DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2007 Páx. 613

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 21 de decembro de 2006 pola que se aproba definitivamente o proxecto de modificación puntual número 8 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) para incluír un elemento no catálogo de protección.

O Concello de Vilagarcía de Arousa remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vilagarcía de Arousa foi aprobado definitivamente polo Concello o 4-2-2000, ao abeiro da Lei 1/1997 do solo de Galicia.

2. A modificación é formulada polo Concello de Vilagarcía de Arousa e ten por finalidade incluír no catálogo do PXOM a cheminea da antiga factoría Larsa, como mostra significativa da arquitectura industrial e a definición da súa área de protección, pasando a formar parte, por conseguinte, do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

3. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Pleno en sesión do 24 de novembro de 2005. Foi sometido a información pública mediante a publicación de anuncio nos xornais Diario de Arousa e La Voz de Galicia do 22 de marzo de 2006 e mediante publicación no DOG nº 75, do 19 de abril de 2006. Déuselles audiencia aos municipios limítrofes de Vilanova de Arousa, Catoira e Caldas de Reis.

No expediente consta o informe da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible do 21 de abril de 2006 que sinala que esta modificación non produce efectos significativos na sustentabilidade da súa contorna de afectación. Consta igualmente un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte do 27 de outubro de 2005.

Constan informes municipais previos á aprobación provisional: técnico do 23 de maio de 2006 e xurídico do 21 de xuño de 2006.

A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno en sesión do 29 de xuño de 2006.

4. O proxecto está integrado por memoria e planos da ordenación, redactado polo arquitecto municipal Eugenio Jiménez Passolas e identificados en novembro do ano 2005.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. A Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta no cal se expresa que a modificación se axusta a un fin de interese xeral a que fai referencia o artigo 94.1º da Lei 9/2002 e non se detectan no proxecto deficiencias que impidan a súa aprobación definitiva.

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

aprobar definitivamente a modificación puntual nº 8 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes