DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2007 Páx. 1.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 261/2006, do 21 de decembro, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Cerdedo e Forcarei.

O concello de Cerdedo, con data do 8 de abril de 1997, solicitou o deslindamento do seu termo municipal respecto do municipio limítrofe de Forcarei no tramo comprendido entre os marcos un e once.

O expediente de deslindamento tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Durante a tramitación do expediente non existiu acordo entre os concellos de Cerdedo e Forcarei sobre o documento xurídico vixente definitorio da liña límite entre ambos os municipios. Resultando que o concello de Cerdedo defende como liña límite a descrita na acta do 13 de agosto de 1942 que non foi asinada polo concello de Forcarei por non comparecer malia estar citado en debida forma; mentres que o concello de Forcarei propón como liña límite a que se reflicte na acta do 10 de setembro de 1890, asinada polos dous concellos interesados. O deslindamento de 1890 non foi tomado en consideración na acta de 1942 e, como consecuencia, prodúcese unha contradición entre ambas as dúas actas.

A motivación da resolución deste expediente reside no seguintes fundamentos xurídicos:

1. De conformidade co disposto nos artigos 41 e 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslindamento dos seus termos, serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da deputación provincial respectiva, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo.

No expediente de deslindamento dos termos municipais de Cerdedo e Forcarei, existen dúas actas contraditorias entre si, de modo que o conflito se centra en determinar cal é o documento xurídico vixente que establece a liña límite entre ambos os municipios. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguindo a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35 do 17 de marzo de 2000, onde sinala que deslindar é identificar

e distinguir os lindeiros reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existir discrepancias ou contradicións arredor das lindeiras sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre as declaradas por actas precedentes e sucesivas no tempo.

En consecuencia, é necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para resolver o conflito. A súa participación en supostos de feito semellantes ao presente foi amparada polos órganos xurisdicionais. Neste sentido, cabe citar a sentenza número 486/2006, do 18 de maio, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relativa a un deslindamento no que existían dúas actas contraditorias que afirma: «O certo é que o xurdido entre ambas as corporacións é un conflito de límites (...) existe discrepancia coa liña límite que os une, polo que estamos en presenza da controversia á que se refire o artigo 10 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, 17 e seguintes do Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación das entidades locais, e 41 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia»; así mesmo a sentenza

número 705/2002, do 8 de maio, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sinala que: «o citado deslindamento (de 1940) se produciu sen facer a máis mínima referencia ao anterior de 1890, que consta formalizado debidamente no seu momento, e co que se mantiveron importantes diferenzas, que non se explican (...); así pois, a falta de seguranza no aspecto delimitatorio da zona dáo un simple repaso aos antecedentes; de modo que se xustifica que o Consello da Xunta de Galicia, como xenuíno órgano administrativo ao respecto e agora propio do país se dispuxese a decidir na controvertida cuestión».

2. A resolución deste expediente polo Consello da Xunta de Galicia non menoscaba os dereitos dos concellos afectados. Estes conservan o dereito a obter un pronunciamento xurisdicional sobre a controversia relativa á liña límite entre os seus termos municipais, toda vez que este decreto é susceptible de impugnación ante os órganos xudiciais. De modo que non se impide que o conflito sexa decidido mediante un pronunciamento xurisdicional como considerou procedente o ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia.

3. A acta do 10 de setembro de 1890 é o documento no cal aparecen por primeira vez definidos os límites xurisdicionais dos termos municipais de Cerdedo e Forcarei. Esta acta acredita un deslindamento anterior practicado, de conformidade entre os municipios interesados, cuxos representantes a asinaron de común acordo. Este deslindamento xurisdicional non consta anulado por ningún documento posterior.

Da xurisprudencia resulta que nos deslindamentos xurisdicionais deben, ante todo, terse en conta e por tanto darlle prioridade aos documentos que se refiran a deslindamentos anteriores practicados de

conformidade entre os municipios interesados (sentenzas do Tribunal Supremo do 8 de abril de 1967, 10 de decembro de 1984 e do 4 de decembro de 1987).

Por outra banda, un deslindamento anterior debidamente aprobado e consensuado non perde eficacia porque os acordos administrativos firmes non caducan polo transcurso do tempo.

4. Segundo consta no expediente de deslindamento, a acta do 10 de setembro de 1890 foi levantada de conformidade co Real decreto do 30 de agosto de 1889 e de común acordo entre as comisións de Cerdedo e Forcarei. Mentres que a acta do 13 de agosto de 1942 foi realizada en virtude da Lei para a publicación do mapa topográfico nacional, do 30 de setembro de 1870, e da Lei sobre formación do catastro parcelario de España do 23 de marzo de 1906.

A xurisprudencia do Tribunal Supremo sinala de forma reiterada a diferenza entre os deslindamentos realizados para os efectos de delimitación de termos municipais, e para os de efectos catastrais ou de formación do mapa topográfico. Neste sentido, cabe citar a sentenza do Tribunal Supremo do 26 de febreiro de 1983 que sinala: «o acto de deslindamento realizado o día 5 de novembro de 1889, ten o carácter dun verdadeiro deslindamento xurisdicional de termos (...) pola mención que se fai ao cumprimento do Real decreto do 30 de agosto de 1889 que ordenou aos concellos que procedesen á renovación dos fitos ou marcos permanentes que determinan as liñas divisorias dos seus respectivos termos municipais. (...) A acta levantada polos servizos correspondentes do Instituto Xeográfico e de Estatística, nos días 22 e 23 de abril, ao ter como únicos e específicos fins os de confección e publicación do mapa topográfico nacional e para a formación do catastro parcelario de España, conforme a Lei do

30 de setembro de 1870 e a Lei do 23 de marzo de 1906 respectivamente e, ao non participar da natureza propia dos deslindamentos xurisdicionais de termos municipais, non pode estimarse con superior e igual valor que a referida acta do 5 de novembro de 1889 polo que de seu debe prevalecer esta sobre aquela».

Así mesmo, a sentenza do Tribunal Supremo do 30 de outubro de 1979 afirma: «do encabezamento da acta do 5 de setembro de 1956, onde expresamente se sinala que a finalidade, infírese que non é a de producir un deslindamento xurisdicional entre os dous municipios, senón dar cumprimento ao que dispón a Lei para a publicación do mapa e sobre formación do catastro parcelario de España, consistente en esencia en comprobar os límites dos dous municipios á vista dos datos existentes con anterioridade; é certo, por consecuencia, que nos atopamos ante un acto de natureza exclusivamente material. (...) A inexistencia de anteriores deslindamentos xurisdicionais (...) fai necesario acudir a medios subsidiarios ou doutra especie e de entre eles é notorio destacar pola súa transcendencia, a mencionada acta do 5 de setembro de 1956».

Esta doutrina aparece recollida, entre outras, nas sentenzas do Tribunal Supremo do 19 de xaneiro de 1970, 8 de febreiro do 1977 e na sentenza número 486/2006, do 18 de maio, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Da aplicación desta xurisprudencia resulta que a finalidade da acta do 10 de setembro de 1890 é producir un deslindamento xurisdicional entre dous termos municipais, así consta na propia acta que sinala que «postas de acordo ambas comisións, determinaron dar principio ao deslindamento e marcaxe da liña divisoria dos dous termos municipais». Finalidade que non ten a acta do 13 de agosto de 1942 polo que o seu valor non pode ser igual nin superior á acta anterior.

5. O Instituto Xeográfico Nacional, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia estimaron nos seus preceptivos informes que debía prevalecer a liña límite descrita na acta de deslindamento de 1890.

Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e un de decembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Resolver a cuestión suscitada entre os concellos de Cerdedo e Forcarei sobre o deslindamento dos seus termos municipais, no sentido de considerar válida e vixente a liña límite xurisdicional que se describe na acta de deslindamento do 10 de setembro de 1890, tal e como se representa no mapa topográfico a escala 1:10.000 do Instituto Xeográfico Nacional que figura como anexo deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que coiden oportuno.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia,

Administracións Públicas e Xustiza