DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2007 Páx. 738

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 258/2006, do 28 de decembro, polo que se crea a Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística.

A Constitución española de 1978, no seu artigo 3.3º, dispón que «a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección».

O Estatuto de autonomía de Galicia de 1981, no seu artigo 5.3º, establece que «os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento».

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en consonancia coas disposicións precedentes, asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.

O Parlamento de Galicia aprobou o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación parlamentaria, o Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece como un dos obxectivos asegurar que na Administración autonómica o galego sexa a lingua habitual nas relacións internas, nas relacións entre as administracións e nas relacións cos cidadáns.

O Plan xeral de normalización da lingua galega nace con vocación de acadar unha serie de metas en diferentes sectores da sociedade. Logo de facer unha diagnose da situación de cada un deles, recolle unha serie de medidas encamiñadas a conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso.

A Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística revélase como o instrumento idóneo para facer cumprir os obxectivos establecidos para o sector da Administración autonómica, procurando a extensión dos ámbitos de uso do galego, removendo obstáculos que impidan a súa utilización e fortalecendo os sectores onde xa existe unha base arraigada.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son propias, esta comisión contará cunha comisión executiva interdepartamental para a normalización lingüística, na que participarán, así mesmo, todos os departamentos da Xunta de Galicia, procurándose unha composición paritaria entre homes e mulleres de acordo co previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes. Esta comisión garantirá a homoxeneidade e a corresponsabilidade nas accións que se implanten para a consecucións dos obxectivos de normalización lingüística na Administración autonómica.

Así mesmo, créanse as comisións de traballo de normalización lingüística en cada consellería ou en cada un dos órganos superiores da Xunta de Galicia, na que se procurará, así mesmo, unha composición paritaria entre mulleres e homes, coa finalidade de que todos os departamentos desenvolvan a súa propia planificación de normalización lingüística tanto nos usos ou trámites internos como cara á cidadanía.

Incorpórase como premisa de traballo destas comisións a promoción dunha política de igualdade na normalización do uso do galego na Administración pública procurando un uso non sexista da linguaxe.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1.º-Creación.

Créase a Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística como órgano de impulso e coordinación do proceso de normalización lingüística no ámbito da Administración autonómica.

Esta comisión quedará adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Composición.

A Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística estará constituída polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa que ocupe a Presidencia da Xunta de Galicia.

Vicepresidencia: a persoa que estea ao cargo da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Vogais: as persoas que estean ao cargo das secretarías xerais da Presidencia, da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Secretaría: desenvolverá esta función, actuando con voz pero sen voto, a persoa encargada da Subdirección Xeral de Política Lingüística.

Esta comisión reunirase en sesión ordinaria unha vez ao ano. Tamén poderá ser convocada, con carácter extraordinario, pola Presidencia, por iniciativa propia ou por petición dunha maioría simple dos seus membros.

Artigo 3.º-Funcións da Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística.

A Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística asume en pleno, de acordo cos seus fins, as seguintes funcións:

a) Definir as liñas políticas de actuación nos diferentes sectores da Administración autonómica no proceso de normalización lingüística.

b) Promover accións transversais encamiñadas ao fomento e ao uso do galego nos diferentes departamentos, direccións xerais e entidades dependentes da Xunta de Galicia.

c) Promover accións conxuntas para asegurar o cumprimento da lexislación vixente en materia de política lingüística no ámbito da Administración autonómica e garantir o respecto dos dereitos lingüísticos en todos os eidos, corrixindo situacións de discriminación lingüística.

d) Impulsar as iniciativas necesarias para conseguir que o galego sexa a lingua habitual nas relacións internas, nas relacións entre as administracións e nas relacións cos cidadáns no ámbito da Administración autonómica.

e) Establecer a cultura da planificación e da dinamización participativa na Administración autonómica, como claves para a promoción do uso da lingua galega.

f) Promover a coordinación das diferentes institucións e organismos para optimizar os recursos existentes, co fin de acadar de forma máis eficaz os fins e obxectivos previstos no Plan xeral de normalización da lingua galega.

g) Promover unha mellora das actitudes do persoal ao servizo da Administración pública cara á lingua galega, co obxectivo de que se practique unha oferta positiva que xeneralice o uso do galego na Administración e de que se garanta que os altos cargos fagan uso público, tanto oral como escrito, da lingua galega.

h) Promover a promulgación das disposicións legais e/ou regulamentarias necesarias para facilitar e desenvolver o proceso de normalización da lingua galega.

i) Promover, de ser o caso, iniciativas sobre o uso do galego noutras administracións públicas.

j) Aprobar o informe anual da actividade das comisións de traballo.

k) Avaliar o grao de consecución dos obxectivos das distintas accións establecidas nas alíneas anteriores.

l) Aqueloutras funcións que lle encomende a Presidencia.

Artigo 4º.-Comisión Executiva Interdepartamental para a Normalización Lingüística.

Co obxecto de garantir a homoxeneidade e a corresponsabilidade no cumprimento dos obxectivos de normalización lingüística que defina a Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística, créase a Comisión Executiva Interdepartamental para a Normalización Lingüística, que estará formada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa que estea ao cargo da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Vicepresidencia: a persoa que estea ao cargo da Subdirección Xeral de Política Lingüística.

Vogais: unha persoa en representación de cada un dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia, da Vicepresidencia e das consellerías, designada polos seus responsables entre funcionarios/as con rango orgánico de subdirección xeral. Procurarase unha composición paritaria entre homes e mulleres.

Secretaría: desenvolverá esta función, actuando con voz pero sen voto, un funcionario/a da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 5º.-Funcións da Comisión Executiva Interdepartamental para a Normalización Lingüística.

As funcións da Comisión Executiva Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística son as seguintes:

a) Definir e poñer en marcha as medidas necesarias para a consecución dos obxectivos definidos pola Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística e remover calquera obstáculo que poida xurdir na consecución dos seus fins, actuando como órgano dinamizador de todo o proceso de normalización.

b) Definir as liñas de actuación comúns para os diferentes sectores ou ámbitos da Administración autonómica que permitan avanzar no proceso de normalización lingüística de forma conxunta e homoxénea.

c) Planificar e programar o proceso de implantación das medidas necesarias para a normalización lingüística en cada sector.

d) Deseñar medidas para garantir que as persoas nomeadas para ocupar altos cargos da Administración autonómica fagan uso público do galego, tanto oral como escrito.

e) Deseñar medidas para conseguir unha mellora das actitudes do persoal ao servizo da Administración pública cara á lingua galega co obxectivo de que o galego sexa a lingua de uso habitual na Administración.

f) Procurar o apoio técnico necesario para a consecución dos obxectivos de normalización lingüística nos distintos departamentos.

g) Analizar e efectuar o seguimento dos resultados acadados polas medidas e actuacións implantadas nos diversos departamentos e, de acordo con eses resultados, promover medidas de mellora e novos plans de actuación.

Artigo 6º.-Comisións de traballo para a normalización lingüística.

En cada un dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia, da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, constituirase unha comisión de traballo para a normalización lingüística que desenvolverá, no ámbito de cada departamento, as medidas e accións nos termos definidos pola Comisión Executiva para a Normalización Lingüística.

Estarán coordinadas polos representantes de cada departamento na citada comisión executiva. Estarán integradas por unha persoa en representación de cada centro directivo, organismo autónomo, sociedades e entidades públicas adscritas a cada departamento, tratando de garantir unha composición paritaria entre sexos.

Desempeñarán as súas funcións baixo a supervisión e apoio dun técnico/a designado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén poderán estar asistidas por expertos ou asesores que procedan, en función do tema de que se trate.

As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas determinen, por petición da Presidencia, por petición da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou pola maioría simple dos seus membros.

Artigo 7º.-Funcións das comisións de traballo para a normalización lingüística.

As funcións das comisións de traballo para a normalización lingüística son as seguintes:

a) Efectuar unha diagnose da situación do galego nos seus diferentes ámbitos de actuación, salientando os puntos fortes e as áreas de mellora en cada un deles.

b) Elaborar un catálogo de medidas de acordo coas carencias detectadas en cada ámbito para mellorar e corrixir a situación.

c) Propiciar o intercambio de información permanente entre cada departamento e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, co fin de que esta poida xestionar a información e o coñecemento derivado des experiencias de cada departamento para optimizar os recursos.

d) Adoptar as medidas necesarias para que as persoas que traballan ao servizo da Xunta de Galicia, en calquera dos seus departamentos, practiquen unha oferta positiva que xeneralice o uso do galego na Administración.

e) Conseguir que todos os procesos institucionais de formación e actualización do persoal ao servizo da Administración se desenvolvan de tal maneira que logren mellorar a competencia técnica en galego e as actitudes favorables á lingua.

f) Velar para que, no marco das súas competencias, os poderes públicos, as institucións, as empresas e os organismos públicos actuantes en Galicia respecten a toponimia oficial como obriga legal.

g) Establecer actuacións conxuntas de promoción da lingua galega para todos os centros directivos, organismos autónomos, sociedades ou calquera tipo de entidades públicas adscritas a cada departamento.

h) Elaborar un informe anual resumo destas actuacións.

i) Aqueloutras funcións que lles fosen encomendadas.

Artigo 8º.-Coordinación e apoio que prestará a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística será responsable da coordinación técnica da Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística.

Para iso elaborará os materiais necesarios, definirá as metodoloxías de traballo e as liñas comúns de actuación e prestaralles apoio técnico e asesoramento á Comisión Executiva Interdepartamental e ás comisións de traballo, actuando como órgano dinamizador do proceso de normalización da lingua galega, coidando, así mesmo, do fomento do uso non sexista da linguaxe.

Disposición adicional

Establécese un prazo dun mes, contado desde a publicación deste decreto, para que a Presidencia, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e as consellerías que conforman a estrutura da Xunta de Galicia determinen os representantes que formarán parte da Comisión Executiva Interdepartamental para a Normalización Lingüística.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 221/1990, do 22 de marzo, polo que se crea a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza