DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2007 Páx. 1.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 28 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2007 e 2008 de programas experimentais en materia de emprego.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumíndose as funcións e os servizos transferidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

As directices de emprego da Unión Europea e os Plans Nacionais de Acción para o Emprego recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral das persoas desempregadas a través da información, a formación, a orientación profesional e a práctica laboral.

Con este obxectivo, a Consellería de Traballo articula programas experimentais de emprego, dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral coas persoas demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

A Orde TAS 2643/2003, do 18 de setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego, sinala na súa disposición adicional que «as comunidades autónomas que asumisen o traspaso da xestión realizada polo INEM no ámbito do traballo, o emprego e a formación, exercerán as funcións que esta orde lle atribúe a aquel, e que lles correspondan segundo o disposto nos reais decretos de traspaso... de acordo coas particularidades derivadas da organización propia delas».

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias, entre outras, en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto, e co fin de aumentar as posibilidades de inserción laboral en Galicia, establécese unha vía de colaboración, dirixida á inserción laboral de persoas demandantes inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, marcando obxectivos cuantificados e responsabilizando deles a entidades

sen ánimo de lucro a través da concesión de subvencións dirixidas á posta en marcha de programas experimentais.

Por outra banda, e co obxectivo de favorecer a inserción laboral e o mantemento da vida activa de traballadoras e traballadores que pasasen a unha situación de desemprego como consecuencia dunha situación de crise empresarial, favorecerase a posta en marcha de programas de emprego especificamente destinados a estas persoas.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, que a modifica, establece que poderán tramitarse, no exercicio inmediatamente anterior ao que se vaian imputar os correspondentes gastos, os expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas e subvencións derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente dos fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea, ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela, e que existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das medidas citadas.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 16.03.322B.481.0 e 16.03.322B.460.0, código de proxecto 2002 14460, que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

As subvencións reguladas nesta orde terán por obxecto a posta en marcha de programas de emprego dirixidos á colocación no mercado de traballo das persoas desempregadas, mediante o ensaio de fórmulas experimentais de actuación e tratamento integrado da inserción laboral.

Artigo 2º.-Definición de programa experimental.

Considerarase programa experimental de emprego o que ten por obxecto o desenvolvemento de plans integrais de emprego que combinen accións de diversa natureza, tales como: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Nestes plans integrais estableceranse obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral das persoas desempregadas participantes neles.

Non poderán ser entidades beneficiarias ou colaboradoras aquelas nas cales concorra algunha das causas expresadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 3º.-Destinatarios e destinatarias.

1. As accións a que se refire esta orde irán orientadas, con carácter xeral, á mellora da ocupabilidade e integración das persoas desempregadas sinaladas como prioritarias na definición anual do Plan de Acción para o Emprego:

a) Persoas con discapacidade.

b) Persoas inmigrantes.

c) Mulleres con problemas de integración laboral.

d) Persoas desempregadas en risco de exclusión social.

e) Perceptores e perceptoras de subsidios e prestacións por desemprego, da Renda Activa de Inserción ou da Renda de Integración Social de Galicia.

Todas as persoas as que se refiren as alíneas do a) a e) deberán figurar inscritas como demandantes de emprego.

De conformidade co establecido na Orde TAS 2643/2003, do 18 de setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego considerarase persoal destinatario específico destes programas as traballadoras e os traballadores que se atopen en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial que provoque a extinción da relación laboral do persoal traballador dunha empresa por algunha das causa sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores

2. Con carácter xeral, polo menos o 60% das persoas beneficiarias das accións que configuren estes plans experimentais de emprego deberán ser perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego. Esta porcentaxe será menor se o número de persoas beneficiarias perceptoras de prestacións ou subsidios inscritas como demandantes de emprego na localidade en que se vaia desenvolver o plan non acada a citada porcentaxe.

Quedarán excluídos deste requisito aqueles programas experimentais nos cales as persoas que participen sexan na súa totalidade desempregadas previamente admitidas ao programa de Renda Activa de Inserción ou se beneficien da Renda de Integración Social de Galicia.

3. O Servizo Público de Emprego seleccionará as persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación aos plans integrais, conforme os criterios xerais deste artigo, podendo a entidade beneficiaria participar no proceso de selección nos termos que se acorden no correspondente convenio de colaboración.

Artigo 4º.-Obxectivos.

1. Os programas establecerán obxectivos cuantificados de inserción laboral das persoas desempregadas participantes neles, de polo menos o 35% das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

Estes obxectivos reduciranse ao 30% cando todas as persoas participantes no programa sexan persoas desempregadas previamente admitidas ao programa de Renda Activa de Inserción e subscribisen o compromiso de actividade e/ou percepción da Renda de Integración Social de Galicia.

2. Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral se conseguiu cando, durante a vixencia do plan, a persoa desempregada sexa contratada como traballador ou traballadora por conta allea por unha duración non inferior a seis meses. Igualmente, considerarase que a inserción laboral se conseguiu cando, durante a vixencia do plan e durante un período dun ano como mínimo, se acredite a constitución en traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, das persoas desempregadas participantes neste plan.

3. O prazo de execución dos plans experimentais será como máximo de 12 meses.

Artigo 5º.-Entidades Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas desempregadas en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

1. Para o desenvolvemento dos plans integrais de emprego, o financiamento total determinarase no correspondente convenio de colaboración, en función do número de persoas que hai que atender e dos obxectivos previstos de inserción, sendo a cantidade máxima a percibir de 1.200 euros por persoa atendida e 3.500 euros por persoa atendida e inserida no mercado de traballo. En ningún caso, tendo en conta ambos os parámetros, poderá percibirse unha cantidade superior a 2.100 euros de media por persoa desempregada participante do plan.

No convenio de colaboración que se subscriba establecerase unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función das persoas demandantes de emprego inseridas, tendo en conta, non obstante, as persoas demandantes atendidas.

As cantidades, por persoa atendida ou inserida, determinaranse en función das características das persoas desempregadas que haxa que atender e inserir e a súa dificultade para integrarse no mercado de traballo.

2. En ningún caso, o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

Artigo 7º.-Gastos imputables.

1. A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos da entidade relativos a:

a) Os custos salariais e de seguridade social do persoal necesario para o apoio e/ou formación das

persoas demandantes de emprego, incluíndo o persoal que presta servizos na entidade beneficiaria e aqueloutro que puidese contratarse para tal fin, ata un límite de 30.000 euros anuais por traballadora ou traballador. No primeiro caso, imputaranse ao programa as partes proporcionais do tempo efectivamente dedicado ao proxecto.

As retribucións refírense á prestación de servizos a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

b) Gastos de axudas de custo e desprazamento deste persoal e das persoas demandantes que participen no plan.

c) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación das persoas desempregadas participantes no plan, así como as pólizas de seguros para a formación técnica e prácticas ocupacionais delas, en caso necesario.

d) Gastos de amortización de materiais e equipos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10% do custo total do proxecto.

e) Gastos xerais, materiais e técnicos, co límite do 25% do custo total do proxecto. Estes gastos inclúen os seguintes:

1) Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para as persoas participantes...) e de execución en material de oficina.

2) Gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente esta execución:

-Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, enxoral e equipamentos de arrendamento.

-Mantemento (se non está incluído no arrendamento).

-Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no arrendamento).

-Comunicacións (teléfono, correos...).

-Limpeza.

-Seguridade e vixilancia.

-Seguros de responsabilidade civil.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas deberán utilizar axeitadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación e, en todo caso, incluír en toda a documentación o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo).

3. Os dereitos de explotación dos proxectos e productos financiados serán cedidos á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, a persoa representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa

cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

Artigo 8º.-Requisitos da solicitude.

1. Todas as solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial recollido no anexo I desta orde.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, considerándose requisito imprescindible para a valoración da solicitude. Esta memoria fará referencia aos seguintes aspectos, na orde que se indica:

-Denominación do programa ou proxecto.

-Descrición do proxecto, incluíndo unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen, atendendo os distintos tipos e programas onde se enmarcan estas accións.

-Duración total do programa (número de meses), indicando a data de inicio e fin de cada unha das accións propostas.

-Lugar onde se van desenvolver as accións, especificando o enderezo completo.

-Colectivos a/os que vai dirixido o proxecto.

-Número de participantes.

-Valoración económica do custo total do proxecto, detallando os conceptos de gastos subvencionables e a estimación por persoa atendida e insertada, conforme o previsto nesta orde, así como o cofinanciamento da entidade subvencionada.

-Actividades, sectores e ámbito territorial en que se pretende actuar.

-Relación de medios materiais e recursos humanos dos cales se dispón ou dos cales se dotará a entidade solicitante, en que se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral, e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

-Obxectivos de inserción laboral previstos, que deberán ser polo menos os indicados no artigo 4.1º desta orde.

b) Copia compulsada da escritura pública de constitución e dos estatutos, onde conste que a entidade solicitante dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas as corporacións locais.

c) Orixinal ou copia compulsada da documentación acreditativa da capacidade da persoa representante legal da entidade solicitante, para actuar en nome e representación dela.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

e) Documentación que acredite a experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade das persoas demandantes de emprego.

f) Datos bancarios onde se desexe percibir a subvención (anexo II)

g) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades (anexo III).

h) Declaración de non estar incursa nalgunha das circustancias recollidas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención pola entidade interesada comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

5. De conformidade co establecido no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as entidades solicitantes poderán ser requiridas, se é o caso, polo órgano competente para a instrución, para que completen ou emenden os requisitos preceptivos sinalados nos puntos anteriores, no prazo de 10 días hábiles, a partir do seguinte ao da recepción da notificación correspondente.

6. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Traballo ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Criterios de valoración dos programas.

Nos plans integrais de emprego valoraranse os seguintes aspectos:

1. O número e as características dos colectivos desempregados que se vaian atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral: 25 puntos.

2. Recursos humanos e materiais axeitados para a atención aos colectivos correspondentes: 15 puntos.

3. Os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes que se vaian atender: 15 puntos.

4. O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto: 15 puntos.

5. A experiencia acreditada da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade das persoas demandantes de emprego en xeral, e particularmente respecto destas actuacións sobre colectivos de persoas desempregadas con especiais dificultades nestes procesos: 15 puntos.

6. Carácter innovador do programa que se vaia desenvolver: 15 puntos.

Artigo 11º.-Procedemento de concesión de subvencións.

1. O procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. A instrución dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. Unha vez analizadas as solicitudes presentadas, os expedientes serán sometidos ao informe dunha comisión de valoración composta polo subdirector xeral de Colocación e dúas persoas que formen parte do funcionariado adscrito á citada subdirección, unha das cales actuará como secretario ou secretaria.

4. O director xeral de Formación e Colocación, á vista do informe emitido pola comisión de valoración, ditará, logo da fiscalización pola intervención delegada, proposta de resolución motivada.

5. O procedemento de concesión finalizará coa sinatura dos correspondentes convenios de colaboración polo conselleiro de Traballo. As resolucións deberán ser notificadas ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se diten.

6. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro. Transcorrido o devandito prazo, esta entenderase desestimada.

7. A devandita resolución esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición diante do órgano que ditou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras persoas ou entidades posibles interesadas.

9. No caso que unha vez resolto o procedemento de concesión das subvencións non se atendesen as necesidades de actuación detectadas e existise dispoñibilidade orzamentaria suficiente, a Consellería de Traballo poderá abrir un novo prazo de presentación de solicitudes.

10. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Xustificación.

A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvecionables realizarase presentando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal:

-Copia compulsada do contrato.

-Copia compulsada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

-Copia compulsada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

-Copia compulsada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

-Copia do documento autenticado (transferencia bancaria ou cheque nominativo), que xustifique o pagamento das nóminas do persoal.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de axudas de custo e desprazamentos, contratación de medios externos, gastos de amortización de materiais ou equipamentos e gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.

A acreditación deste bloque de gastos farase mediante as facturas correspondentes, orixinais ou copias compulsadas, tendo en conta que todas as facturas presentadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención.

Artigo 13º.-Forma de pagamento.

1. O pagamento da subvención realizarase do seguinte xeito:

Procederase ao aboamento do 50 por 100 do total da subvención concedida para os anos 2007 e 2008, a partir do momento en que a entidade subvencionada presente a seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das accións (anexo IV).

b) Copia compulsada do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións.

c) Certificado de alta en Seguridade Social deste persoal.

d) Copia compulsada dos DNI das persoas que van participar nas accións.

e) Copia das tarxetas de demanda de emprego das persoas que van participar nas accións.

f) Ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, no que figure o nome, apelidos e NIF de cada unha das persoas que van participar nas accións.

g) Fichas de control de accións, correspondentes ao inicio, asinada por cada unha das persoas desempregadas participantes no plan.

2. O anticipo sinalado no parágrafo 1 deste artigo non poderá superar en ningún caso o importe da subvención concedida para o ano 2007.

3. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a entidade beneficiaria xustifique os libramentos anteriores, que nunca poderán superar o orzamento asignado para cada anualidade, nin serán superiores ao 75% do total da subvención concedida para os anos 2007 e 2008.

4. As entidades subvencionadas deberán efectuar a liquidación parcial da subvención no mes de xaneiro de 2008, polo que deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados con cargo á subvención, ata o 31/12/2007, consonte o previsto no artigo 14 desta orde, e por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación procederase a liquidar o importe que corresponda, de acordo coa xustificación presentada e cos anticipos percibidos pola entidade correspondentes á subvención concedida para o ano 2007.

5. Unha vez presentada a documentación requirida para a liquidación final, e comprobadas as actuacións sinaladas no artigo 15 desta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá á liquidación da subvención, tendo en conta que os gastos correspondentes a cada anualidade deberán ser imputados ao orzamento concedido para cada ano.

6. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades participantes nos programas experimetais deberán axustarse ao disposto no artigo 17 do o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, xustificando fidedignamente os pagamentos realizados con cargo á subvención (certificacións bancarias, transferencias bancarias ou cheque nominativo que xustifique o pagamento de nóminas, etc..).

Artigo 14º.-Requisitos para o aboamento final.

1. Unha vez finalizadas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar mediante certificación selada e asinada por quen represente a entidade, a realización das accións descritas.

2. Así mesmo, finalizadas as accións, e antes de proceder ao último pagamento, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

Artigo 15º.-Liquidación final.

1. Durante o mes seguinte ao de finalización da execución das accións obxecto da subvención, a entidade subvencionada presentará liquidación final dos gastos realizados, que conterá polo menos os seguintes datos:

a) Relación das persoas demandantes de emprego atendidas e das insertadas. Esta relación remitirase nun ficheiro informático, en formato de folla de cál

culo, no cal figure o nome e apelidos de cada usuario ou usuaria, así como o seu NIF.

b) Copia dos contratos de traballo de usuarios e usuarias que acadaron inserción laboral ou alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, colexio profesional e mutualidade que corresponda.

c) Fichas de control de accións, que se corresponden coa finalización delas, asinada por cada unha das persoas desempregadas participantes no plan.

d) Certificación de gastos realizados (anexo V), onde deberán constar os gastos de persoal e a relación de facturas, acompañada da documentación especificada no artigo 12 desta orde.

2. Xunto coa xustificación sinalada no punto anterior, a entidade beneficiaria deberalle presentar ao Servizo Público de Emprego, unha memoria final de actividades, onde se faga constar unha descrición detallada da execución do programa, dos colectivos atendidos e a identificación das persoas atendidas e/ou insertadas no mercado de traballo.

3. O Servizo Público de Emprego verificará o nivel de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica, de acordo cos termos establecidos no convenio de colaboración. Se nesa verificación se comprobara que a porcentaxe de inserción laboral das persoas usuarias atendidas é menor do obxectivo previsto no programa, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá a realizar o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 19 desta orde.

4. Ás entidades que, transcorrido o prazo dun mes dende a finalización das accións, non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos, poderá serlles exixido o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto no artigo 19 desta orde.

En caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Contido do convenio.

O convenio de colaboración especificará necesariamente.

a) Ámbito de aplicación.

b) Obxectivo xeral do programa e as diferentes liñas de actuación que desenvolverá a entidade beneficiaria para acadalo.

c) O número de persoas desempregadas que se van atender.

d) Os dereitos e obrigas das partes asinantes do convenio entre as que figurarán: os obxectivos de inserción, a definición da inserción por conta allea,

a subvención outorgada con especificación das cantidades que van ser percibidas por persoa atendida e persoa inserida e as cláusulas de redución da subvención no caso de incumprimento dos obxectivos.

e) No convenio poderán facerse constar as cláusulas que en cada caso sexan necesarias para asegurar o seu perfecto desenvolvemento, así como as accións de control por parte da Consellería de Traballo. Para os citados efectos crearase unha comisión mixta de seguimento do convenio.

f) A documentación necesaria para acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvencionables.

g) Requisitos para o aboamento e liquidación final.

Artigo 17º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Igualmente, as entidades beneficiarias están obrigadas a lle comunicar á oficina de emprego correspondente os datos básicos das persoas desempregadas que se incorporan ao programa experimental, así como as baixas e as novas incorporacións a el.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, o incumprimento dalgunha das obrigas sinaladas nesta orde, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

2. Así mesmo, a Consellería de Traballo poderá realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas nesta orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

No caso de leváranse a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Traballo, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde facilitarán o acceso ás instalacións en que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán a persoa responsable da visita e a persoa responsable da entidade. A sinatura da persoa res

ponsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 19º.-Reintegro das subvencións.

1. Procederá ao reintegro das cantidades percibidas nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade subvencionada das obrigas sinaladas nesta orde.

d) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos nesta orde ou na normativa que a desenvolva.

e) Obstaculización das actuacións de seguimento e control polas institucións facultadas, e incumprimento da obriga de información de datos.

2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade subvencionada das cantidades que excedan a contía a percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade subvencionada para a mesma finalidade, e en todo caso observarase o diposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Transcorridos seis meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos, o Servizo Público de Emprego poderá comprobar, se non fose posto en coñecemento neses momentos pola entidade beneficiaria da subvención, se o nivel de inserción laboral se corresponde co acreditado na liquidación da subvención, exixindo, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida. O procedemento de reintegro axustarase ao previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. No caso de que as insercións certificadas pola entidade beneficiaria correspondan a traballadores e traballadoras con inserción por conta propia, a comprobación sinalada no punto anterior levarase a cabo transcorrido un ano desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos.

Artigo 20º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que figuran no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 nas seguintes aplicacións: 16.03.322B.481.0, cun importe de 1.335.823 euros na anualidade de 2007 e de 1.000.000 euros na anualidade de 2008, e 16.03.322B.460.0, cun importe de 600.000 euros na

anualidade de 2007 e de 700.000 na anualidade de 2008.

Estas consignacións estarán supeditadas ás modificacións orzamentarais que se poidan realizar como consecuencia de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado.

A forma de pagamento prevista no artigo 13 desta orde estará condicionada á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.-De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Economía e Facenda publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas e entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Terceira.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais da comunidade autónoma de cada ano, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1º b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta de Galicia.

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Formación e Colocación para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Quinta.-En todo o non previsto nesta disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa a programas experimentais en materia de emprego (Orde TAS/2643/2003, do 18 de setembro, e Orde TAS/816/2005, do 21 de marzo), así como o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo