DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2007 Páx. 665

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 257/2006, do 28 de decembro, sobre autorizacións en materia de identificación de máquinas recreativas.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de ordenación de casinos, xogos e apostas, con exclusión das apostas mutuas deportivo benéficas.

O Real decreto 228/1985, do 16 de febreiro, de traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de casinos e xogos, ao recoller a competencia exclusiva da comunidade autónoma sobre a materia de casinos, xogos e apostas, con exclusión das apostas mutuas deportivo benéficas, establece que unha serie de funcións e servizos propios desta competencia permanecen na Administración do Estado. En concreto di que seguirán sendo de competencia estatal e exercidas por esta «...c) a homologación e identificación do material de xogo».

A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, non trata a regulación concreta das máquinas de xogo. O Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar, establece na súa disposición adicional primeira que «no que non sexa contrario ao disposto na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e no presente regulamento, en materia de identificación e características técnicas das máquinas e homologación e inscrición dos modelos, aplicarase o previsto na lexislación do Estado».

As modificacións que puidesen operarse na lexislación do Estado en canto ás características técnicas das máquinas, para os efectos de homologación e inscrición dos modelos, non implicarán a ineficacia xurídica dos actos administrativos de homologación e inscrición de modelos de máquinas anteriores á data de entrada en vigor da nova normativa, pero tales modelos xa inscritos deberán adaptarse ás previsións da nova normativa ou ser deixados fóra de explotación no período de dous anos que comezará a contar desde aquela entrada en vigor».

O BOE publica, con data do 20 de novembro de 2002, a sentenza do Tribunal Constitucional 204/2002, do 31 de outubro: recurso de inconstitucionalidade 1251/1997, promovido polo Consello Executivo da Generalitat de Cataluña, contra o artigo 24 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social.

O citado artigo 24 crea a taxa por expedición de guías de circulación para máquinas recreativas e de azar dos tipos A, B e C en todo o territorio nacional. A sentenza establece no seu fundamento xurídico 5 que «resulta claro que a Generalitat de Cataluña, e as restantes comunidades autónomas, son as administracións competentes nos seus respectivos territorios para a expedición das guías de circulación para máquinas recreativas y de azar, por canto dispoñen da potestade normativa para regular as carac

terísticas de fabricación e homologación deste instrumento de xogo. Seguindo o mencionado principio, segundo o cal, a competencia para crear taxas por servizos deriva necesariamente da que se ten para organizar os servizos públicos correspondentes, a competencia para crear a taxa por expedición das referidas guías de circulación correspóndelles ás comunidades autónomas, e non ao Estado».

A Administración autonómica procede a asumir, en coherencia coa competencia exclusiva que ostenta en materia de xogo, a regulación dos aspectos relativos á identificación e características técnicas das máquinas e homologación e inscrición dos modelos de máquinas.

Faise necesario atribuírlles aos correspondentes órganos da Administración galega o exercicio das competencias que derivan do marco normativo exposto e regular, especificamente, o exercicio da potestade de autorizar as guías de circulación.

A publicación desta norma pretende incorporar ao ordenamento de Galicia os aspectos puntuais de identificación de material de xogo que son necesarios para a emisión das guías de circulación. Guías que, segundo o Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar, son necesarias para o outorgamento e a extinción das autorizacións de explotación das máquinas individualizadas (artigos 51 e 55, para tramitar a suspensión provisional da autorización de explotación, para os cambios de máquinas e os cambios de titularidade de máquina).

As guías de circulación son un documento esencial para a identificación das máquinas e deben estar colocadas na propia máquina e o empresario operador debe dispor como documento obrigatorio dun exemplar.

Tendo en conta que neste momentos se está a negociar a redacción dunha nova Lei de xogo que permita integrar este importante sector económico as novas tecnoloxías e incorporar os novos xogos que xorden neste ámbito, a organización dun novo procedemento de expedición de guías podería dar lugar ao atraso da creación dun novo marco normativo íntegro e suporía, ao sector de máquinas, dificultades engadidas ás derivadas da actual definición do artigo 17 da vixente Lei de xogo. Polo tanto, parece oportuno que, para este período transitorio, se proceda a asumir o máis mimeticamente posible o sistema establecido na normativa do Estado vixente nestas materias de identificación de material ata a publicación da nova normativa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión do Xogo de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é regular as autorizacións en materia de identificación do material de xogo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Atribución de funcións.

1. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de xogo o outorgamento das autorizacións

para a identificación do material de xogo a que se refiren os artigos seguintes.

2. As solicitudes de autorización dirixiranse á dirección xeral competente xunto coa documentación que proceda, enviada esta por duplicado, segundo o disposto neste decreto.

Artigo 3º.-Marcas de fábrica.

1. Antes da súa saída ao mercado, a empresa fabricante ou importadora deberá gravar no microprocesador ou memoria que almacena o programa de xogo de cada máquina un código cos datos seguintes:

a) Número que lle corresponda ao fabricante ou importador no Rexistro de Xogo, Sección I, da dirección xeral competente na materia.

b) Número do modelo que lle corresponda.

c) Serie e número de fabricación da máquina, que deberá ser correlativo.

2. Así mesmo, os circuítos integrados que almacenan o programa de xogo ou memoria deberán estar cubertos por un papel opaco aos raios ultravioletas, coa identificación do fabricante e o modelo ao que corresponde, que deberá autodestruírse se se intentase a súa manipulación. A dita memoria poderá contar tamén con outros mecanismos protectores que garantan a súa integridade.

3. Nas máquinas importadas figurará, ademais, o nome ou marca comercial do fabricante estranxeiro e o país de fabricación daquelas. Este último requisito non será exixible ás máquinas procedentes dalgún Estado membro da Unión Europea ou pertencente ao espazo económico europeo, neste caso abondará coa indicación dun responsable da posta no mercado do produto.

Artigo 4º.-Certificado do fabricante.

1. O certificado do fabricante é o documento que, emitido polos fabricantes ou importadores debidamente inscritos no Rexistro de Empresas, serve para obter da Administración competente a correspondente guía de circulación individualizada.

2. Este certificado emitirase necesariamente en modelo normalizado e da veracidade dos seus datos responde o fabricante ou importador que o emita.

Artigo 5º.-Guías de circulación.

1. A guía de circulación é o documento oficial que ampara a legalidade individualizada da máquina en canto á súa correspondencia co modelo inscrito e en canto á súa titularidade. A dita guía deberá estar xunto coa máquina nos seus diferentes traslados e nos locais onde estea instalada e reflectirá as distintas vicisitudes que a máquina puidese experimentar.

2. A guía de circulación estenderaa en modelo normalizado a dirección xeral competente, xuntando as empresas operadoras os correspondentes certificados do fabricante, e nela farase constar:

a) Nome ou razón social da empresa fabricante ou importadora, número de inscrición no Rexistro de Empresas e número de identificación fiscal.

b) Tipo e nome do modelo da máquina, número de inscrición no Rexistro de Modelos da Comisión Nacional de Xogo, serie e número de fabricación.

c) Data de fabricación da máquina.

d) Modelo, serie e número dos contadores que incorpora.

e) O número da autorización de explotación e o período de validez.

Faranse constar, así mesmo, na guía de circulación los cambios de titularidade e as renovacións.

3. A guía de circulación terá unha validez de catro anos, contados a partir do 31 de decembro do ano da súa expedición. Poderá renovarse por períodos sucesivos de catro anos, despois da inspección da máquina, sempre que esta reúna os requisitos exixidos pola lexislación vixente no momento da súa renovación.

4. Rematada a vixencia da guía sen que se renove, procederá a baixa definitiva da máquina na súa explotación.

5. Para formalizar as baixas, coa solicitude xuntarase a guía e demais documentación que ampare a situación da máquina de xogo e das circunstancias en que esta se atope.

Artigo 6º.-Certificado de traslado.

O traslado das máquinas fóra da comunidade autónoma leva consigo a devolución da guía á Administración e a emisión, por parte da dirección xeral competente, dun certificado no cal se determinen os seguintes datos:

a) Datos do fabricante ou titular da guía: empresa, código de inscrición nas comunidades de saída e destino, domicilio, CIF e datos do representante da empresa.

b) Datos da empresa adquirinte: empresa, código de inscrición nas comunidades de saída e destino, domicilio, CIF e datos do representante da empresa.

c) Datos da máquina comercializada: indicando o modelo, nº de homologación, serie e número e nº da guía de circulación que lle foi asignado.

d) Lugar de saída e destino da máquina comercializada.

Disposicións transitorias

Primeira.-Todas as guías en vigor asociadas a un permiso de explotación vixente no momento da entrada en vigor desta norma disporán dun período de 4 anos para contar cun modelo normalizado da guía emitido pola dirección xeral con competencia na materia.

Segunda.-As guías emitidas pola Comisión Nacional de Xogo do Ministerio de Interior serán documento suficiente para obter o modelo normalizado autonómico.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA