalización do exercicio 2006.

A concesión e pagamento das axudas ás restitucións previstas nesta resolución que se teñan que efectuar no exercicio seguinte realizaranse con cargo ao orzamento de gastos do Fogga dese exercicio na aplicación orzamentaria sinalada no artigo 4º desta resolución.

Terceira.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións de axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude da axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2007.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2007.

Edelmiro López Iglesias

Director do Fondo Galego de Garantía Agraria