DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2007 Páx. 1.423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 23 de xaneiro de 2007 pola que se clasifica de interese industrial a Fundación Innovapyme Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Innovapyme Galicia, con domicilio en Vigo (Pontevedra).

Suspostos de feito.

1. José Manuel Fernández Albariño, na súa condición de presidente da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día vinte e dous de novembro de dous mil seis, ante o notario José Pedro Riol López, co número de protocolo tres mil catrocentos corenta e oito, pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, representada para este acto polo secretario xeral da dita consellería, Emilio Nogueira Moure; a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), representada para este acto polo seu presidente José Manuel Fernández Alvariño; a Asociación de Empresarios de la Mediana y Pequeña Empresa (Aempe), representada para este acto polo seu vicepresidente Joaquín Eugenio Montes Otero; a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (Eganet) representada para este acto pola súa presidenta Beatriz Legerén Lago; a Asociación de Empresarios de Servicios y Medios Informáticos de la Provincia de Pontevedra (Aseinpo), representada para este acto polo seu presidente Enrique Pérez Barros; a Caixa de

Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova), representada para este acto por Carlos Palleiro Álvarez e José Luis Abelleira Méndez; a Fundación para la Promoción de la Innovación, Investigación y Desarrollo Tecnológico en la Industria de Automoción de Galicia (CTAG), representada para este acto polo director xeral Luis Eulogio Moreno Diéguez; a Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (Aimen), representada polo seu presidente Fernando Emilio Vázquez Peña; e pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco) representada para este acto polo secretario xeral Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto promover e contribuír eficazmente á investigación científica, así como ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación en todas as súas manifestacións no ámbito da Comunidade Autónoma galega. O campo de actividade da fundación abranguerá o fomento, a difusión, coordinación e promoción de cantas actividades de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxicas sexan de interese para as pequenas e medianas empresas da industria en xeral, a construción e os servizos.

4. O padroado da fundación estará integrado por José Manuel Fernández Alvariño como presidente, e por Ramón Búa Paseiro, José Ramón Pais Curto, Joaquín Eugenio Montes Otero, Miguel Angel Bugarín Pumar, Enrique Pérez Barros, Luis Eulogio Moreno Diéguez, Fernando Emilio Vázquez Peña, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Salustiano Mato de la Iglesia, José Luis Abelleira Méndez e Carlos Palleiro Álvarez como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación Innovapyme Galicia, polo que dado o seu obxecto e finalidade, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Innovación e Industria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinte e dous de xaneiro de dous mil sete.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior,

de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese industrial a Fundación Innovapyme Galicia, adscribíndoa á Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza