DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2007 Páx. 1.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 24 de xaneiro de 2007 pola que se convoca o concurso de ideas para o deseño da roupa de traballo para o persoal educador e coidador das Galescolas e mandilóns para as nenas e os nenos dos anteditos centros.

De conformidade co Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, correspóndelle a este departamento da Xunta de Galicia o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas autonómicas de igualdade e xénero e as políticas de benestar, xa que logo as áreas sociais de familia, infancia e mocidade inclusive.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar está a crear unha rede de Galescolas que estará integrada por escolas infantís de titularidade pública. Esta rede pretende constituír un referente de calidade, con máis servizos, unha mellor oferta educativa e pedagóxica que forme os nenos e as nenas na tolerancia, no respecto e na imaxinación.

Coa finalidade de acadar unha imaxe común en todos os centros que integran a rede das Galescolas, que lles permita aos usuarios e usuarias identificar facilmente os centros da rede creando unha identidade propia, a Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar convoca un concurso de ideas para elixir un deseño para a roupa de traballo do persoal educador e coidador, así como para os mandilóns dos nenos e das nenas das Galescolas. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o concurso de ideas que convoca a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para a selección dunha proposta de uniformidade oficial para a roupa de traballo do persoal educador e coidador, así como para os mandilóns dos nenos e das nenas asistentes ás Galescolas.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán participar neste concurso todas as persoas físicas, maiores de idade, ou xurídicas que o soliciten.

A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Secretaría Xeral da Igualdade queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas.

Ningunha persoa participante poderá establecer ningún tipo de relación profesional coas persoas integrantes do xurado durante o período do concurso.

Artigo 3º.-Características e requisitos.

1. Os deseños presentados deberán axustarse á sua función como vestimenta de traballo e, polo tanto, observarán necesariamente as seguintes características:

-Funcionalidade e liberdade de movementos.

-Resistencia á tracción, abrasión, extensión, rozamento e sucidade.

-Fácil mantemento (solidez da cor, lavado, pasada de ferro, etc.).

2. O obxectivo do concurso é seleccionar unha uniformidade que, ademais das características xerais, reúna os seguintes requisitos:

-Temática: os deseños deberán encaixar co logo escollido para identificar as Galescolas e ofrecer unha imaxe vencellada ás Galescolas como rede institucional propia de Galicia con identidade propia.

-Orixinalidade: as propostas presentadas deberán ser orixinais e inéditas. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer os/as participantes.

-Proposta única: cada deseñador só poderá presentar un deseño de cada uniformidade (persoal e alumnado).

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Na selección da proposta gañadora o comité de selección valorará os seguintes conceptos:

-Coherencia do traballo coa finalidade perseguida e coa imaxe de marca das Galescolas.

-Innovación e creatividade.

-Estética.

-Funcionalidade.

-Viabilidade e simplicidade na confección.

Artigo 5º.-Presentación de propostas.

1. Cada participante poderá presentar unha única proposta de uniformidade para cada un dos colectivos a que vai dirixido o concurso.

2. A solicitude dos/das participantes deberá fecerse no impreso normalizado (anexo I).

3. Esta solicitude deberá ir acompañada:

3.1 Da seguinte documentación:

-Conxunto de fichas técnicas dos bosquexos presentados en DIN A-4 e soporte magnético (CD-ROM) en calquera aplicación específica de deseño, incluíndo o seu plano, presentando mostras dos materiais utilizados e as características técnicas (composición, peso, instrucións de lavado...) e avalando o perfecto comportamento dos tecidos presentados (solidez da cor, resistencia, nivel de peeling, abrasión, composición, gramaxe, etc.).

-Deseños de debuxo artístico, en formato DIN A4 e soporte magnético CD-ROM da roupa do persoal educador e coidador en versión masculina e feminina, de fronte e de costas, así como a dos nenos e as nenas.

-Memoria descritiva que desenvolva o fundamento da colección.

As familias de uniformes e os seus compoñentes deberán constar das prendas que a seguir se detallan:

-Vestimenta das/dos educadores/as e coidadores/as: chándal de dúas pezas.

-Vestimenta para os nenos/nenas: mandilón.

3.2. Dun sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do autor/a e no cal irá o boletín de inscrición (anexo II), debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou NIF ou do documento oficial que acredite suficientemente a identidade.

-Currículo do participante.

-Declaración responsable en que quede constancia de que a obra non foi premiada en ningún outro certame ou concurso.

4. As solicitudes deberán presentarse, xunto co resto da documentación, no Rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sito en San Caetano s/n, Santiago de Compostela.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos.

1. O prazo de presentación das solicitudes será ata o día 19 de febreiro de 2007 inclusive.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 7º.-Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección que será nomeada polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar integrada por unha/un presidenta/e, unha/un secretaria/o e un máximo de cinco vogais. Actuará como presidente o subdirector xeral da Familia ou a persoa en que delegue, como vogais actuarán profesionais e expertas/os de recoñecido prestixio, a secretaría recaerá nunha/nun funcionaria/o da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, con voz pero sen voto.

Os nomes dos e das integrantes da comisión de selección serán publicados na páxina web www.vicepresidencia.xunta.es con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

Non poderán formar parte da comisión de selección os/as familiares de participantes con parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo grao.

As decisións da comisión de selección serán inapelables.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 7º, as solicitudes que non cumpran os requisitos establecidos nesta orde non serán admitidas a trámite, ditarase para o efecto a oportuna resolución.

2. As demais solicitudes remitiránselle á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación do premio e redactará a proposta de resolución.

Corresponderalle ditar a resolución á secretaria xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

3. A resolución seralles notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Establécese un único premio de 6.000 euros. O gañador do concurso subcribirá un acordo coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar polo importe sinalado no cal cederá todos os dereitos de explotación da obra.

5. Con carácter xeral, poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante. Segundo a calidade das obras, o premio pode ser declarado deserto.

Artigo 10º.-Destino e devolución das obras.

1. As obras dos participantes premiados quedarán en posesión da secretaria xeral da Igualdade.

2. As obras dos participantes non premiados serán retiradas por eles ou por persoa autorizada no lugar

que determine a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da comisión de selección. Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da secretaria xeral da Igualdade e poderán ser destruídas ou utilizadas na forma que considere oportuna.

3. Queda implícita a autorización á secretaria xeral da Igualdade dos participantes a montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Artigo 11º.-Cesión de dereitos.

1. A Xunta de Galicia será propietaria, para todos os efectos, da proposta gañadora, desde a súa entrega, así como dos soportes materiais en que se tivesen presentado.

2. O participante cuxa proposta resulte gañadora cédelle á Xunta de Galicia todos os dereitos sobre a súa explotación económica, de xeito que poida

utilizala sen máis restricións que as derivadas da lei, en calquera modalidade de explotación, en calquera formato coñecido e para calquera finalidade. En particular cédese o dereito de explotación como deseño industrial que faculta a Xunta de Galicia para súa utilización mediante a fabricación, oferta e comercialización dos produtos.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaria xeral da Igualdade para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago Compostela, 24 de xaneiro de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA