DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2007 Páx. 740

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Preámbulo

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, determina a creación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal, como un ente de dereito público con personalidade xurídica de seu, aínda que sometido

á dirección estratéxica da consellería competente en materia de agricultura. Establece tamén que axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico privado salvo cando exercite potestades administrativas.

Segundo recolle esta lei, un dos principais campos de actuación do Ingacal será a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario galego. Con iso preténdese corrixir o déficit que nesta materia se produce na nosa comunidade autónoma que, aínda tendo un sector primario cun peso relativo importante e unha destacada actividade agroindustrial, debido á escasa dimensión da maioría das nosas industrias agrarias e alimentarias, a investigación neste campo é certamente insuficiente. O Ingacal pretende actuar de dinamizador, colaborando coa industria agraria e alimentaria e promovendo e participando directamente en actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico neste ámbito, cando se dean circunstancias de interese estratéxico, insuficiente participación dos axentes económicos ou necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector agrario e alimentario. Tamén desenvolverá actividades de investigación no eido dos procesos produtivos

primarios, con especial atención aos aspectos da calidade e seguridade alimentaria, aos axentes biolóxicos causantes de enfermidades, principalmente zoonoses, e ao mantemento do ambiente. Ademais, e dado o carácter eminentemente aplicado e finalista das actividades de investigación, corresponderalle ao Ingacal desenvolver as actuacións de formación e transferencia de tecnoloxía nas materias da súa competencia, en colaboración coa subdirección xeral con competencias en materia de formación e transferencia tecnolóxica da consellería competente en materia de agricultura.

Deste xeito preténdese, para dar a necesaria coherencia ao sistema, que a investigación no sector alimentario se entenda como un único corpo que abrangue desde o relativo á produción das distintas materias primas ata os seus procesos de transformación industrial e a súa posta á disposición dos consumidores, visión global cada vez máis asumida pola política agroalimentaria da Unión Europea, e de xeito especial, en materia de seguridade alimentaria, o que se concreta na obriga de implantar sistemas de trazabilidade ou rastrexabilidade para coñecer o historial dun produto desde a súa produción primaria ata o seu consumo, o que se resume na xa coñecida frase «desde a granxa ata a mesa».

Trátase, en definitiva, de dar ao complexo agroindustrial galego o soporte científico e tecnolóxico necesario para o seu desenvolvemento sustentable co obxectivo final da mellora da calidade da produción alimentaria.

A Consellería do Medio Rural é competente en materia de investigación agraria e forestal. Para o exercicio destas competencias a Xunta de Galicia dispón dun conxunto de centros, servizos e unidades con investigadores, técnicos e persoal auxiliar.

Porén, para o cumprimento destas funcións, cada vez requírese unha maior especialización do persoal e unha maior axilidade e autonomía na xestión, en particular, das fontes de financiamento e no uso dos medios materiais e humanos. A dita autonomía é así mesmo necesaria nas relacións coas empresas, cos consellos reguladores e con outros centros de investigación que poidan esixir convenios e concertos para materializar a dita colaboración.

Polo anterior, o obxectivo fundamental do Ingacal será o desenvolvemento da investigación agrícola, gandeira e alimentaria, o impulso do desenvolvemento e a transferencia tecnolóxica e a dinamización de iniciativas que comporten novas orientacións produtivas ou de adecuación ao mercado e ás súas exixencias, actuando como medio propio da Administración en áreas basicamente tecnolóxicas como son a investigación e transferencia de tecnoloxía, a certificación da calidade ou a promoción de iniciativas de desenvolvemento específicas, así como o asesoramento ao tecido agroalimentario naqueles aspectos relacionados coa calidade dos alimentos.

O outro aspecto fundamental que a Lei 2/2005 atribúe ao Ingacal o constitúe a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.

Para iso, o Ingacal pretende ser unha importante ferramenta para facilitar o funcionamento dos consellos reguladores, sobre todo dos de pequena dimensión, que atopan actualmente importantes obstáculos para realizar de xeito eficiente o seu traballo, debido á dificultade de afrontala con medios materiais e humanos limitados. En efecto, o exercicio das funcións que a lexislación vixente recoñece como propias dos consellos reguladores supón un labor de notable complexidade. Se a isto se une que o desenvolvemento eficaz destas funcións constitúe o factor que caracteriza a credibilidade da propia denominación, haberá que concluír que estes órganos precisan ter unha estrutura de funcionamento eficiente desde o momento da súa constitución. A xestión dos distintos rexistros, o control das entradas e saídas de produtos das industrias, a comprobación da súa calidade e das circunstancias conducentes á certificación do produto final, supoñen un conxunto de tarefas administrativas e técnicas, de

campo e de gabinete, de considerable magnitude.

A isto hai que engadir que a normativa comunitaria e a propia lei galega de promoción e defensa da calidade alimentaria, así como a Lei estatal básica 24/2003, no caso das denominacións de orixe de viños, exixen que estes consellos cumpran a norma internacional de calidade para entidades que certifican produto, UNE-EN-45011, que garante a independencia e imparcialidade do órgano de control e certificación.

Todo isto obriga a que calquera consello dispoña dunha estrutura organizativa de certa complexidade, que representa un custo económico de implantación

e funcionamento elevado, por pequeno que sexa o ámbito da denominación, xa que esta estrutura mínima necesaria é realmente gravosa.

Este elevado custo é un importante obstáculo para o funcionamento dos consellos reguladores e limita a posibilidade de creación de novas denominacións de calidade para produtos que, polo reducido volume de negocio que inicialmente poidan xerar, dificilmente poderían manter esa estrutura.

Por outra banda, todos os consellos reguladores dependen en maior ou menor medida das subvencións da Administración autonómica, e salvo algunha excepción, dificilmente sobrevivirían sen axudas públicas. A normativa da Unión Europea limita cada vez máis as axudas ao seu funcionamento como órganos de control e certificación, determinando que deben ser decrecentes anualmente ata desaparecer a medio prazo, polo que nese período os consellos reguladores deberían chegar ao autofinanciamento. Isto podería supor a desaparición de gran parte dos consellos actuais e volve ser un grave obstáculo para o nacemento de novas denominacións.

Neste sentido pois, o Ingacal pretende ofertar os seus servizos aos distintos consellos reguladores que voluntariamente o demanden, co fin de optimizar os recursos e reducir os custos de funcionamento grazas ao efecto de escala, e contribuír á profesionalización, especialización e mellora da calidade dos servizos realizados.

En estreita relación co anterior, será o Ingacal ademais o organismo de xestión e control das marcas de calidade do sector agroalimentario ás que se refire o artigo 30 da citada Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como da artesanía alimentaria de Galicia.

Ademais, a lei galega citada regula a natureza, obxectivos e funcións, réxime económico, patrimonial e orzamentario do Instituto, as súas relacións coa Administración, así como os seus órganos de dirección, aspectos que requiren o axeitado desenvolvemento regulamentario.

Polo exposto e en virtude das atribucións que confire a Lei 11/1988, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica e adscrición.

1. Conforme o disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o Instituto Galego da Calidade Ali

mentaria, Ingacal, é un ente de dereito público con personalidade xurídica de seu, dos previstos no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. De acordo co previsto na citada lei, o Ingacal adscríbese á consellería competente en materia de agricultura quedando baixo a dependencia do seu titular. Esta consellería prestará apoio técnico e administrativo ao Instituto.

Artigo 2º.-Funcións.

1. De conformidade co disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, o Ingacal é o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Así mesmo, é obxecto do Instituto a investigación e desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario.

2. Para o cumprimento dos obxectivos que recolle o artigo 32 da citada lei, encoméndaselle ao Ingacal a realización das seguintes actuacións:

a) En materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico:

-Determinar e canalizar as demandas científico-técnicas e analíticas do sector agrario e alimentario de Galicia, tendo en conta as súas necesidades mediante procedementos eficaces de participación dos axentes socioeconómicos afectados nas distintas áreas de traballo.

-Elaborar e propor, con base nas conclusións derivadas da anterior epígrafe e tendo en conta os obxectivos e instrumentos dos plans galegos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación vixentes en cada momento, os programas e proxectos de investigación e experimentación agraria, para a súa aprobación pola consellería competente en materia de agricultura.

-Desenvolver e executar os citados programas e proxectos, asinando os convenios que fose oportuno establecer con terceiras entidades nas condicións que se establezan. Para o cumprimento desta finalidade poderá tamén solicitar recursos materiais e humanos aos plans de investigación e desenvolvemento tecnolóxico estatal e europeo.

-Establecer as fórmulas de extensión e posta en valor dos resultados dos traballos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, tendo en conta o interese xeral agrario e alimentario de Galicia, en colaboración cos órganos competentes en materia de formación e transferencia de tecnoloxía agrarias.

-Asesorar en materia de investigación, desenvolvemento e innovación, no marco das competencias da Administración agraria, aos órganos dependentes da Comunidade Autónoma galega, da Administración do Estado e ás explotacións e empresas do sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario que o soliciten.

-Establecer, dentro do ámbito agroalimentario, as fórmulas específicas de recrutamento, formación e actualización do persoal investigador, así como as de intercambio con outros centros de investigación, deseñando, se non houber no cadro de persoal do que se trata, unha representación equilibrada dos sexos, medidas de acción positivas a prol do sexo menos representado.

-Desenvolver, no eido do sector agroalimentario, traballos en colaboración con empresas ou entidades, dentro do ámbito de protección da propiedade intelectual e patentes que se conveñan, tendo en conta os principios de xusta reciprocidade, colaboración ou compensación.

-Desenvolver as actuacións derivadas de convenios con outras Administracións e entidades públicas ou privadas que lle encomende a consellería competente en materia de agricultura.

-Coordinar os centros de investigación, estacións experimentais a eles adscritas e o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, dependentes da Consellería do Medio Rural.

-Elaborar estudos, informes e estatísticas relacionadas co sector agrario e alimentario galego.

-Impartir cursos de divulgación dos coñecementos do Instituto para a especialización e reciclaxe de técnicos e profesionais nas distintas materias así como cursos dirixidos aos consumidores sobre as características e bo uso dos produtos galegos de calidade.

-Desenvolver os traballos de investigación e coordinación precisos para establecer os parámetros e condicións de calidade aplicables ás distintas producións, así como para definir e propor as figuras de calidade e protección daquelas.

-Desenvolver actuacións de colaboración e apoio á xestión e ás actividades doutras unidades da consellería competente en materia de agricultura e os seus organismos e entes dependentes e, en particular, cos centros de formación e transferencia tecnolóxica.

b) En materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos acollidos aos distintos indicativos de calidade:

-Actuar como medio propio da Administración na execución de cantos controis se lle encarguen en relación coa calidade, seguridade alimentaria e etiquetaxe dos produtos, así como coa seguridade e condicións das materias primas e a trazabilidade da produción alimentaria.

-Promover o consumo dos produtos amparados polas denominacións e indicativos de calidade e o recoñecemento de novas denominacións xeográficas e doutras figuras de protección da calidade que se estimen de interese xeral para a comunidade autónoma.

-Fomentar a introdución de sistemas de trazabilidade e, en xeral, de aseguramento da calidade, na industria alimentaria galega.

-Realizar o control e certificación daquelas figuras de calidade que se lle encarguen.

-Efectuar, logo da formalización do correspondente acordo, aqueles traballos relacionados coa certificación de produtos que lle sexan solicitados por un consello regulador ou outra entidade titular dunha figura de protección da calidade, como análises fisico-químicas ou organolépticas, inspeccións e verificacións.

-Prestar, ademais, calquera outro tipo de servizos aos consellos reguladores ou outras entidades, necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, como xestión de rexistros, contabilidade, xestión de aplicacións informáticas, asesoramento técnico e legal, secretariado, realización de estudos, informes e estatísticas, ou representación en feiras e certames comerciais.

-Actuar como auditor externo dos consellos reguladores e demais entidades titulares de figuras de calidade, para os efectos da aseguranza da calidade que establece a normativa específica e actuar como órgano de control das distintas entidades de certificación de produtos alimentarios que operen na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Propor e informar sobre a autorización, modificación, suspensión ou revogación dos consellos reguladores.

-Desempeñar as funcións relacionadas coa xestión en materia da artesanía alimentaria, tales como control do uso do indicativo da artesanía, xestión do rexistro de artesanía alimentaria, comprobación do cumprimento dos requisitos para a obtención da condición de artesán e empresa artesanal e elaboración das normas técnicas de cada produto.

-Exercer cantas funcións se lle encomenden en materia de control e certificación da produción ecolóxica e integrada na comunidade autónoma.

-Actuar como organismo de control e xestión das marcas do sector agroalimentario ás que fai referencia o artigo 30 da Lei 2/2005.

3. Ademais o Ingacal poderá realizar calquera outra función que se lle encomende en relación cos seus obxectivos ou calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente.

Artigo 3º.-Facultades do Instituto.

No exercicio das súas funcións e para o cumprimento dos seus obxectivos o Ingacal poderá realizar, entre outras, as seguintes accións:

a) Realizar toda clase de actividades económicas e financeiras sen máis limitacións que o disposto na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, neste decreto e nas disposicións que lle sexan de aplicación. Poderá subscribir todo tipo de contratos e acordos, prestar servizos, outorgar

avais dentro do límite máximo fixado na Lei de orzamentos xerais da comunidade de cada exercicio, contraer préstamos e, así mesmo dentro dos límites que fixe a dita lei, promover ou participar en sociedades, fundacións, consorcios e outras figuras xurídicas análogas, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda e sempre que o requira o exercicio das competencias que ten encomendadas o Instituto.

b) Adquirir, allear por calquera título, permutar, reivindicar, alugar ou posuír toda clase de bens e dereitos.

c) Conceder créditos, axudas e subvencións para a realización dos fins que lle son propios.

d) Exercitar as accións e interpor os recursos establecidos nas leis.

e) Realizar e contratar estudos, asesoramentos e traballos técnicos.

f) Subscribir convenios con administracións públicas e empresas e institucións públicas e privadas, sempre que os coñecementos e a información obtida ao abeiro destes teñan interese público no sector agroalimentario.

g) Obter subvencións e garantías da comunidade autónoma e doutras entidades e institucións públicas.

h) Promover e establecer acordos de todo tipo con empresas, organismos, institucións, asociacións e expertos que poidan contribuír ao logro dos fins e funcións do Ingacal.

i) Ceder a terceiros, mediante a subscrición de contratos ou convenios que compensen na súa xusta medida, os dereitos de explotación de patentes e obtencións derivados da súa actividade investigadora.

j) Así mesmo, poderá participar nas convocatorias públicas de subvencións e axuda a proxectos e infraestrutura de investigación, así como nas de bolseiros e contratos de persoal investigador convocadas por institucións do ámbito galego estatal, e supraestatal.

Capítulo II

Organización

Artigo 4º.-Órganos de goberno.

1. Os órganos de goberno do Instituto son o Consello de Dirección, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Dirección.

2. Ademais, o Ingacal contará cun Consello Asesor, un comité consultivo das denominacións de calidade e un comité científico, como órganos de asesoramento e consulta en materias de protección e promoción da calidade e da actividade científica e técnica.

Artigo 5º.-O Consello de Dirección.

1. O Consello de Dirección é o órgano colexiado de goberno do Instituto. Está formado polo presidente

ou presidenta do Ingacal, que o será tamén do consello, o vicepresidente ou vicepresidenta, o director ou directora e catro vogais. A persoa que realice as funcións da secretaría do Consello de Dirección será nomeada polo presidente ou presidenta do Ingacal.

2. Os vogais serán nomeados polo titular da consellería competente en materia de agricultura, tres deles entre altos cargos e funcionarios pertencentes a dita consellería e aos seus organismos e entes dependentes, e con responsabilidades relacionadas coa produción agropecuaria, a industrialización, a comercialización, a calidade alimentaria, a investigación, a transferencia de tecnoloxía, a formación agraria e o desenvolvemento rural, e un en representación da Consellería de Economía e Facenda por proposta do seu titular. Cando menos, dous dos membros representantes da consellería competente en materia de agricultura, estarán relacionados coa investigación agraria e a transferencia de tecnoloxía.

3. Do mesmo xeito serán designados outros tantos vogais suplentes que asistirán ás sesións en substitución dos titulares e cos mesmos dereitos e obrigas que estes, nos casos de ausencia, enfermidade ou cando concorra causa xustificada.

4. Os membros do consello cesarán nos seus cargos e perderán a súa condición de tales nos seguintes casos:

a) Por perda da condición persoal pola que foron nomeados.

b) Por renuncia do interesado, comunicada por escrito á Presidencia do Consello e aceptada por esta.

c) Por decisión do órgano designante.

5. Ás sesións do consello poderán asistir eventualmente e logo da convocatoria da Presidencia, persoas con coñecementos técnicos ou científicos nas materias que se vaian tratar e cuxa colaboración se estime conveniente. Estas persoas asistirán ás sesións do consello con voz pero sen voto.

Artigo 6º.-Funcións do Consello de Dirección.

Correspóndenlle ao Consello de Dirección as máis amplas facultades de goberno e administración do Ingacal, sen máis limitacións que as establecidas polas leis e, especialmente, o exercicio das seguintes funcións:

a) Establecer as liñas de actuación do Ingacal a través de plans e programas de actuación, dentro dos obxectivos marcados pola consellería á que está adscrito, tendo en conta o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación en materia agropecuaria, forestal, tecnoloxía de alimentos e ambiente.

b) Aprobar o anteproxecto de orzamentos do Instituto, que será remitido á consellería competente en materia de agricultura para a súa inclusión no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

c) Aprobar a memoria de actividades do Instituto, o balance e a conta de perdas e ganancias, que serán remitidas ao Consello de Contas.

d) Decidir sobre a constitución ou participación en sociedades, a aceptación de encomendas de xestión, a autorización de contratos por importe superior a 60.000 A e, en xeral, sobre todas as cuestións relacionadas coa organización, o funcionamento e as operacións que ten que realizar o Ingacal, sen prexuízo das facultades atribuídas por este decreto á Presidencia, á Dirección e aos demais órganos nel previstos, e das que sexan delegadas na Presidencia ou na Dirección.

e) Aprobar o regulamento de réxime interior do Instituto.

f) Controlar a xestión do Instituto.

g) Aprobar a relación xeral de postos de traballo do Instituto, como instrumento técnico a través do cal se articulará a ordenación e rexistro de todo o persoal do Ingacal e dos postos que ocupan.

A citada relación será negociada co órgano de representación do persoal laboral e establecerá o sistema de clasificación profesional, o sistema de provisión e asignación dos postos de traballo e o sistema retributivo.

h) Decidir sobre os demais asuntos que lle someta a Presidencia do Instituto.

Artigo 7º.-Réxime de funcionamento do Consello de Dirección.

1. O consello constituirase de modo efectivo na primeira sesión que se celebre.

2. A persoa que exerza as funcións da secretaría realizaraas con voz pero sen voto. O seu nomeamento poderá recaer nunha persoa adscrita á estrutura administrativa do Instituto. As súas funcións serán:

a) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da Presidencia, así como as citacións aos membros do consello.

b) Preparar o despacho dos asuntos.

c) Levantar acta das sesións e expedir as certificacións dos acordos aprobados co visto e prace da Presidencia.

d) Recibir e custodiar as comunicacións que, sobre asuntos do consello, lle presenten os seus membros, igual que os libros de actas.

e) Calquera outra inherente á súa condición de secretario dun órgano colexiado, de acordo coa normativa vixente, así como as que lle encomende a Presidencia do Consello en relación co seu funcionamento.

3. Para a válida constitución do consello, para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase en primeira convocatoria a presenza dos titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, dos que os substitúan, e da metade polo menos do resto dos seus membros.

Transcorrido o prazo que estableza a Presidencia, para o quórum en segunda convocatoria requirirase a presenza dos titulares da Presidencia e da secretaría ou, de ser o caso, dos que os substitúan, e cando menos un terzo do resto dos seus membros.

4. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Os acordos serán adoptados por maioría de votos dos asistentes. A Presidencia dirime co seu voto de calidade os empates.

5. O consello reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ao semestre; así mesmo poderá reunirse, con carácter extraordinario, a iniciativa da Presidencia ou a petición xustificada de, cando menos, a metade máis un dos seus membros.

6. Os gastos de funcionamento do consello financiaranse mediante os créditos habilitados para estes efectos no orzamento do Instituto.

7. O consello poderá elaborar normas de funcionamento interno que complementen o disposto neste artigo.

Artigo 8º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do Ingacal desempeñaraa, por razón do seu cargo, o titular da consellería competente en materia de agricultura.

2. Quen desempeñe a Presidencia representará ao Ingacal en toda clase de actos e negocios xurídicos e exercerá no seu nome as accións e recursos que procedan.

3. Correspóndelle ademais á Presidencia:

a) Ordenar a convocatoria do consello, fixar a orde do día e presidir e dirixir as sesións deste.

b) Velar polo cumprimento das directrices marcadas polo Consello de Dirección e a Xunta de Galicia.

c) Propor a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento do Ingacal.

d) Ser o órgano de contratación do Instituto, correspondéndolle polo tanto a facultade de celebrar convenios e contratos, sen prexuízo do establecido na letra d) do artigo 6º no relativo ás competencias do Consello de Dirección nesta materia.

e) Someter á consideración do Consello Asesor cantas propostas e asuntos estime convenientes para o o mellor cumprimento das finalidades do Instituto.

f) Nomear, por proposta da Dirección, os representantes do Instituto nas sociedades ou entidades por este creadas ou nas que participe.

4. A Presidencia poderá delegar na Vicepresidencia ou na Dirección calquera función específica, excepto aquelas que teña delegadas polo Consello de Dirección.

Artigo 9º.-A Vicepresidencia.

1. A Vicepresidencia do Ingacal desempeñaraa, por razón do seu cargo, o titular da dirección xeral competente en materia de promoción e calidade agroalimentaria.

2. A Vicepresidencia exercerá as funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia e substituirá o seu titular no caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 10º.-A Dirección.

1. A Dirección é o órgano executivo e de xestión do Instituto. O seu titular será nomeado e separado polo Consello de Dirección por proposta da Presidencia e dependerá funcional e organicamente do titular da dirección xeral competente en materia de investigación agraria. O seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada nos termos previstos na lexislación vixente.

2. Á Dirección do Ingacal correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Dar cumprimento aos acordos do Consello de Dirección.

b) Propor ao Consello de Dirección as liñas estratéxicas de actuación do Ingacal, o programa anual de actividades e o anteproxecto de orzamentos.

c) Elaborar os plans e estratexias do Instituto, de acordo coas directrices e orientacións que sexan fixadas polo Consello de Dirección e someter as correspondentes propostas á aprobación dese órgano cando proceda.

d) Realizar a avaliación dos plans e estratexias, propoñendo, de ser o caso, a revisión duns e outras.

e) Xestionar o Ingacal, elaborar a memoria anual, o balance e a conta de perdas e ganancias, e dar conta da súa xestión ao Consello de Dirección.

f) Autorizar e dispor os créditos e dotacións, recoñecer as obrigas e ordenar os pagos do Ingacal, de acordo co establecido na normativa vixente.

g) Propor a elaboración das disposicións normativas necesarias para a mellor execución das competencias atribuídas ao Instituto.

h) Asistir á Presidencia no exercicio das súas funcións.

i) Elaborar a proposta de estrutura e dotación de persoal do Instituto.

j) Exercer a dirección administrativa e de persoal do Instituto.

k) Coordinar e controlar o funcionamento dos servizos e as dependencias do Instituto.

l) Desenvolver as funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia ou polo Consello de Dirección. Ademais, competeralle tamén o exercicio de todas as facultades non encomendadas pola normativa reguladora do Instituto ao Consello de Dirección ou á súa Presidencia.

Artigo 11º.-O Consello Asesor.

1. Para o mellor exercicio das competencias dos órganos aos que se refiren os artigos anteriores, créase o Consello Asesor, como órgano de consulta e asesoramento do Ingacal e de participación dos axentes socioeconómicos relacionados cos obxectivos e funcións do Instituto.

2. O Consello Asesor estará presidido polo presidente ou presidenta do Instituto, que poderá delegar no vicepresidente ou vicepresidenta, e estará composto polos seguintes vogais, nomeados pola Presidencia:

a) Dous vogais da consellería competente en materia de agricultura e un vogal da consellería competente en materia de pesca con coñecementos técnicos nos ámbitos de actividade do Instituto.

b) Tres vogais en representación das organizacións profesionais agrarias con maior implantación en Galicia, nomeados tras a proposta daquelas.

c) Dous vogais en representación do sector cooperativo agrario galego, nomeados por proposta das organizacións máis representativas do sector.

d) Dous vogais en representación dos centros de investigación e centros tecnolóxicos do ámbito agrario e alimentario da Xunta de Galicia nomeados por proposta destes.

e) Tres vogais en representación das industrias alimentarias, nomeados por proposta das organizacións empresariais agroalimentarias máis representativas da comunidade autónoma, un deles en representación da industria alimentaria artesanal.

f) Tres vogais en representación dos consellos reguladores das denominacións xeográficas e outros indicativos de calidade, nomeados por proposta deles.

g) Dous vogais en representación das universidades públicas de Galicia, nomeados por proposta dos seus órganos de goberno.

h) Un vogal en representación das organizacións de consumidores, nomeado por proposta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

i) Un vogal en representación dos sindicatos de persoal da Xunta de Galicia, nomeado por proposta daqueles.

j) As persoas que desempeñen a Dirección e a Vicepresidencia do Ingacal.

3. Do mesmo xeito serán designados outros tantos vogais suplentes que poderán asistir ás sesións en substitución dos titulares e cos mesmos dereitos e obrigas que estes, nos casos de ausencia, enfermidade ou cando concorra causa xustificada.

4. Os vogais do Consello Asesor cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento, condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público ou por decisión da autoridade ou organización que os propuxese.

5. Os vogais ocuparán o seu cargo durante un máximo de catro anos, sendo renovable o seu mandato por períodos de idéntica duración, sen prexuízo do disposto para os casos de substitución e da posibilidade da suplencia.

6. A Secretaría será exercida por quen desempeñe este cargo no Consello de Dirección e coas mesmas funcións, actuando con voz pero sen voto.

7. Ás sesións do Consello Asesor poderán asistir eventualmente e logo da súa convocatoria pola Presidencia, persoas con coñecementos técnicos e científicos nas materias que se van tratar e cuxa colaboración se estime conveniente. Estas persoas asistirán ás sesións do Consello Asesor con voz pero sen voto.

Artigo 12º.-Funcións do Consello Asesor.

O Consello Asesor terá as seguintes funcións:

a) Asesorar o Consello de Dirección na elaboración dos plans e programas de actuación do Instituto.

b) Propiciar o acercamento entre universidades, centros tecnolóxicos e de investigación e o sector produtivo e empresarial de Galicia, de cara a facilitar a transferencia de tecnoloxía e de recursos, propoñendo ao Consello de Dirección a celebración dos convenios e acordos de colaboración que sexan pertinentes.

c) Divulgar entre os axentes económicos e sociais os cometidos do Instituto.

d) Promover e impulsar todas as actividades que faciliten o cumprimento dos fins do Instituto.

e) Informar e asesorar o Consello de Dirección de todos cantos asuntos se lle encomenden.

f) Asesorar en materia de fomento, promoción e impulso da calidade dos produtos alimentarios galegos.

g) Impulsar e fomentar a colaboración entre os distintos consellos reguladores e outros órganos de xestión das denominacións de calidade.

h) Asesorar en materia de incardinación das medidas de promoción dos produtos alimentarios, de desenvolvemento rural, ambiental, turismo, gastronomía, artesanía e cultural.

i) Informar sobre as propostas que presente a Administración, o sector ou os consumidores con incidencia na elaboración ou a calidade dos produtos alimentarios.

j) Recibir, coñecer e informar as propostas remitidas polo comité científico e polo comité consultivo das denominacións de calidade perante o Consello de Dirección, cando así llo requira este.

k) Calquera outra función que se lle atribúa expresamente.

Artigo 13º.-Réxime de funcionamento do Consello Asesor.

1. Para a válida constitución do Consello Asesor, para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase en primeira convocatoria a presenza dos titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, dos que os substitúan, e da metade, cando menos, do resto dos seus membros.

Transcorrido o prazo que estableza a Presidencia, para o quórum en segunda convocatoria requirirase a presenza dos titulares da Presidencia e Secretaría ou, de ser o caso, dos que os substitúan e cando menos un terzo do resto dos seus membros.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Os acordos serán adoptados por maioría de votos dos asistentes.

3. O Consello Asesor reunirase en sesión ordinaria como mínimo dúas veces ao ano. Así mesmo poderá reunirse con carácter extraordinario, por iniciativa da Presidencia ou por petición xustificada de, cando menos, a metade máis un dos seus membros.

4. O Consello Asesor poderá elaborar normas de funcionamento interno que complementen o disposto neste artigo.

5. O Consello de Dirección do Instituto potenciará o labor do Consello Asesor como órgano catalizador dunha participación efectiva dos sectores produtor, transformador e comercializador, dos consumidores e do mundo académico, na toma de decisións en materia de demanda tecnolóxica e actuacións a prol da calidade alimentaria e a protección e promoción dos produtos galegos acollidos a indicativos de calidade diferenciada.

6. Os gastos de funcionamento do Consello Asesor financiaranse mediante os créditos habilitados para estes efectos no orzamento do Instituto.

Artigo 14º.-Comité consultivo das denominacións de calidade

1. O comité consultivo das denominacións de calidade créase como órgano de consulta e asesoramento do Ingacal en materia de denominacións de calidade. Estará constituído, en pleno, polos titulares da Presidencia, da Vicepresidencia e da Dirección do Instituto e os presidentes e presidentas dos distintos consellos reguladores, correspondendo a Presidencia e a Secretaría deste comité ás mesmas persoas que o sexan do Consello de Dirección.

2. Así mesmo, poderá funcionar mediante comisións sectoriais, formadas polos membros mencionados do Instituto e polos presidentes e presidentas dos consellos reguladores correspondentes ao sector obxecto de estudo do que se trate.

Artigo 15º.-O Comité Científico.

1. O Comité Científico é o órgano consultivo e de asesoramento do Instituto en cuestións técnicas, científicas, formativas e de transferencia tecnolóxica en materia agraria.

2. Os membros do Comité Científico, así como o seu presidente ou presidenta e a súa secretaría, serán nomeados pola Presidencia do Instituto, tendo en conta a diversidade de disciplinas que inciden na investigación e formación agraria. Nel integraranse personalidades relevantes no campo científico, ademais dunha representación do persoal científico dos centros de investigación, que en número de tres serán elixidos polos propios investigadores dos centros. Así mesmo formará parte un vogal en representación da subdirección xeral competente en materia de formación e transferencia de tecnoloxía agraria, e serán nomeados tres vogais máis, en representación dos sindicatos agrarios, consellos reguladores e das industrias agroalimentarias, correspondendo un vogal a cada un dos ditos entes, por proposta das respectivas organizacións máis representativas.

O número de vogais non será superior a dez. A pertenza a este comité non xerará dereitos laborais.

3. Os vogais do Comité Científico renovaranse cada catro anos.

4. Nas súas reunións a Secretaría será exercida por un funcionario do Instituto, designado pola Dirección deste, con voz pero sen voto.

O Comité Científico dará traslado á Dirección do Instituto de todos os acordos que adopte.

5. Son funcións do Comité Científico:

a) Asesorar o Consello de Dirección do Instituto na definición de liñas ou aspectos estratéxicos de índole científica, tecnolóxica e organizativa, así como formular propostas e elaborar informes sobre as cuestións solicitadas e realizar propostas por propia iniciativa.

b) Propoñer e asistir á elaboración dos anteproxectos de plans estratéxicos de investigación e de actuacións formativas do Instituto.

c) Propoñer fins, obxectivos e liñas de actuación do Instituto, no ámbito dos programas que para tal efecto se aproben e dos plans de investigación e desenvolvemento tecnolóxico estatal e autonómico en materia agraria.

d) Suxerir modificacións na estrutura e organización científica do Instituto, así como propoñer liñas prioritarias de traballo que se incluirán nos plans estratéxicos da política científica de Galicia.

e) Asesorar en calquera outra cuestión que se someta á súa consideración.

Capítulo III

Réxime xurídico, económico e patrimonial

Artigo 16º.-Réxime xurídico.

1. O Ingacal rexerase pola lei da súa creación, por este decreto e demais normativa aplicable. Axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico privado, salvo en materia de persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia que presta os seus servizos ao Instituto e cando exerza potestades administrativas, nas que lle será de aplicación a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas administrativas que lle sexan de aplicación.

2. Nas súas actividades de contratación, o Instituto axustarase ao previsto na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e no texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, e polas disposicións que o desenvolvan, así como polas que poidan ditarse en modificación dunhas e outras.

Así mesmo, nesta materia e en materia de persoal contratado en réxime de dereito laboral polo Instituto, élle de aplicación a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

Artigo 17º.-Réxime de recursos.

1. Os actos de xestión e disposición realizados polo Ingacal e sometidos ao dereito privado poderanse impugnar ante a xurisdición competente de acordo coa normativa procesual vixente.

2. Así mesmo, os actos sometidos ao dereito administrativo rexeranse pola Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, de acordo con esta, logo do esgotamento da vía administrativa, poderanse impugnar ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Porán fin á vía administrativa os acordos ou resolucións que, sometidos ao dereito administrativo, diten o presidente do Ingacal ou o seu Consello de Dirección.

Artigo 18º.-Réxime económico.

1. Os recursos económicos do Ingacal son:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas polos orzamentos xerais da comunidade.

b) As asignacións conseguidas a través de convocatorias autonómicas, estatais e internacionais de financiamento público de proxectos de investigación, infraestrutura e recursos humanos.

c) Os ingresos que poida percibir pola prestación de servizos e en concepto de taxas, prezos públicos e privados.

d) Os derivados de convenios, subvencións ou contribucións voluntarias de administracións, entidades ou particulares.

e) Os rendementos que xere o seu patrimonio.

f) Os créditos, préstamos e demais operacións comerciais ou financeiras que concerte.

g) Os rendementos económicos que lle produza a venda ou cesión dos seus produtos, estudos, traballos técnicos e publicacións e, en xeral, as súas operacións comerciais ou financeiras.

h) O importe dos créditos por transferencias, correntes ou de capital, consignados nos orzamentos xerais do Estado ou da Unión Europea, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio das competencias que ten atribuídas o Instituto.

i) Os dividendos que poida percibir das empresas nas que participe.

j) Calquera outros que lexitimamente poida percibir.

2. Para facer efectivos os seus créditos, de toda índole, o Instituto poderá empregar o procedemento executivo, da forma prevista na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 19º.-Réxime financeiro.

O réxime financeiro, contable e orzamentario do Ingacal axustarase ás normas establecidas para as sociedades públicas autonómicas previstas no artigo 12.1º.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 20º.-Patrimonio.

1. Para o cumprimento dos seus obxectivos o Ingacal conta con patrimonio propio, constituído polo conxunto de bens e dereitos, incluso toda clase de propiedades incorporais e de obrigas da súa titularidade.

Os bens do patrimonio da comunidade autónoma que se lle adscriban ou cedan, para o cumprimento dos seus fins, non perderán por esta adscrición a súa condición xurídica orixinaria.

2. Ademais dos bens adscritos ou cedidos, de acordo co disposto no parágrafo anterior, formarán parte do seu patrimonio todos os bens, valores e dereitos que adquira no exercicio das súas funcións.

3. O Ingacal poderá adscribir ás súas entidades instrumentais bens ou dereitos do seu patrimonio, para o cumprimento dos obxectivos que teña encomendados.

4. Para a cesión gratuíta de bens inmobles do patrimonio do Ingacal será necesario acordo do Consello da Xunta de Galicia.

5. No caso de disolución do Ingacal o seu patrimonio reverterá ao da comunidade autónoma.

Capítulo IV

Persoal

Artigo 21º.-Persoal.

1. No Ingacal poderán prestar servizos persoal contratado en réxime de dereito laboral polo Instituto, incluído, se é o caso, persoal directivo, e sen prexuízo do establecido na disposición transitoria primeira.

2. En materia do persoal ao que se refire o punto anterior, o Instituto rexerase polo disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación. Para a provisión deste persoal, cando se trate de postos que se van cubrir con carácter temporal, poderase recorrer ás listas de contratación da Xunta de Galicia no caso de existir nestas as categorías, as especialidades, as áreas de coñecemento e a experiencia profesional concretas que se precisen para cada posto.

3. Co fin de promover a igualdade entre homes e mulleres, en materia de persoal o Instituto rexerase tamén polo disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

4. Pertencer ao Consello de Dirección non xerará dereitos laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Órganos colexiados.

En todo o non disposto neste decreto en canto ao funcionamento dos órganos colexiados do Ingacal, aplicaranse os preceptos da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Tramitación administrativa.

O titular da Consellería do Medio Rural determinará os procedementos administrativos que pasen a tramitarse polo Ingacal, así como o oportuno traslado dos expedientes administrativos e demais antecedentes.

Terceira.-Entrada en funcionamento.

O Ingacal comezará a desenvolver as súas actividades, unha vez aprobado o seu orzamento, na data que dispoña o titular da Consellería do Medio Rural, logo da entrada en vigor deste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Integración do persoal.

1. O persoal funcionario de carreira da Xunta de Galicia que á entrada en vigor deste decreto preste servizos ou se atope en situación de servizos especiais na Subdirección Xeral de Investigación Agraria e Forestal (servizos centrais de Santiago de Compostela-A Coruña), no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo-A Coruña), na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro -Ourense), nas estacións experimentais de Salceda

de Caselas e de Ribadumia (Pontevedra), e no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Abegondo-A Coruña), dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural, poderá optar, mediante escrito dirixido ao presidente do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, e no prazo dun ano desde o día seguinte á publicación deste decreto, por integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral fixo deste, con recoñecemento, en todo caso, das condicións retributivas que tivesen no posto de orixe, a antigüidade e trienios que lle correspondan, quedando no seu corpo de orixe na situación de excedencia por incompatibilidade prevista no artigo 55.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. No suposto de reingreso na Administración galega terán dereito ao recoñecemento do tempo que permanecesen en tal situación, para efectos de antigüidade e dereitos pasivos.

No caso de non exercitar a devandita opción, o persoal ao que se refire o parágrafo anterior, permanecerá no posto de traballo que ocupaba na relación de postos de traballo na Consellería do Medio Rural, prestando os seus servizos no Ingacal.

O disposto nos dous parágrafos anteriores será de aplicación ao persoal funcionario de carreira que actualmente estea en comisión de servizos e o seu posto de orixe pertenza a algunha das dependencias citadas da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal. Non obstante, no caso de non exercitar a opción de integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal fixo deste, permanecerá no posto que ocupaba na relación de postos de traballo na Consellería do Medio Rural, e prestará os seus servizos no Ingacal cando remate a súa comisión de servizos.

2. O persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que á entrada en vigor deste decreto preste servizos ou se atope en situación de excedencia forzosa na Subdirección Xeral de Investigación Agraria e Forestal (servizos centrais de Santiago de Compostela-A Coruña), no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo-A Coruña), na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense), nas estacións experimentais de Salceda de Caselas e de Ribadumia (Pontevedra), e no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Abegondo-A Coruña), dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural, poderá optar, mediante escrito dirixido ao presidente do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, e no prazo dun ano desde o día seguinte á publicación deste decreto, por integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral fixo deste, con recoñecemento, en todo caso, das condicións retributivas que tivesen no

posto de orixe, a antigüidade e dereitos laborais que lle correspondan, quedando no seu grupo e categoría de orixe na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade prevista no artigo 24.5º do

IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. No suposto de reingreso na Administración galega terán dereito ao recoñecemento do tempo que permanecesen en tal situación, para efectos de antigüidade, podendo optar a un posto de igual ou inferior categoría á da súa orixe.

No caso de non exercitar a devandita opción, o persoal o que se refire o parágrafo anterior, permanecerá no posto de traballo que ocupaba na relación de postos de traballo na Consellería do Medio Rural, prestando os seus servizos no Ingacal.

3. O persoal interino da Xunta de Galicia que á entrada en vigor deste decreto preste servizos na Subdirección Xeral de Investigación Agraria e Forestal (servizos centrais de Santiago de Compostela-A Coruña), no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo-A Coruña), na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense), nas estacións experimentais de Salceda de Caselas e de Ribadumia (Pontevedra), e no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Abegondo-A Coruña), dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural, permanecerá no seu posto de traballo en tanto non se produza o seu cesamento por algunha das causas previstas no artigo 7.3º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

4. O persoal laboral temporal que á entrada en vigor deste decreto estea prestando servizos na Subdirección Xeral de Investigación Agraria e Forestal (servizos centrais de Santiago de Compostela-A Coruña), no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo-A Coruña), na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense), nas estacións experimentais de Salceda de Caselas e de Ribadumia (Pontevedra), e no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Abegondo-A Coruña), dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural, ocupando temporalmente prazas vacantes incluídas na relación de postos de traballo da consellería reservadas a persoal laboral da Xunta de Galicia, permanecerá no seu posto de traballo en tanto non se produza o seu cesamento por algunha das causas previstas legalmente.

De igual xeito, o persoal que, á entrada en vigor deste decreto, preste servizos nas devanditas unidades administrativas cuxas funcións asume o Instituto, en virtude dunha relación laboral de carácter temporal ou de duración determinada, continuará prestando servizos para os que foron contratados ata que se extingan polas causas consignadas validamente no contrato.

5. O persoal investigador doutor seleccionado mediante as correspondentes convocatorias públicas (INIA/CCAA; Ramón y Cajal; Parga Pondal ou similares), que á entrada en funcionamento do Ingacal estivese prestando os seus servizos nos centros de

investigación dependentes da Consellería do Medio Rural, e que supere o correspondente proceso de selección, de acordo cos principios de mérito, capacidade e publicidade e demais normas aplicables en materia de persoal, pasará a formar parte do cadro de investigadores do Ingacal como persoal fixo.

6. Aquelas persoas que á entrada en vigor desta norma teñan unha relación como bolseiro coa Consellería do Medio Rural e estean destinadas nas unidades administrativas cuxas funcións asume o Instituto, continuarán na dita situación ata que conclúa a duración da súa bolsa.

7. O persoal laboral dos consellos reguladores que á entrada en funcionamento do Ingacal, estivese desenvolvendo nel tarefas e servizos que pasen a ser prestados polo Instituto poderán, tras superar o correspondente proceso de selección, entrar a formar parte do cadro de persoal contratado en réxime de dereito laboral polo Instituto. No dito proceso será valorado o tempo de servizos prestados e a experiencia nos labores que se van realizar de acordo ás características do posto de traballo ao que se opta.

8. O persoal do Instituto contratado en réxime de dereito laboral, ao que se refire artigo 21.1º deste decreto, será rexido polo convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, en tanto non se aprobe outro convenio específico. Deste precepto exclúese, se é o caso, o persoal directivo, cuxa relación será rexido polo respectivo contrato laboral sen que poidan fixarse en ningún caso indemnizacións por razón da extinción da relación xurídica por una contía superior á fixada na lexislación reguladora na relación laboral de alta dirección.

9. No caso de disolución do Ingacal, e sen prexuízo das normas reguladoras que se adopten no momento en que esta se poida producir, o persoal funcionario de carreira e laboral fixo que exercera a opción de integración como persoal laboral fixo do Ingacal prevista nesta disposición transitoria, volverá a reintegrarse na Administración ou nos organismos ou entes que asuman as competencias do citado Instituto.

Segunda.-Control e certificación de novas denominacións de calidade.

En tanto o Ingacal non inicie as súas actividades en materia de control e certificación, estes labores, en relación coas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que se recoñezan logo da aprobación deste decreto, poderán ser realizadas pola Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase o titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA