DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2007 Páx. 1.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 4 de xaneiro de 2007, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca a fase autonómica do concurso de premios sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis 2.

A base da protección das persoas consumidoras reside tanto no desenvolvemento normativo por parte dos poderes públicos como na formación e educación desde o ámbito escolar na procura de que se posicionen ante os feitos de consumo de xeito crítico e responsable.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inclúe contidos relativos á educación para o consumo no currículo das etapas de educación infantil, primaria, secundaria e de adultos como contidos transversais.

Con base no anterior, promover a educación para o consumo nos centros educativos da comunidade autónoma é un interese común do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo de que o alumnado adquira coñecementos e desenvolva capacidades e hábitos que lle permitan exercer os seus dereitos como consumidores e consumidoras. Nesta liña de actuación, os temas relacionados co consumo responsable, a influencia da publicidade nos feitos de consumo, así como o coñecemento e achegamento dos consumidores e consumidoras ás novas tecnoloxías ocupan un lugar destacado.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participan na organización do concurso Consumópolis, promovido polo Ministerio de Sanidade e Consumo a través do Instituto Nacional del Consumo, coa participación de dezaseis comunidades autónomas, e que ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo reflexivo, saudable e crítico, que teña en conta o respecto ao contorno ambiental e ao noso contorno social, fomentando, daquela, a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado en actividades relacionadas coa educación para o consumo.

Este concurso vai dirixido a escolares de idades comprendidas entre 10 e 16 anos e ten por obxecto sensibilizar os escolares da importancia que ten realizar un consumo responsable e como conxugalo co benestar e calidade de vida, tanto deles como das persoas do seu ámbito. Así mesmo, preténdese fomentar a participación dos centros educativos a través do profesorado e do alumnado en actividades relacionadas coa educación para o consumo.

A primeira fase do concurso desenvolveuse a través da internet entre os meses de outubro e decembro do ano 2006.

Corresponde agora organizar a fase autonómica do concurso, organizada polas consellerías de Innovación e Industria e de Educación e Ordenación Universitaria e xestionada polo Instituto Galego de Consumo, co obxecto de seleccionar os gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Convocar a fase autonómica do concurso Consumópolis, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A fase autonómica do concurso consiste na realización dunha serie de actividades de carácter pedagóxico e lúdico que teñan como resultado final a realización dunha campaña publicitaria sobre o consumo responsable e calidade de vida.

Segunda.-Característica do traballo.

Cada equipo participante deberá realizar un traballo en equipo consistente en:

A) Fase autonómica do concurso: elaboración e presentación dunha campaña publicitaria que fomente os valores do consumo responsable. A campaña publicitaria deberá incluír a elaboración dos seguintes soportes publicitarios:

* Elaboración dun slogan publicitario.

* Elaboración dun anuncio de radio (20 a 30 segundos).

* Elaboración dun anuncio para TV (20 a 30 segundos).

* Elaboración dun tríptico informativo (folleto).

* Elaboración dun cartel tipo póster (mínimo DIN A3, máximo 68 x 42).

Os catro primeiros traballos presentaranse en soporte electrónico e o cartel tipo póster en soporte papel.

B) Elaboración dunha memoria escrita sobre a participación do equipo, que non debe ser inferior a 5 páxinas nin superior a 10, na cal se expoña como foi a participación do equipo no xogo en liña Consumópolis 2 e na realización da campaña publicitaria, na cal se explique como mínimo:

* A organización do equipo para a resolución das probas das actividades do xogo Consumópolis 2 e a documentación consultada.

* A organización do equipo para a elaboración da campaña publicitaria, a documentación consultada e os materiais utilizados.

A campaña publicitaria e a memoria presentaranse en idioma galego. O Instituto Galego de Consumo encargarase da tradución ou subtitulación para o castelán dos traballos gañadores para a súa presentación na fase estatal.

Para poder acceder aos premios autonómicos e participar na fase estatal do concurso é necesario que completen a fase autonómica todos os integrantes de cada equipo.

C) Fase estatal do concurso, organizada polo Ministerio de Sanidade e Consumo a través do Instituto Nacional do Consumo e na cal participarán os gañadores de cada comunidade autónoma, por cada nivel educativo.

Terceira.-Destinatarios.

Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por 5 alumnos ou alumnas de idades comprendidas entre 10 e 16 anos coordinados por un profesor ou profesora, que estivesen inscritos previamente e que rematasen a primeira parte realizada a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo (www.igc.xunta.es)

Un mesmo profesor poderá coordinar máis dun equipo dun mesmo ciclo.

Cada equipo deberá presentar un único traballo, non habendo límite para o número de grupos que se formen en cada centro educativo.

Os niveis de participación establecidos son:

-Escolares de 3º ciclo de educación primaria (de 10 a 12 anos).

-Escolares de 1º ciclo de educación secundaria obrigatoria (de 12 a 14 anos).

-Escolares de 2º ciclo de educación secundaria obrigatoria (de 14 a 16 anos).

Cuarta.-Premios.

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada un dos niveis de participación.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán a comunidade autónoma na fase estatal que se celebrará en Madrid.

3. O pagamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2007, no cal existe crédito adecuado e suficiente.

Quinta.-Xurado.

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

Presidenta: a xerente do Instituto Galego de Consumo ou persoa en que delegue.

Vicepresidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en que delegue.

Vogais:

A xefa do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do IGC.

Un asesor docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A xefa de Sección de Formación e Educación do IGC, que actuará como secretaria.

2. O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3. O xurado terá facultades para resolver todas as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

4. A decisión do xurado, que será inapelable, será publicada no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, comunicarase aos gañadores e ao resto dos parti

cipantes antes do día 10 de abril de 2006. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos.

Sexta.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos comezará o día seguinte á publicación desta resolución e rematará o día 9 de marzo de 2007.

Sétima.-Requisitos das solicitudes.

1. A solicitude irá dirixida ao presidente do Instituto Galego de Consumo, asinada pola dirección do centro escolar, segundo o modelo que figura como anexo I.

2. Os concursantes presentarán os traballos por duplicado nos rexistros dos servizos provinciais do Instituto Galego de Consumo ou polas canles establecidas na Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ao traballo estará datada e selada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

3. Os traballos que se presenten a esta convocatoria deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Campaña publicitaria, nos distintos soportes estabelecidos na base segunda da presente convocatoria, que se presenta ao concurso.

b) Memoria descritiva de como se realizou o traballo (orixinal e copia) cun mínimo de 5 e un máximo de 10 páxinas, en soporte papel e dixital, e na cal se describirán polo miúdo todas as actividades desenvolvidas, incluíndo a relación ou descrición das fontes documentais utilizadas. Xuntarase anexo fotográfico, dixital e audio (anuncio de radio) das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

c) Os traballos presentaranse en idioma galego normativizado, facéndose cargo o Instituto Galego de Consumo da tradución para o castelán dos traballos que representen a comunidade autónoma na fase estatal.

Oitava.-Criterios de avaliación.

Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

a) A puntuación obtida no xogo da internet Consumópolis, que representará o 40% da puntuación total a conseguir por cada equipo.

b) A campaña publicitaria desenvolvida suporá o 50% da puntuación total a conseguir por cada equipo, téndose en conta para a súa avaliación os criterios seguintes:

* A adecuación da campaña ao tema Consumo responsable, benestar e calidade de vida: 40%.

* A orixinalidade en mensaxes e contidos: 30%.

* O deseño da campaña: 30%.

c) A memoria suporá o 10%.

Novena.-Publicación dos traballos.

1. O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade, agás os clasificados en primeiro lugar de cada categoría, que concursarán na fase estatal.

2. Os gañadores quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puidesen resultar da utiliza

ción dos textos, imaxes e outros elementos creativos fornecidos por eles na realización do traballo e cuxa propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas á presente convocatoria.

3. A participación de menores nos distintos anuncios e reportaxes fotográficas deberá contar coa autorización por escrito dos pais ou titores.

4. A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales se poderán introducir as variacións que se consideren máis adecuadas para a súa finalidade.

Décima.-Certificación.

Para os traballos presentados e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá recoñecer ao profesorado coordinador, se a calidade do traballo así o xustifica, e mediante a expedición dun certificado persoal, as horas de innovación realizadas ao abeiro da presente convocatoria.

Estas últimas terán, ao abeiro do número 23 do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividades de formación permanente do profesorado cunha equivalencia de 10 horas lectivas.

Décimo primeira.-Recursos.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, de acordo cos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á súa publicación do Diario Oficial de Galicia, perante o presidente do Instituto Galego de Consumo e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, entendéndose desestimado polo transcurso de un mes sen que se dite e notifique a resolución do recurso.

Así mesmo, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, de acordo co disposto no artigo 8.3º, en relación co 14.1º primeira, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente convocatoria haberá que aterse ao disposto do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ambas na súa actual redacción.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2007.

Laura Sánchez PiñónEmilio Nogueira Moure

Conselleira de EducaciónPresidente do Instituto

e Ordenación UniversitariaGalego de Consumo