DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 01 de febreiro de 2007 Páx. 1.377

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 8/2007, do 10 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 108/2006, do 15 de xuño, polo que se establece a ordenación turística dos restaurantes e das cafetarías da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 108/2006, do 15 de xuño, polo que se establece a ordenación turística dos restaurantes e das cafetarías da Comunidade Autónoma de Galicia supuxo o establecemento do réxime xurídico aplicable aos restaurantes e ás cafetarías, en desenvolvemento das prescricións contidas na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Tal e como se manifesta na exposición de motivos da dita norma, entre outras novidades, esta recolle os requisitos e condicións mínimas que deben cumprir os restaurantes segundo a categoría pretendida.

En concreto, o artigo 6 exixe para todos os restaurantes a dispoñibilidade de secador de mans de aire quente e toallas dun só uso nos seus servizos hixiénicos pero, en consonancia co exposto no anexo III da norma, cómpre modificar o dito precepto no sentido de que os restaurantes de dous e un garfos unicamente teñan que dispoñer dun dos referidos servizos.

O mesmo artigo 6 tamén establece que os restaurantes de cinco, catro, tres e dous garfos deben dispoñer de carta de pratos e menús, ademais de en galego e castelán, polo menos en dous idiomas estranxeiros.

Non obstante, tanto a práctica habitual como a demanda do sector, revelan como excesiva esta exixencia para os restaurantes de dous garfos, polo tanto, semella máis axeitado que os idiomas requiridos para as cartas de pratos e menús destes establecementos sexan unicamente o galego e o castelán, considerando como opcionais o emprego doutros idiomas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dez de xaneiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 186/2006, do 15 de xuño, polo que se establece a ordenación turística dos restaurantes e das cafetarías da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 108/2006, do 15 de xuño, polo que se establece a ordenación turística dos restaurantes

e das cafetarías da Comunidade Autónoma de Galicia queda redactado como segue:

Un. O artigo 6.d).5 queda redactado do seguinte xeito:

«Os servizos hixiénicos da clientela deberán ser independentes para donas e cabaleiros, con auga quente e fría nos lavabos. Disporán de papel hixiénico, xabrón, secador de mans de aire quente ou toallas dun só uso, colgadores, papeleiras e contedores específicos de hixiene feminina. Contarán como mínimo coas seguintes pezas: ata 75 prazas, un lavabo e un inodoro cada un. Máis de 75 prazas: por cada 50 prazas máis ou fracción, un lavabo máis e un inodoro máis por cada un».

Dous. O artigo 6.d).7 queda redactado do seguinte xeito:

«carta de pratos e menús en galego e castelán, polo menos».

Tres. O artigo 6.e).4 queda redactado do seguinte xeito:

«Os servizos hixiénicos da clientela deberán ser independentes para donas e cabaleiros, con auga quente e fría nos lavabos. Disporán de papel hixiénico, xabrón, secador de mans de aire quente ou toallas dun só uso, colgadores, papeleiras e contedores específicos de hixiene feminina. Contarán como mínimo coas seguintes pezas: ata 100 prazas, un lavabo e un inodoro cada un. Máis de 100 prazas: por cada 75 prazas máis ou fracción, un lavabo máis e un inodoro máis por cada un».

Catro. Engádese un novo punto ao artigo 6, que queda redactado do seguinte xeito:

«carta de pratos e menús en galego e castelán, polo menos».

Cinco. O anexo III queda redactado do seguinte xeito:

«Instalacións e servizos: cartas de pratos e menús en varios idiomas.

5 garfos ou luxo: sí. Ademais de en galego e castelán, deberá ofrecerse polo menos en dous idiomas estranxeiros.

4 garfos: sí. Ademais de en galego e castelán, deberá ofrecerse polo menos en dous idiomas estranxeiros.

3 garfos: sí. Ademais de en galego e castelán, deberá ofrecerse polo menos en dous idiomas estranxeiros.

2 garfos: en galego e castelán, polo menos.

1 garfo: en galego e castelán, polo menos».

Catro. Engádese unha disposición adicional, que queda redactada do seguinte xeito:

«Facúltase o/a titular da consellería competente en materia de turismo para ditar as ordes oportunas para a modificación dos anexos I e II desta norma».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA