DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2007 Páx. 1.025

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 16 de xaneiro de 2007 pola que se declara de interese galego a Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), e se ordena a súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Innovación e Industria.

Con data do 12 de xaneiro de 2007, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 9 a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 20 de decembro de 2006, pola que se clasifica como de interese industrial a Fun

dación Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), adscribíndose á Consellería de Innovación e Industria, que terá que exercer o protectorado plenamente sobre ela.

A fundación ten por obxecto situar o sector de automoción de Galicia nunha posición de liderado europeo en competitividade, de maneira sustentada, contribuíndo ao progreso e á calidade do noso ámbito.

A fundación Ceaga poñerá en marcha proxectos de cooperación entre as distintas industrias que configuran o sector galego da automoción para alcanzar un maior nivel de competitividade deste sector que redunde no desenvolvemento económico xeral de Galicia, así como na creación de emprego e a formación profesional dos traballadores da Comunidade Autónoma galega.

Así mesmo, poderíamos citar entre os seus obxectivos, a mellora dos seguintes puntos:

Competitividade en calidade e custo.

Flexibilidade de adaptación aos cambios do mercado.

Innovación e capacidade texnolóxica.

Desenvolvemento do tecido industrial.

Cooperación sectorial.

Desenvolvemento integral das persoas.

Compromiso rexional.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro), e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declárase de interese galego a Fundación Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), ao cumprir os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Disposición adicional

Inscribirase a Fundación Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), na sección do Rexistro de Fundacións da Consellería de Innovación e Industria. Esta inscrición producirá os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, do réxime das fundacións de interese galego, (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria