DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2007 Páx. 1.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 3/2007, do 18 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Camariñas, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do litoral da praia de Arou e a súa contorna.

O concello de Camariñas, en sesión que tivo lugar o día vinte de decembro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de acondicionamento do litoral da praia de Arou e a súa contorna e, na sesión do vinte e catro de xuño de dous mil seis, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación á que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a actuación consiste en proporcionar maior seguridade aos peóns e evitar o altísimo perigo de accidentes á hora de circular pola estrada, debido, entre outras circunstancias, á proximidade da praia á vía, a existencia de acantilados, a alta densidade de tráfico, sen apenas abeiros que defendan a diferenza de nivel existente entre a vía e a praia de Arou, un ancho de calzada de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, a inexistencia de beirarrúas, o mal estado do firme da estrada e cun trazado de curvas perigosas debido a un escaso radio de xiro e con presenza de construcións, vivendas e peches de parcelas pegadas a esta, que dificultan tanto o tráfico rodado como o peonil.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º, do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xaneiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Camariñas, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do litoral da praia de Arou e a súa contorna, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes neste caso, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza