DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2007 Páx. 1.037

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2006 pola que se fan públicas as bases do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia e se procede á súa convocatoria.

A Constitución española no seu artigo 129.2º encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, tendo entre as súas funcións a promoción da educación e a formación cooperativa.

Con esta finalidade o Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do Pleno con data do 15 de decembro de 2006, acordou a convocatoria do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, correspondente ao ano 2007. A súa concreción e realización, levarase a cabo de xeito coordinado polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo.

Polo que antecede, en uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas.

DISPOÑO:

A publicación das bases do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia e a súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As bases reguladoras recóllense nos anexos I e II.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Presidente do Consello Galego de Cooperativas

ANEXO I

Certame Cooperativismo no ensino dirixido a centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria

Modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo.

Modalidade de actividades cooperativizadas.

Primeira.-Poden participar neste certame, nas modalidades que se indican, todos os centros educativos da nosa comunidade autónoma con alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria.

Na modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo poden participar as seguintes categorías:

-A: alumnos/as de 2º ciclo de educación infantil.

-B: alumnos/as de 1ºe 2º de educación primaria.

-C: alumnos/as de 3º e 4º de educación primaria.

-D: alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria.

Na modalidade de Actividades Cooperativizadas poderán concursar os/as alumnos/as de primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria, nas seguintes categorías:

-E: alumnos/as do primeiro ciclo da ESO.

-F: alumnos/as do segundo ciclo da ESO.

Segunda.-Establécense dúas fases:

* 1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

Os centros que desexen participar deberán desenvolver no seu centro educativo actividades de fomento do cooperativismo, tales como xornadas sobre o cooperativismo, xogos cooperativos, visitas a cooperativas e calquera outra actividade que divulgue a formula empresarial cooperativa entre o alumnado do centro educativo.

Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de importantes valores sociais e que a súa aplicación fomenta actitudes e valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada; as actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores.

Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.

* 2ª fase: presentación dos traballos dos/as alumnos/as ao concurso.

Os centros que realizasen as devanditas actividades poderán presentar a este concurso os traballos realizados polos seus alumnos en calquera das seguintes modalidades:

-Debuxo, pintura e/ou vídeo.

-Actividades cooperativizadas.

En cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos/as.

Terceira.-Na modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo, exixiranse as seguintes condicións técnicas:

-Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignarase, en letras maiúsculas, os datos do autor/es: nome, apelidos, idade, curso, dirección do centro escolar, así como a categoría na que participan.

-No caso de vídeos as producións presentaranse en vídeo VHS, independentemente do formato en que fosen producidas. Tamén poderán ser presentadas en CD, en formato AVI cun tamaño mínimo de 320x240 pixels, audio en 44.1 e codec de compresión Divx. De optaren pola opción de presentación electrónica ou páxina web, presentarase nun arquivo powerpoint (*.ppt), ou a web completa cun arquivo de inicio denominado index.htm nun CD. Tanto as cintas como os CD non poderán conter máis dun programa e deberán ser entregadas debidamente identificadas. As obras editaranse en galego, a súa duración non poderá exceder de 10 minutos e deberán estar tituladas. En lugar visible deberán indicarse os datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría na que participan.

-Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

Cuarta.-Na modalidade de actividades cooperativizadas, poderanse presentar as memorias dos traballos realizados cooperativamente por grupos de alumnos/as, tales como: unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro.

A memoria describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

-Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñerlle un título ao traballo que resuma as súas intencións.

-Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

-Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

-Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordenado hai que celebrar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, os/as encargados/as de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense levantar actas das reunións nas que se deixe constancia de todo isto.

-Realización final. O traballo debe plasmarse finalmente nun produto dos establecidos para esta modalidade.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editadas en Times New Roman cun corpo de 12 puntos e

unhas marxes de 15mm en cadanseu borde. Tendo que entregarse dúas copias en papel e o seu soporte en sistema informático. Deberanse engadir, como anexos: o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como: fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

Quinta.-Os traballos que participen neste certame serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: dous representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha técnico/a especialista nas materias de debuxo e pintura e un/unha técnico/a especialista en audiovisual nomeados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a directora xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a. As decisións do xurado serán inapelables.

O xurado valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do produto elaborado.

Sexta.-Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

Modalidade de debuxo, pintura e/ou vídeo:

-Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 1.500 euros.

-Un accésit por cada categoría: os/as autores/as de cada traballo premiado recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor de 500 euros.

Modalidade de actividades cooperativizadas:

- Un premio ao mellor traballo por categoría consistente nunha dotación económica de ata un máximo de 1.500 euros, que contribuirá a financiar os gastos de realización da actividade.

Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase a súa entrega no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo. A relación de premiados e o lugar e data de entrega dos premios, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na paxina web www.cooperativasdegalicia.com.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Sétima.-Cada un dos centros educativos participantes poderá contar cunha compensación económica para os gastos derivados da realización das actividades de fomento do cooperativismo e da elaboración dos traballos ou memorias, ata un máximo de 1.000 euros. Os centros que desexen obter a reserva orzamentaria para as súas actividades poderán solicitar a validación do seu programa e orzamento, antes do 28 de febreiro de 2007. Os restantes centros tamén poderán contar coa referida compensación económica, se ben no caso de que a dotación orzamentaria prevista para este fin non resulte suficiente para satisfacer os gastos realizados, a súa contía será distribuída entre todos eles en proporción ao gasto realizado.

Para solicitar o pagamento da devandita compensación económica, os centros participantes neste certame deberán presentar, antes do 31 de maio de 2007, certificación emitida polo órgano competente comprensiva do informe das actividades realizadas e relación das facturas dos gastos, achegando copias compulsadas destas, copia do CIF do centro escolar e certificación bancaria en orixinal do número de conta do centro. Os documentos deberán presentarse na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela).

Oitava.-Os traballos dos/as alumnos/as debidamente identificados deberán entregarse, así mesmo, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas. O prazo de presentación finaliza o día 31 de maio de 2007. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo referidos anteriormente. Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxería urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

Novena.-O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institución que consideren oportunos, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos, pinturas e vídeos gañadores.

O Consello Galego de Cooperativas reservarase o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos/as gañadores/as, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que os/as participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.

Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade ao Consello Galego de Cooperativas, no caso de que os traballos resultaran danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estivesen

en poder destes. Os centros poderán recoller os traballos que non resulten premiados, nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

Décima.-A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e no seu defecto pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos destas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.

ANEXO II

Certame Cooperativismo no ensino dirixido a centros de formación profesional

Modalidade de proxectos empresariales cooperativos.

Primeira.-Poden participar neste certame e modalidade todos os centros educativos de Galicia que impartan formación profesional específica.

Segunda.-Establécense dúas fases:

* 1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

Os centros que desexen participar deberán desenvolver no seu centro educativo actividades de fomento do cooperativismo, tales como xornadas sobre o cooperativismo, visitas a cooperativas e calquera outra actividade que divulgue a fórmula empresarial cooperativa entre o alumnado do centro educativo.

Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de importantes valores sociais e que a súa práctica fomenta actitudes e valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada; as actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores, así como promocionar o cooperativismo como saída laboral dos alumnos de formación profesional.

Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.

* 2ª fase: concurso de proxectos empresariais cooperativos.

Os centros que realizasen as devanditas actividades poderán presentar un ou varios proxectos empresariais cooperativos a este concurso. En cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos/as, que deberán estar dirixidos na elaboración deste proxecto por un/ha profesor/a-director/a.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e formato electrónico que permita a súa posterior publicación.

Terceira.-Os proxectos presentados serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: dous/dúas representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha representante nomeado/a pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un/unha técnico/a especialista en cooperativismo nomeado/a pola Consellería de Traballo e a directora xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

Avaliarase a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación co contorno onde se desenvolven. As decisións do xurado serán inapelables.

Cuarta.-Os proxectos empresariais cooperativos presentados optarán aos seguintes premios:

Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo, coa seguinte dotación:

-3.000 euros que se repartirán entre os/as alumnos/as que elaboraron o proxecto.

-Unha viaxe para visitar experiencias cooperativas, por valor máximo de 1.000 euros, para o profesor/a-director/a do proxecto.

Dous accésit aos proxectos finalistas, coa seguinte dotación:

-1.000 euros para cada proxecto finalista, que se repartirán entre os/as alumnos/as que elaboraron cada un dos proxectos finalistas.

-300 euros en cheques para libros para cada un/unha dos/as profesores/as-directores/as dos proxectos finalistas.

Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase a súa entrega no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo. A relación de premiados/as e o lugar e data de entrega dos premios, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Quinta.-Cada un dos centros educativos participantes poderá contar cunha compensación económica para os gastos derivados da realización das actividades de fomento do cooperativismo e da elaboración dos proxectos, ata un máximo de 1.000 euros. Os centros que desexen obter a reserva orzamentaria para as súas actividades poderán solicitar a validación do seu programa e orzamento, antes do 31 de xaneiro de 2007. Os restantes centros tamén poderán contar coa referida compensación económica, se ben no caso de que a dotación orzamentaria prevista para este fin non resulte suficiente para satisfacer os gastos realizados, a súa contía será dis

tribuída entre todos eles en proporción ao gasto realizado.

Para solicitar o pagamento da devandita compensación económica, os centros participantes neste certame deberán presentar, antes do 31 de maio de 2007, certificación emitida polo órgano competente comprensiva do informe das actividades realizadas e relación das facturas dos gastos, achegando copias compulsadas delas, copia do CIF do centro escolar e certificación bancaria en orixinal do número de conta do centro. Os documentos deberán presentarse na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela).

Sexta.-Os proxectos empresariais cooperativos deberán entregarse, así mesmo, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas. Deberá xuntarse aos proxectos o currículun do grupo (nomes, apelidos, idades, estudos dos/as integrantes do grupo, así como do/a profesor/a-director/a).

O prazo de presentación finaliza o día 31 de maio de 2007. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega do proxecto no lugar e prazo referidos anteriormente. Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxería urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

Sétima.-O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de ningunha declaración por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e difundir os proxectos premiados nas condicións, cos medios e a través dos suxeitos, entidades ou institución que consideren oportunos.

O Consello Galego de Cooperativas reservarase o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos/as gañadores/as, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que os/as participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentar o proxecto.

Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade ao Consello Galego de Cooperativas, no caso de que os proxectos resultasen danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estivesen en poder deste. Os centros poderán recoller os proxectos que non resulten premiados, nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

Oitava.-A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos destas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA