DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2007 Páx. 568

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2006, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, pola que se establece o uso da CIE-9-MC, 5ª edición en castelán, para a codificación diagnóstica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH) é unha colección de parte dos datos de que dispoñen os establecementos sanitarios con réxime de internamento sobre cada paciente atendido e que se recollen, no momento da alta, do informe clínico e/ou historia correspondente. O informe de alta hospitalaria é o documento básico de información para o paciente hospitalizado e para os profesionais dos distintos niveis asistenciais.

Respecto da utilidade do CMBDH, como é ben coñecido, resulta un elemento fundamental na información a nivel asistencial, de xestión do propio hospital, de planificación, epidemiolóxico e de investigación.

Son requisitos imprescindibles para a operabilidade do conxunto mínimo básico de datos a exhaustividade e a normalización dos criterios de codificación, que implican codificación centralizada, persoal especificado con formación homoxénea e a utilización dun sistema de clasificación axeitado.

O sistema de clasificación máis utilizado internacionalmente é a Clasificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica (CIE-9-MC), que sofre modificacións periódicas para adaptarse aos cambios e avances das ciencias biomédicas.

O conxunto mínimo básico de datos de alta hospitalaria regúlase en Galicia por orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia número 77, do 26 de abril).

A Resolución do 16 de xullo de 2004, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, establece o uso da CIE-9-MC, 4ª edición en castelán reactualizada para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 145, do 28 de xullo) e alude ao conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH).

Na Comunidade Autónoma de Galicia realízase o esforzo de transformar o histórico de CMBDH autonómico á última edición da CIE que estea en vigor, co fin de permitir a explotación de series temporais de grande importancia tanto para a planificación como para a xestión.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993,

RESOLVO:

1. Todos os centros sanitarios galegos con réxime de internamento quedan obrigados a utilizar, para a elaboración do conxunto mínimo básico de datos (CMBDH) a que se refire a orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993, a Clasificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica (CIE-9-MC) na súa quinta edición en castelán.

2. O histórico do CMBDH autonómico correspondente ao ano 2006 transformarase á CIE-9-MC, 5ª edición en castelán, por parte da Subdirección Xeral de Información e de Servizos Tecnolóxicos da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

3. Esta resolución deixa sen efecto a do 16 de xullo de 2004, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, que establecía o uso da CIE-9-MC, 4ª edición en castelán reactualizada, para a codificación diagnóstica en Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2006.

José Manuel Peña Penabad

Secretario xeral da Consellería de Sanidade