O Decreto 109/2006, do 30 de xuño, polo que se derroga o Decreto 218/1987, do 23 de xullo, polo que se regula a nova estrutura dos padroados para a mellora do medio rural, suprime os padroados provinciais para a mellora do medio rural. No desenvolvemento do dito decreto faise necesaria a constitución dunha comisión liquidadora en cada provincia, para o libramento das axudas xa concedidas e devolución dos anticipos e préstamos por amortizar no momento da entrada en vigor do citado Decreto 109/2006, do 30 de xuño.
A disposición derradeira primeira do Decreto 109/2006, do 30 de xuño, faculta o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do dito decreto.
Por todo iso,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Xuntas liquidadoras.
Créanse as xuntas liquidadoras dos padroados para a mellora do medio rural das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que se constituirán no prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor desta orde, coa composición que se establece no artigo seguinte.
Artigo 2º.-Composición e réxime xurídico.
1. As xuntas liquidadoras dos padroados para a mellora do medio rural estarán compostas polos seguintes membros:
O delegado/a provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que actuará como presidente/a, o secretario/a da mesma delegación provincial e un/unha funcionario/a designado polo dito delegado/a que actuará como secretario/a.
2. As xuntas liquidadoras axustarán o seu funcionamento ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.
Artigo 3º.-Funcións.
1. As xuntas liquidadoras realizarán todas as actuacións necesarias para o libramento das axudas concedidas e devolución de anticipos e préstamos por amortizar, pendentes no momento de entrada en vigor do Decreto 109/2006, do 30 de xuño, imputándoselle os correspondentes pagamentos e cobramentos á Facenda da comunidade autónoma.
2. Unha vez efectuada a liquidación, renderán a súa conta xustificativa á Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que procederá ao exame e, se é o caso, á súa aprobación.
3. As xuntas liquidadoras disolveranse no momento en que a conta xustificativa sexa obxecto de aprobación.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2007.
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza