O 23 de novembro de 2006 o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes aprobou o proxecto de construción de mellora da seguranza viaria na LU-541 Rábade (A6)-Vilalba (N-634), treito p.k. 15+600 ao 16+300. Clave: LU/06/017.06.
Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.
A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia favorable na seguranza viaria, por tratarse dun treito de concentración de accidentes e por ser necesario remodelar distintas interseccións.
En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte o oito de decembro de dous mil seis,
DISPOÑO:
Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación, no proxecto de mellora da seguranza viaria na LU-541 Rábade (A6)-Vilalba (N-634), treito p.k. 15+600 ao 16+300. Clave: LU/06/017.06.
Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil seis.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
María José Caride Estévez
Conselleira de Política Territorial, Obras
Públicas e Transportes