DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2007 Páx. 1.427

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportistas por estrada, axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e o seu regulamento, aprobado por Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, determinan que para o exercicio das actividades de transportistas de viaxeiros e mercadorías por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, deberase acreditar previamente o cumprimento do requisito de capacitación profesional. Para estes efectos, e de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, pola que se delega na Comunidade Autónoma de Galicia a competencia para a convocatoria, realización e avaliación das probas e posterior expedición do título, procede convocar aquelas, así como determinar as datas de realización das probas.

A Orde ministerial do 28 de maio de 1999 (BOE nº 139, do 11 de xuño), de desenvolvemento do capítulo primeiro do título II do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, sobre condicións previas para o exercicio das actividades de transportista e auxiliares e complementarias do transporte, modifican o réxime das probas para a obtención da capacitación profesional, refundindo e establecendo unicamente as modalidades de transporte interior e internacional de mercadorías e a de transporte interior e internacional de viaxeiros.

Por iso, a convocatoria prevé as probas referidas a dúas modalidades actualmente vixentes de acceso á capacitación profesional (1. Transporte interior e internacional de viaxeiros e 2. Transporte interior e internacional de mercadorías).

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei 16/1987 e Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, Real decreto 1551/1988, do 23 de decembro (BOE nº 311, do 28 de decembro), Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (BOE nº 260, do 30 de outubro) e Orde ministerial do 28 de maio de 1999 (BOE nº 139, do 11 de xuño) e de acordo coa autorización conferida pola orden da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989 (DOG nº 119, do 22 de xuño).

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas de capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportista por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Ámbito das probas.

Convócanse probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportista por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor; que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Exercicios.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento, serán os establecidos na orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999 (BOE nº 139, do 11 de xuño), reguladora das devanditas probas.

Terceira.-Solicitudes.

1. A instancia na cal se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade co modelo que se xunta a esta resolución, (anexo I), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no disposto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. Á solicitude deberase acompañar a fotocopia do DNI vixente, achegando, se é o caso, xustificante acreditativo da súa renovación, e o impreso de taxa de autoliquidación correspondente á Administración. Só e admitirá que o domicilio sexa distinto do que aparece no documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Que o aspirante acredite mediante certificado orixinal de empadroamento, no cal deberá figurar a data de alta no padrón municipal, que tivo o seu domicilio en lugar distinto polo menos 185 días naturais do último ano, contados ata o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas.

b) Que o aspirante acredite que, aínda que tivera o seu domicilio en lugar distinto menos de 185 días

do último ano, se viu na obriga, por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia. Esta circunstancia non se entenderá cumprida cando se trate dunha estadía temporal nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada. A asistencia a unha universidade, escola ou centros docentes non implicará o traslado da residencia habitual. Nestes supostos, xunto co certificado orixinal de empadroamento, acompañarase a documentación oportuna (a título de exemplo: certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo).

3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación fornecida polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que corresponda.

Cuarta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co título VI da Lei 14/2006, do 28 de decembro (DOG nº 240, do 29 de decembro), Lei 8/2003, do 23 de decembro (DOG nº 251, do 29 de decembro), os dereitos de exame fíxanse na cantidade de vinte euros con cincuenta e sete céntimos (20,57 A), por cada unha das actividades mencionadas a que cada interesado se presente, e ingresaranse unha vez cubertos os impresos de taxas (Consellería de: PTOPT, Cód.: 06; Delegación de: SS.CC., Cód.: 13, Servizo de: Transportes, Cód.: 02; Denominación: dereitos exame capacitación; Clave: 31.01.06), que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, nos servizos provinciais de Transportes ou nas delegacións provinciais da dita consellería.

2. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, procederá á revisión destas.

Ultimado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o punto anterior a lista provisional de admitidos e excluídos con indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Á vista das peticións de emenda presentadas, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de admitidos e excluídos nos organismos a que fai referencia o número 1 da base cuarta, podendo obter información chamando ao teléfono 981 54 45 90.

5. Devolveránselles os dereitos de exame aos solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de referencia no número 4 da base cuarta sexa solicitado segundo modelo que figura nesta resolución como anexo II.

Quinta.-Tribunal, datas e lugar dos exames:

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros da Dirección Xeral de Transportes:

Presidenta:

Mar Chao López.

Presidente suplente:

Carlos González Rodríguez.

Vogais:

Javier García de Bidegain.

Elena PradoVeiga.

Antón García Río.

Vogais suplentes:

María Elena Nimo Mayo.

Rodrigo López Asorey.

Mar Estévez Mosquera.

Secretario:

Jesús Magariños Negreira.

Secretario suplente:

José Luis Suárez Fernández.

2. Para efectos de cualificación, e de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualificarase o tribunal como de categoría primeira.

3. Calendario, horario e lugar.

Os exercicios terán lugar o día 26 de maio de 2007 no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, San Lázaro s/n, Santiago de Compostela, co seguinte horario:

9.30 h: transporte interior e internacional de mercadorías para aqueles aspirantes que a primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-H (ambas inclusive).

16.30 h: transporte interior e internacional de mercadorías para aqueles aspirantes que a primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras I-Z (ambas inclusive).

9.30 h: transporte interior e internacional de viaxeiros para aqueles aspirantes que a primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras I-Z (ambas inclusive).

16.30 h: transporte interior e internacional de viaxeiros para aqueles aspirantes que a primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-H (ambas inclusive).

As portas do recinto abriranse 30 minutos antes da hora fixada para o inicio dos exercicios, procedendo ao seu comezo na hora sinalada. Os aspirantes deberán acudir provistos de bolígrafo de tinta azul, DNI e o xustificante acreditativo do pagamento da taxa.

Os aspirantes presentaranlle ao tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade.

O enderezo que figure na solicitude considerarase como único válido para efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio del.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2007.

Mar Chao López

Directora xeral de Transportes