DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2007 Páx. 1.193

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

No Decreto 37/2006, do 2 de marzo, regúlase o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, inclúe a contratación temporal das categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do plan Infoga. O baremo establecido no devandito decreto componse da nota de exame do último proceso selectivo, os servizos prestados na Xunta de Galicia e os chamamentos atendidos polas listas, todo isto referido á categoría en que esta inscrito o solicitante.

Debido á integración no ano 2007 do persoal de extinción de incendios das brigadas municipais nestas categorías, cómpre modificar o baremo aplicable

artellando un sistema en que se teña en conta a experiencia dos traballadores nos distintos concellos de Galicia.

Por último, prevese a posibilidade de encomendar a xestión destas listas á consellería competente en materia de incendios.

Visto na Mesa Xeral de Negociación e co informe favorable da Comisión de Persoal, na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e cinco de xaneiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Engádese o artigo 9.bis, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 9.bis:

Para a elaboración das listas para a cobertura de postos reservados ás categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga, o baremo será o seguinte:

a) Por servizos prestados:

1º Por cada mes completo de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría: 0,45 puntos, ata un máximo de 40 puntos.

2º Por cada mes completo de servizos prestados en concellos e mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables: 0,25 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

A suma das puntuacións dos puntos 1º e 2º non poderá superar en nigún caso os 40 puntos.

b) Por coñecemento do terreo da forma establecida na resolución da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do plan Infoga:

Por acreditación do coñecemento do terreno nalgún dos municipios incluídos nos distritos forestais que solicitan: 10 puntos.

c) A suma das notas das probas superadas no último proceso selectivo da Xunta de Galicia para o grupo, escala, especialidade ou categoría en que se solicita a inscrición na lista ata a ponderación de 40 puntos segundo a seguinte fórmula: suma das notas obtidas

nas probas do proceso selectivo multiplicado por 40 e dividido entre a suma das notas máximas posible das probas do proceso selectivo.

A puntuación desta epígrafe porase de oficio a cero con motivo da resolución dun novo proceso selectivo para o mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría da lista en que se encontre inscrito a/o interesada/o, incluíndose, así mesmo, de oficio e de ser o caso, a nova puntuación.

Entenderase resolto un proceso selectivo á publicación do resultado do acto de elección de destino do persoal de novo ingreso.

d) Por cada chamamento pola mesma lista, aceptado e rematado sen renuncia ao desempeño do posto: 0,2 puntos, ata un máximo de 3 puntos. Só se terán en conta os chamamentos atendidos polas novas listas elaboradas a raíz da entrada en vigor deste decreto.

En todo caso, só se terán en conta os méritos alegados que o solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior».

Disposicións adicionais

Primeira.-Aquelas persoas que forman parte das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes ás categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do plan Infoga, no momento en que se publique a resolución de apertura do prazo para a presentación de solicitudes das categorías citadas deberán presentar a documentación necesaria para que as súas solicitudes se baremen segundo a presente modificación.

Segunda.-As competencias en materia de xestión das listas de contratación do persoal laboral da Xunta de Galicia dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do plan Infoga poderán encomendarse á Consellería de Medio Rural. Esta encomenda formalizarase segundo as prescricións recollidas no artigo 15 da Ley 30/1992, do 26 de novembre, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

Os/As traballadores/as das categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do plan Infoga, para as contratacións que se produzan no ano 2007, poderán acreditar o coñecemento do galego coa presentación do diploma ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento para os grupos I, II, III, ou iniciación para os grupos IV e V, ou ben coa superación dunha proba que se densenvolverá unha vez rematadas as probas de aptitude física.

En anos sucesivos o coñecemento da lingua galega deberá acreditarse segundo o establecido no artigo 8º do Decreto 37/2006.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia,

Administracións Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA